Opinión

Fracaso do autonomismo diante da globalización

Os datos de evolución do emprego e da povoación reflicten con toda claridade que a crise (un duro axuste da economía) estase resolvendo en función dos intereses das clases dominantes.

Os datos de evolución do emprego e da povoación reflicten con toda claridade que a crise (un duro axuste da economía) estase resolvendo en función dos intereses das clases dominantes. Este axuste prodúcese tanto no referente á confrontación traballo-capital, como mediante unha maior subordinación das nacións dependentes, carentes de forzas políticas con capacidade para impedilo, como é o caso de Galiza. Para os que negan a interdependencia entre clase e nación, nos países dependentes, coloniais, semicoloniais ou neocoloniais, ou aqueles que coidan que isto é unha característica exclusiva dos territorios conquistados e colonizados que non teñen fronteira común co invasor, unha sinxela análise do sucedido no noso país durante a autonomía bota luz sobre o tema. 

"Dende xullo de 1971, ate o mesmo mes de 2014, a povoación galega pasou de representar o 7,84% ao 5,90%".

Ante todo cómpre lembrar que, alén da extensión territorial e potencialidades do país, temos unha inmensa costa nun lugar estratéxico do Atlántico. Agora ben, a nosa riqueza en minerais, madeira, pesca, gandería e produción eléctrica, así como unha maior formación da man de obra, non permitiron que Galiza, en ningún momento da súa historia contemporánea, nen durante a burbulla neoliberal e os grandes investimentos da UE para desenvolver as comunicacións (cos centros de poder hexemónico) puidese igualar o peso da súa povoación cos da porcentaxe do PIB que lle correspondían na economía do Estado español. 

Vexamos. Dende xullo de 1971, ate o mesmo mes de 2014, a povoación galega pasou de representar o 7,84% ao 5,90%. Ou sexa, de manter a mesma dinámica que a media do Estado español deberiamos ter 3.643.000 habitantes. A comparanza entre a povoación actual e a que deberíamos ter, de se frear a tendencia regresiva, danos unha radiografía exacta das consecuencias da integración no Estado español, malia a democracia formal, a autonomía e a incorporación á Unión Europea que algunhas forzas do nacionalismo consideraban favorábel aos intereses de Galiza (as mesmas que desbotaban a caracterización colonial do país). Segundo o INE, no ano 2013 o PIB galego era o 5,2% do total do Estado español, no ano 1973 era do 5,55%. Ou sexa, un proceso regresivo onde a povoación foise axustando a unha actividade económica limitada, mediante mecanismos de emigración e baixa natalidade. E, mesmo así, a renda por persoa e os salarios seguiron estando por debaixo da media do Estado e cada vez máis diferenciados dos centros de poder político e/ou de localización do capital. 

"Os dados, amosan con toda frialdade e dureza que a autonomía non foi máis ca un proceso de descentralización administrativa"

O exemplo máis notorio do medre das desigualdades é que Madrid, malia a aprobación do Estado das Autonomías, que se vendeu como unha redistribución do poder e remate do centralismo, nestas catro décadas medrou en povoación, pasando do 12,48% (1973) ao 13,72% do total do Estado español en 2013, e en peso económico ao 18,7%, mantendo sempre o primeiro posto en renda por persoa. Os dados, amosan con toda frialdade e dureza que a autonomía non foi máis ca un proceso de descentralización administrativa, xa que o Estado mantiña nas súas mans todos os mecanismos de control da economía e das relacións laborais, como argumentou correctamente daquela o “nacionalismo anticolonial e antiimperialista”. Teñamos en consideración que Madrid carece de materias primas e enerxía comparábeis ás de Galiza. Resulta evidente polo tanto que o poder político transformouse en poder económico mediante o recurso do intercambio desigual, xa que a media salarial é superior a moitos dos territorios da súa periferia. 

Quero facer énfase nos datos do último ano no relativo á evolución da ocupación e da povoación na Galiza. O PP presenta coma un triunfo, ao que se suma Feijoo, a xeración de 433.900 empregos durante 2014, esquecendo que se trata de postos de traballo temporais, a tempo parcial e con baixos salarios. Porén, no caso concreto de Galiza, durante o ano pasado, a povoación ocupada baixou en 2.200 persoas. Unha tendencia regresiva que contrasta coa evolución do emprego no Estado, e que converte mesmo en envexábel o traballo eventual e mal pago. Estes dados negativos son confirmados pola perda de 17.000 habitantes. No seu cinismo o PP fala de solucionar o problema alentando a natalidade con propaganda nos medios, coa evidente finalidade de procurar a complicidade electoral. 

"No caso concreto de Galiza, durante o ano pasado, a povoación ocupada baixou en 2.200 persoas".

As cifras anteriores confirman máis unha vez que a dependencia recrea o atraso, e que isto se evidencia, no caso galego, tanto nunha maior explotación da clase traballadora, como nun papel subordinado en relación coa economía do Estado, que frea o desenvolvemento da actividade produtiva, ou sinxelamente a utiliza como moeda de troque nas súas relacións coa burguesía europea (algo que se evidencia nas táboas input-output, que por certo, dende que governa Feijóo, deixáronse de facer). Esta tendencia agudizouse coa globalización, e a crise trouxo un proceso de axuste, tanto en prexuízo das clases populares, como dos sectores da burguesía perdedora, aquela máis ligada ao mercado ou poder local ou de nacións subalternas. 

Na Galiza a globalización neoliberal (o imperialismo) significou que unha morea de empresas e mesmo sectores enteiros, como o crediticio e enerxético, pasaran a mans do capital foráneo, e outras pecharan ou perderan potencialidade (repito: este proceso agudizouse coa crise, porén xa estaba en pleno desenvolvemento). Mais en ningún caso, na Galiza, esta fracción perdedora do capital foi quen de responder organizadamente como país, e moito menos politicamente. Non existe a burguesía galega como expresión política, nen sequera unha fracción dela. O capital galego hai moito que está ligado aos grandes grupos económicos e políticos foráneos. A burguesía do país está entregada, por iso odia e respecta aos que a esmagaron, e desexaría reproducilos, para así obter as máximas taxas de lucro, conseguindo riqueza e poder, explotando a clase traballadora galega. Por iso toda aposta por unir á loita nacional a unha fracción da burguesía fracasou, e só foi acollida con entusiasmo por algúns sectores da clase traballadora acomodada e algúns profesionais (e iso dá para o que dá), que coidan que os alicerces do capital son reformábeis. A historia do noso país non é a de Cataluña nen a de Euskadi, e mesmo alí a burguesía “nacional” aposta por facer a tortilla sen rachar un ovo (ou sexa, por non mudar a correlación de forzas entre o capital e o traballo). 

"En ningún caso, na Galiza, esta fracción perdedora do capital foi quen de responder organizadamente como país, e moito menos politicamente".

Neste contexto de globalización neoliberal, tendo en consideración a evolución histórica da nosa nación, só a clase traballadora, se ten capacidade e iniciativa, pode atraer a sectores da pequena burguesía ao eido popular, e nunca ao envés. E só co debate no eido das ideas, a mobilización, a xestión para a ruptura, ou sexa, dando pulo á loita de clases, pode mudar a correlación de forzas. Só deste xeito é posíbel construír poder popular e democratizar as regras de xogo. Mais para iso, na Galiza é esencial vincular clase traballadora e nación tanto no proxecto como no discurso, sexa partidario ou sindical, e por suposto, ter como meta estratéxica a liberación nacional e social. 

http://manuelmera.blogaliza.org/