Opinión

Eleccións xerais... están decididas?

Os resultados das eleccións, municipais e autonómicas do pasado 28 de maio, por unha banda confirmaron na Galiza, onde só se votou a representantes nos concellos, o ascenso do BNG e a caída da amalgama de siglas que integraban as mareas-podemos-eu... agás en localidades moi concretas, e un aumento do número de votantes da dereita respecto do “progresismo” “socialdemócrata”. Aínda que o PP creceu na porcentaxe de voto, desde o 33,39% en 2019 até o 38,45%, ou sexa, 5,06 puntos, e o PSOE perdeu neste período 3,69 puntos, este último pode manter a maioría das grandes cidades e vilas máis importantes; agás a cidade de Ferrol, onde a dereita obtén maioría absoluta, e deberá ceder a alcaldía de Compostela ao BNG para evitar que caia en mans do PP, que foi o partido máis votado na capital galega.

Os resultados nacionalistas en Vigo e A Coruña tamén son importantes, porque se trata dos maiores núcleos urbanos da nación galega. Ademais cómpre valorar onde se consolida e amplía a representación estando no governo (para recoller experiencias tanto do que implica de positivo como de desgaste e como evitalo). 

Non se pode afirmar polo tanto que os resultados seguisen na Galiza a mesma tendencia que tiveron no resto do Estado onde o avance do PP e o recuar do PSOE foi tan significativo como para marcar unha evolución que incidiría moi fortemente nas eleccións xerais previstas para decembro. Esta foi sen dúbida a razón determinante para que Pedro Sánchez decidise adiantar as eleccións para o 23 de xullo. Hai quen pensa que en 50 días non poden pasar moitas cousas, mais depende, das medidas e xestos que o governo provisorio poda tomar durante ese tempo, e como se configuren as alianzas do PP con VOX en autonomías e concellos e que efecto teñan na sociedade. En calquera caso, aínda as que as municipais e autonómicas realizadas o 23 de maio marcan unha tendencia na que o PP parte como gañador, e mudar esta opinión inicial, gravada no subconsciente colectivo, non vai ser doado. Aínda así, non se pode obviar que cada proceso electoral ten unha dinámica propia, e mesmo niveis de abstención distintos, e en 50 días poden pasar moitas cousas no contexto internacional e europeo.

O outro aspecto que puxeron en evidencia as pasadas eleccións é que as mareas-podemos-eu..., ou sexa, toda esa nebulosa de marcas constituídas arredor dun proxecto reformista á esquerda do PSOE, no esencial sen propor alternativas ao centralismo e cuestionar o sistema, foi perdendo peso. Reconstruílo aínda que sexa baixo outras siglas, por exemplo Sumar, e aproveitando figuras mediáticas, por máis méritos que teñan, terá que superar moitos atrancos e eivas, xa que en definitiva, malia que o negue, busca repetir a experiencia de Unidas Podemos con outras siglas e protagonismos. Non se trata de que non poda obter representación no Parlamento, senón de que esta debe ser abondo como para permitir (xunto coas forzas soberanistas das nacións periféricas) superar a suma do PP e VOX. Se governa a dereita non vexo que esta alternativa teña estrutura partidaria e militancia activa, para alén do mediático, que se vai a contraer moito, para disputar a rúa, en temas tan esenciais como o laboral, a paz e á oposición á OTAN, etc.

Mais como dixen antes, para alén das reflexións, a historia escrébese todos os días, e depende da iniciativa, de analizar acaidamente o contexto, de marcar obxectivos (non só a longo prazo, senón tamén a medio prazo -desta década-, dando respostas á conxuntura xeo-política), e polo tanto unha folla de ruta con tarefas concretas. E neste aspecto, se facemos unha fotografía xeral, sen dúbida é onde os resultados das municipais foron tanto en Euskadi como en Cataluña, e tamén na Galiza, no fundamental positivos,... fortalecendo ao nacionalismo de esquerdas.

Respecto da Galiza, non se trata só de que o BNG acadase 249 mil votos, que non é a primeira vez que o logra, senón que responde a unha tendencia de avance, xa que no ano 2019 conseguiu un 12,86% dos votos e o 28 de maio o 17,25%, ou sexa: creceu un 34,13% en só catro anos!!! Unha evolución que todo indica deberíase manter nas eleccións xerais, mesmo tendo esta a súa propia dinámica, porque para moitas persoas do país, mesmo que non votasen BNG, os resultados deixan en evidencia de que se trata dun voto que é garantía de loita polo cambio, e que ademais non se perde, tanto sexa para incidir nun governo “progresista” como para se opoñer a un de dereita (unha batalla do relato que tamén cómpre gañala nas provincias de Lugo e Ourense, nas que conseguir representación é máis difícil; penso na abstención). Isto é o principal!

Agora ben as eleccións municipais tamén amosan resultados nalgúns concellos, con governos do BNG, que non son bos. Non se poden pasar por alto. A autocrítica sempre é construtiva, se ocupa o lugar que lle corresponde e aporta solucións. Ademais, coido que axudaría á hora de transmitir o proxecto do BNG sumar máis voces destacadas, e non só nun segundo plano, para deste xeito ter unha imaxe máis achegada ás clases populares e representar o cambio para todas as súas sensibilidades. Os do 28 de maio foron bos resultados para o nacionalismo galego nos concellos, e isto é o principal, aínda que non sexa o único a termos en conta.

Comentarios