Opinión

Está superada a crise?

A Unión Europea dá por superada a crise logo dunha década, tendo exclusivamente en consideración a macroeconomía, e ignorando as moitas incertezas do momento e para o futuro. Ou sexa, Bruxelas está satisfeita porque o PIB é superior ao de hai unha década, medra o consumo, as grandes empresas gañan máis ca nunca e existe estabilidade financeira. Todo vai ás mil marabillas. Pouco importa que Grecia continúe fundida na miseria, que o crecemento do PIB sexa mínimo, que aumenten as desigualdades sociais e territoriais, e que os ecosistemas non deixen de se deteriorar. Aparentemente tampouco lle dan valor a que triunfase o Brexit no Reino Unido, que o referendo catalán cuestione o modelo no Estado español, ou que Trump xogue todos os días cun novo conflito militar, e que Libia, Siria, Afganistán, Iemen, Iraq, e tantos outros países estean desfeitos polo intervencionismo imperialista. Estas son cousas sen importancia para os líderes da Unión, ou cando menos que o povo debe ignorar.

Non é casual que o traballo digno, a capacidade de decidir, a soberanía nacional e popular, sempre estean nun segundo plano

Non hai dúbida de que, para os super-millonarios, executivos ben pagos, cadros intermedios que esperan mellorar economicamente a curto prazo, burócratas de Bruxelas, e os dirixentes de cada un dos países da Unión, sexan de dereita ou socialdemócratas (xa que as diferencias son mínimas), o importante é que teñen un presente e un futuro prometedor. Obteñen bos ingresos, xogan á bolsa con información privilexiada e terán pensións privadas de ricos. Non hai nada como o capitalismo, como a globalización (ou sexa o imperialismo). Algúns propoñen algunhas reformas para evitar as situacións máis graves ou que estoupe un terremoto social; queren manter a ilusión da solidariedade e da igualdade de trato, a esceneficicación dunha democracia.

Ou sexa, non é casual que o traballo digno, a capacidade de decidir, a soberanía nacional e popular, sempre estean nun segundo plano, que forme parte dunha proposta que nunca se concreta nestes temas. Esta actitude contrasta coa que ten a Unión Europea cando esixe firmeza e disciplina orzamentaria, pide reformas regresivas nas pensións e menor investimento nos servizos básicos. Daquela que non se faga unha soa mención ao lesivo que é para a maioría, que o goberno de Macron estenda a xornada laboral, reduza as compensacións por despedimento, e privilexie a contratación de ámbito de empresa sobre a de sector, para fragmentar a clase traballadora. Estas medidas retrógradas, insolidarias, son algo normal para a Unión Europea, algo necesario, porque coinciden coa óptica da patronal, do capitalismo, “dos creadores de riqueza”. Ou senón, sempre existe o argumento de que hai que competir con China. Esquecen lembrar que as grandes corporacións transnacionais (tamén europeas) forman parte do tecido empresarial do xigante asiático e China xa ten salarios superiores aos dos países do leste da Unión Europea (e que os ingresos son maiores, ao ter en consideración a capacidade de merca).

Que a Unión Europea dea por superada a crise é unha afirmación de necios, de persoas insensíbeis diante das traxedias humanas

Como non dar por superada a crise, se ademais se crea emprego, aínda que sexa temporal e con salarios cada vez menores e xornadas máis longas? Esta cara da moeda só lle importa aos/as perdedores, á clase traballadora e outros segmentos populares. E moi especialmente, aos países subordinados, dependentes, coloniais, como Galiza. Nacións que perden peso no reparto da renda, e nas que cada vez teñen máis peso as empresas de capital foráneo. Países que vén descender o emprego, e perden povoación. Arguméntase que son a excepción, que carecen de emprendedores. Ademais, despois de todo, de que se queixan os/as traballadores? Hai centos de milleiros, millóns de persoas, que arriscan a vida acotío para entrar na Unión Europea e conseguir un traballo de calquera tipo, pola metade do que gaña o empregado/a precario. Que beneficiosas son as guerras, a inestabilidade política, a desfeita dos ecosistemas, o intercambio desigual, para aumentar a man de obra de reserva, fragmentar o ámbito do traballo, e dar forza a un mundo que se está igualando por abaixo, en proveito dunha minoría!!

Que a Unión Europea dea por superada a crise é unha afirmación de necios, de persoas insensíbeis diante das traxedias humanas, da renuncia a un sistema minimamente solidario. Porén, o que chama a atención é que os governos dos países máis afectados, e mesmo os partidos de esquerda, non contesten esta conclusión, que evidentemente terá efectos prácticos sobre as políticas futuras da Unión. Dirán que o remate da crise é como consecuencia dos axustes, e que polo tanto hai que mantelos para que se consolide a tendencia... Así funciona o capitalismo, e así responderá a Unión Europea. Aínda haberá quen pense que é reformábel!!