Opinión

A importancia da folla de ruta

Hai poucos días saíu no xornal dixital Rebelión un artigo de Stathis Kouvelakisi, grego e profesor de filosofía no King College de Londres, no que cuestionaba o acordo dos partidos de esquerda e progresistas en Portugal para desprazar ao PSD/CDS.

Hai poucos días saíu no xornal dixital Rebelión un artigo de Stathis Kouvelakisi, grego e profesor de filosofía no King College de Londres, no que cuestionaba o acordo dos partidos de esquerda e progresistas en Portugal para desprazar ao PSD/CDS. Consideraba que era un erro por parte do BE e do PCP o pacto de Governo porque o PSP non ía cumprir a súa parte. Puña como exemplo o comportamento do sector máis morno e maioritario de Syriza, e ademais matizaba que o programa asinado en Portugal era menos ambicioso que o da “esquerda radical” grega, que puña o acento na reestruturación da débeda. 

Kouvelakis rachou con Syriza cando esta forza asumiu as imposicións para o terceiro resgate. A súa é, xa que logo, unha opinión cualificada, que parte dunha experiencia deste tempo e nun contexto común, como é o representado pola Unión Europea. Porén, coido que pasa por alto que a situación económica e social de Portugal e Grecia non son idénticas. Tampouco a política. E o máis importante, non ofrece unha folla de ruta alternativa. Sinxelamente propón dar un paso atrás, contribuír á investidura do PSP, máis non formar parte do Governo, manténdose á expectativa do que suceda. 

"Os/as electores da dereita, mais tamén na esquerda, votan por un partido para que governe as institucións cun determinado programa"

Agora ben, os/as electores da dereita, mais tamén na esquerda, votan por un partido para que governe as institucións cun determinado programa, ou cando menos, que sexa quen de poñer en práctica parte do mesmo, e ademais colocar os alicerces para seguir avanzando. Non entenden que se negocie un programa e se lle outorgue a confianza a outros partidos, para que o apliquen no Governo, e logo se tome a decisión de refuxiarse na comodidade do espectador crítico. Resulta aínda menos válida esta postura cando o argumento é, como no caso de Kouvelakis, que asociados ao Executivo faltará capacidade de análise ou de coraxe para denunciar os incumprimentos e abandonar o Governo, partindo da valoración de que se repetirá a experiencia negativa da esquerda de Syriza. Se fose así, o problema non sería de folla de ruta, senón de coherencia. E esa eiva non se salva estando dentro ou fóra do Executivo, aínda que asumindo un papel afastado da primeira liña non sexa tan evidente para os/as votantes. 

Analicemos a cuestión máis polo miúdo. A presenza nas institucións debe servir para facer políticas favorábeis á maioría social. Mais se ficase só nisto, nunca se superaría o sistema, nen se acadaría a liberación. Gañar cotas de poder nas institucións ten asemade unha función estratéxica: aumentar a conciencia política. E isto débese traducir nunha maior organización e protagonismo das clases populares, especialmente da clase obreira. E, no caso concreto de Grecia, isto nunca aconteceu. Syriza, malia o enorme peso electoral e activismo nas clases medias, nunca foi quen de realizar grandes mobilizacións e carece dunha militancia entregada. A diferenza do KKE que, con menos éxito electoral, tiña e ten moita presenza na rúa. É verdade que o Goberno de Syriza fixo grandes esforzos na confrontación coa Troika para mobilizar a sociedade. Porén, faltou un traballo previo, e supeditouse todo á negociación con Bruxelas, entendendo que a saída do euro ou da Unión Europea sería un desastre. Nunca superou o reformismo. Polo tanto, todas as follas de ruta de Syriza tiñan a UE como o único escenario posíbel. E nese marco, como serodiamente recoñece Kouvelakis, non hai futuro para as clases populares e os países da periferia.

"Todas as follas de ruta de Syriza tiñan a UE como o único escenario posíbel. E nese marco, como serodiamente recoñece Kouvelakis, non hai futuro para as clases populares e os países da periferia"

Mais, sen dúbida, a principal eiva da análise de Kouvelakis é que non dá alternativa ás dúas follas de ruta tradicionais: a do asalto ao poder mediante a loita armada, proposto polos partidos revolucionarios ate a queda do socialismo real, e a da vía reformista para conseguir a maioría electoral. Non propón unha vía alternativa que permita utilizar as institucións para superar o capitalismo e favorecer ás maiorías sociais. A loita insurreccional tivo éxito en Rusia en 1917, e a guerra popular en China 1948, Cuba en 1959, Alxeria 1962, Vietnam 1945-75, e nunha morea de países de África e Asia que vincularon a liberación nacional con mudanzas favorábeis ás maiorías. A vía política para superar o capitalismo intentouse en Chile, durante o Goberno de Allende, e rematou en fracaso por mor dun golpe militar. Dende 1999 temos a experiencia de Venezuela. Nestes últimos casos os cambios foron moito máis limitados que os realizados alí onde houbo loita armada, inserindo aspectos de socialización, mais sen cuestionar o libre mercado (o capitalismo). As posibilidades de avanzar estiveron cheas de atrancos, e a tendencia a retroceder máis forte, dado que as clases dominantes seguiron tendo a hexemonía no económico e o apoio doutros poderes fácticos.

