Opinión

A Galiza na que vivín hai seis décadas

Hai seis décadas por estas datas emigraba por segunda vez á Arxentina, retornaba despois de pasar todo o ano 1962 vivindo en Ourense, concretamente na rúa Tras-estación San Francisco. As razóns, non podía convalidar totalmente os tres anos de estudos que fixera na escola industrial en Bos Aires (unha carreira de seis anos, despois dos sete de primaria, da que se saia co titulo de técnico, coido equivalente ao de enxeñeiro técnico aquí). 

Esta segunda emigración non foi unha decisión sinxela, xa que co regreso a Galiza remataba unha experiencia, que tamén abranguía aos meus pais e irmá, coa que pretendiamos deixar no pasado a morriña pola Terra. A miña decisión afectou a toda a familia que meses despois regresou a Bos Aires.  A miña adaptación nun país tan distinto como a Arxentina, malia que chegara a el con só cinco anos, non fora doada, estaban as diferenzas culturais, a masa de inmigrantes que era vista como unha competencia polas clases traballadoras (chegaban fundamentalmente de Italia, do Estado español -EE-, sobre todo galegos/as, daquela que se lle chamase a todos “gallegos”, o que non era visto moi ben polos españois; os galegos/as eramos sobre medio millón naquela metrópole, máis que os do resto do EE). Nos primeiros meses na Arxentina soñaba coa casa en Covas de Berredo, no concello da Bola; aínda que nacín na aldea da miña nai, en Seoane de Allariz, na “terra da Mafua”.

En Bos Aires non foi sinxelo adaptarme ao cambio de lingua, polo que a mestra pediulle aos meus pais que non falaran comigo en galego na casa. Mais, aínda que deixei de falalo, ficou dentro de min, máxime cando tiña o costume de me sentar a escoitar aos moitos paisanos que nos visitaban. Nas súas conversas falaban acotío das súas vivencias de mozos, da sega en Castela, da guerra, das inxustizas, das festas, da emigración noutros países de familiares e coñecidos, das inquedanzas,... do bo e malo que ten a vida.

Aquel 1962 na Galiza deume a oportunidade de facer unha análise realista sobre a situación social e política da nosa nación

Aquel 1962 na Galiza, aínda que resultou un fracaso para os obxectivos que me tiña marcado nos estudos, deume a oportunidade de facer unha análise realista sobre a situación social e política da nosa nación, das condicións de vida das clases populares, e moi especialmente sobre as que vivían nas aldeas, coas que me sentía identificado tanto de neno como na emigración. Daquela as aldeas estaban ateigadas de xente, malia que a emigración, especialmente a Alemaña, Suíza, Venezuela, Cataluña e a País Vasco, era unha sangría que baleiraba o rural de mocidade.

Aínda a densidade demográfica era alta no interior, por exemplo a provincia de Ourense tiña 460.000 habitantes. A poboación da Galiza atinxía pouco máis de 2.600.000 persoas, practicamente as mesmas que hoxe, das que só un 15% residían nas cidades; ao que había que sumar sobre un millón e medio no exterior. A nosa era unha sociedade rural, de auto-subsistencia, mais chea de vida, aínda había moitos mozos/as. A produción industrial tiña un valor inferior a do agro, e se a ambas sumámoslle a pesca, representaban 2/3 do PIB. Na última década fixérase un gran esforzo na construción de centrais hidroeléctricas, porén aínda 700.000 persoas carecían de electricidade.

Mais, para alén das cifras, en Seoane, chamoume a atención as reunións no adro da igrexa para tratar temas do común, como o reparto da auga entre as fincas, como nas festas un pagaba a ronda de cervexa a todos/as os que estaban arredor, e bebían do xerro mesmo aqueles que non eran do grupo. Tamén participei, noutra aldea da mesma parroquia, dunha xuntanza de veciños na ferreiria para escoitar “Radio Pirenaica” e falar de política. Noutra ocasión chegou un home a cabalo para ver como se podía evitar a plantación de piñeiros no monte comunal, xa que iso impedía que pacesen as ovellas e cabras, das que vivían aqueles que tiñan menos medios.

Ou sexa, había descontente contra o réxime, aínda que se agochaba pola represión. Tamén había discriminación coa lingua e coa aldea, e doia que algúns/as nas cidades se consideraran democráticos (cinicamente) por contestar na lingua galega aos da aldea. Todo aquilo foi un choque para min, que deixaba en evidencia que aquel mundo de morriña que tanto amaban meus pais e os galegos/as que coñecín en Bos Aires, tiña outra cara máis dura da que lembraban, cruel, a do clasismo e discriminación, a dunha colonización interna brutal. Daquela que os galegos/as na emigración non sentisen tanto (como eu un rapaz) un trato de superioridade fronte á persoa emigrante por parte dos arxentinos/as.

Un día estendeuse o rumor de que en Asturias había problemas e que en Vigo a clase obreira fora á folga. Mais, non saíu nos xornais, e no cotiá non mudou ren

As mostras individuais, mais moi estendidas, de oposición ao réxime no rural chocaban co ambiente na cidade de Ourense, onde semellaba que todo era compracencia; unha visión alentada nun sector dominante polo auxe na construción cos cartos da emigración. Na cidade, centos de seminaristas tinguían o horizonte cando saian, nas procesións as persoas axeonllábanse nas beirarrúas e os exercicios espirituais eran obrigatorios para os estudantes. Un día estendeuse o rumor de que en Asturias había problemas e que en Vigo a clase obreira fora á folga. Mais, non saíu nos xornais, e no cotiá non mudou ren. Todo alentaba á emigración da xente do rural, comezando pola propaganda que dela se facía polo propio réxime para descomprimir a tensión social.

Aquel ano na Patria Galega decidín a miña folla de ruta, porque emigraba coa decisión tomada de retornar. A experiencia acumulada naquel ano valeume de moito cando volvín definitivamente (en novembro de 1972). Tamén serviume para comprender o xeito de proceder do povo galego na sociedade arxentina, e desta con respecto á emigración. Neste novo período como emigrante a Arxentina pasou dunha breve democracia co radical Illia, as ditaduras militares de Ongania, Levingston e Lanusse de 1966 a 1973, intervíronse os sindicatos, aumentaron as protestas sociais e xurdiu a loita armada. A realidade galega tamén mudou moito nestes anos, aínda que se mantiña a ditadura, xorden a UPG e o PSG, dáse unha forte oposición labrega á construción do embalse de Castrelo de Miño, hai protestas estudantís na Universidade de Compostela en 1968, e por último destacan as folgas xerais de Ferrol e Vigo en 1972, hai agora medio século.