Coa correlación de forzas actual no mundo, os procesos de “insurrección popular” (revolucións de cores), de golpes militares ou institucionais, que se consolidan no poder, están ao servizo da OTAN e das potencias occidentais. Todo indica que non existen condicións para a ruptura que cuestione o imperialismo pola vía das armas. E se os houbese seguramente darían lugar a intervencións militares ou a que a guerra civil se eternizase. A decisión das FARC de abrirse á negociación co Governo da dereita para procurar unha saída negociada non é casual, por poñer o exemplo máis coñecido, da guerrilla con máis forza, apoio social e traxectoria. 

"É practicamente imposíbel ter moita militancia e simpatizantes clarificados, e polo tanto entregados e coherentes, se non se debate abertamente e define coa maior precisión a folla de ruta estratéxica que supere o reformismo"

As limitacións da folla de ruta reformista son evidentes, mesmo alí onde se pretende superar o sistema. Ademais dos dous exemplos comentados, temos os de Ecuador, Bolivia, Nicaragua, etc. O caso boliviano ten unha característica especial porque combina o modelo económico e a cuestión das nacionalidades, dándolle unha radicalidade ao proceso á marxe dos avances na socialización e o cooperativismo; hai cambios históricos no aspecto democrático, nos dereitos individuais e colectivos. Este tipo de ruptura tamén se dá cos procesos de Escocia e Catalunya. A súa radicalidade aséntase en que, recobrando o control do país, cuestionan un modelo que necesita da supresión das soberanías, de todo atranco ao libre mercado, por máis simbólico que sexa.

Formuladas estas aclaracións, volvemos á cuestión da folla de ruta, ou sexa, da necesidade de que as clases populares e as nacións sometidas conten cunha estratexia para esta etapa que lles permita conquistar a liberdade. Este é un debate esencial neste intre. De pouco vale ter un programa revolucionario, militancia organizada e entregada, se o asalto ao poder pola vía armada está conxelado, e non somos quen de realizalo pola vía política porque nos falta coherencia, atrevemento, e capacidade para conseguir a complicidade e protagonismo das clases populares. Agora ben, é practicamente imposíbel ter moita militancia e simpatizantes clarificados, e polo tanto entregados e coherentes, se non se debate abertamente e define coa maior precisión a folla de ruta estratéxica que supere o reformismo. Aínda que logo esta andaina estea suxeita a variacións tácticas, mesmo no tempo, consecuencia da correlación e confrontación de clases en cada momento. Resulta comprensíbel que a conquista dos obxectivos se demore, o que non se pode aceptar e desfai a credibilidade dun proxecto é que careza de estratexia.

"O control das institucións polas forzas revolucionarias debe ser moi grande e  asociado a unha mobilización permanente e masiva do povo"

Concretamente no caso de Portugal, sobre o que dá consellos Kouvelakis, o certo é que a folla de ruta non está mediatizada pola intervención directa das contas públicas pola Troika, como en Grecia. Polo tanto, a débeda sendo un problema importante, non é a porta que cómpre franquear para realizar a reforma fiscal e novas achegas sociais, ou para frear as privatizacións. Iso non quer dicir que a UE non teña outros mecanismos de presión, xa que todos os orzamentos necesitan o seu visto bo, e dela dependen as subvencións a unha morea de proxectos esenciais para o país. Daquela  que a confrontación coa UE será inevitábel, mesmo sendo un programa de reformas limitado, como precisa Kouvelakis. 

Neste contexto, supoñamos agora que hai partidos, como o PCP, que teñen definidos obxectivos a longo prazo, e un programa pactado con outras forzas para este momento, para botar do goberno a dereita e dar unha viraxe económica e política a Portugal. Ou sexa, ademais dunha folla de ruta a curto e longo prazo teñen definida unha política de alianzas, que responde á caracterización da sociedade e á correlación de forzas existente; algo que non se pode obviar cando se é a terceira forza da “esquerda” por presenza electoral. Claro, que neste caso, o PCP conta ao seu favor, para premer ao novo Governo, coa dirección da maior central sindical do país, e unha militancia e milleiros de simpatizantes que saíron á rúa, fixeron folgas e todo tipo de protestas acotío durante os últimos anos. Non é pouca cousa. Dirase que non abonda, que a UE ten moito control da economía, dos medios de información, e  apoio dos poderes fácticos, para exercer presión con máis forza e desestabilizar se fixese falla. Non hai dúbida. Porén esas son as batallas coas que se hai que confrontar para “asaltar o ceo” pola vía política, se se quere superar a reforma. Non hai outro camiño neste intre na Europa occidental, e pode que no resto do mundo. Ese é o reto en Portugal, e para aquelas forzas e militancia que se din revolucionarias. 

"Para un partido antisistémico hai outra tarefa esencial ¡fundamental! nas institucións, como é: aumentar o grao de conciencia política e o nivel de organización das clases populares"

Evidentemente o BE non está ben preparado para esta batalla, e iso preocúpalle a Kouvelakis que ve nese partido o seu homólogo, como non o estaban tampouco as correntes de esquerda de Syriza. Mais, esquece  que o PCP é outro tipo de organización, onde se materializa unha relación dialéctica entre as clases populares organizadas (e mobilizadas) e o ámbito institucional, polo que pode acumular e avanzar. Non é un partido de figuras, como o BE, aínda que isto lle ten custes electorais, xa que o momento favorece o afastamento dos empregados cualificados da clase obreira, e os medios dan un gran protagonismo a persoas da cultura, deporte, profesionais, etc. 

En resumo, a hexemonía nas institucións e na sociedade é importante para a ruptura democrática. Polo que, dado o poder inmenso do imperialismo e o enorme proceso de globalización da economía e da man de obra, o control das institucións polas forzas revolucionarias debe ser moi grande e  asociado a unha mobilización permanente e masiva do povo. Non é casual que o Estado español lle dea tanta transcendencia a que Catalunya apareza  dividida e que a independencia careza de maioría social aínda que teña a electoral. Mesmo tratándose dun partido tan retrógrado, o PP sabe que non todo é cuestión de forza, comprende o valor dos argumentos, a importancia do apoio social neste contexto para lexitimar a represión. Daquela que, para crear un muro a este tipo de ataques das forzas imperialistas, ademais de coherencia e un programa revolucionario a medio e longo prazo, cómpre definir as etapas, a folla de ruta, unha política de alianzas e métodos de traballo correctos, e poñer en primeiro plano o debate das ideas (repito, e iso implica: caracterización da sociedade, obxectivos, etapas e folla de ruta, organización, correlación de forzas, política de alianzas). Sen socializar os obxectivos e a estratexia, sen contar cos mellores axitadores e dirixentes, sen protagonismo das clases populares, tamén no ámbito institucional, non haberá liberación. Non é só unha loita entre bos e malos.  

Mais, para cumprir estas tarefas é central contar cunha militancia moi grande, formada e ben organizada. Ou sexa que é fundamental o partido, e por extensión a fronte cando fose necesaria. Esta estrutura é a que garante que exista unha relación estreita entre a mobilización social e a presenza institucional, e se garanta a unidade entre as tarefas, reivindicacións e discurso para o curto prazo e aquelas que teñen carácter estratéxico. Ademais, na construción e fortalecemento do suxeito político e das organizacións de masas é onde a vontade humana ten unha capacidade de axer inmediata, xa que no relativo ás condicións obxectivas, a súa transformación é máis complexa e xogan outros actores. E, para que a militancia cumpra este papel debe ter tarefas concretas e ser, e ademais verse, como protagonista do suxeito colectivo da transformación. Os partidos reformistas, que todo o fían ao eido institucional, e as estruturas montadas exclusivamente para os procesos electorais, nunca poden cumprir esta función transformadora, nen buscan ese protagonismo nos afiliados/as. Relegarán nun segundo plano o estratéxico, alentarán o tacticismo, sementarán ideas trabucadas na militancia e na sociedade, co único obxectivo de optimizar os resultados electorais. Porque, sendo importante governar, que hai que facelo cando se poda coa finalidade de mellorar as condicións de vida da povoación, para un partido antisistémico hai outra tarefa esencial ¡fundamental! nas institucións, como é: aumentar o grao de conciencia política e o nivel de organización das clases populares. Só planificando e cumprindo axeitadamente esta tarefa poderase avanzar no proceso de liberación. 

Sen folla de ruta non se poden definir as prioridades para cada etapa, nen acumular e ampliar a mobilización, nen a organización. Tampouco avanzar na conciencia política. Syriza carecía dende un principio dunha folla de ruta liberadora, apostaba por un capitalismo bo, nunha Unión Europea non imperialista. Algo imposíbel, porque o afán de lucro e poder está na súa matriz. Por iso algúns dixemos dende un principio que faltaba un plano B, que perderían a batalla con Europa, que facían unha caracterización errada da realidade. O tempo dirá se o cambio en Portugal permite unha mudanza de rumbo, e ate onde chega. O PCP e o BE seguramente teñen caracterizada a situación e definidas estratexias para decidir entrar ou non no Governo, e como isto vai incidir na formación da conciencia, na organización, e na acumulación de forzas para a ruptura. Valeranos a todos de experiencia práctica da que tirar ensinanzas.

http://manuelmera.blogaliza.org/