Opinión

Como os sindicatos valoraron a destrución da URSS

No ano 1994, do 21 ao 26 de novembro, celebrouse o XIII Congreso da Federación Sindical Mundial en Damasco, Siria, ao que asistín en representación da CIG. Neste evento os sindicatos da Comunidade de Estados Independentes (11 das repúblicas da ex-URSS, excluíndo a Letonia, Lituania, Estonia e Xeorxia) presentaron un documento, elaborado polo Centro de Estudos Sindicais de Moscova, no que valoraban os erros e acertos da construción da Unión Soviética, e detíñanse como é lóxico naquel intre especialmente na etapa da perestroika, e as perspectivas das modificacións que se estaban a realizando.

Tanto naquel momento como hoxe considerei, malia que se trata dun documento breve, que dá as claves para entender as vantaxes e acertos que implicou o socialismo, non só como un obxectivo senón como un proceso. Nel valóranse as razóns polas que terminou esfarelándose o estandarte de xustiza social e dereitos nacionais que era a URSS, con graves consecuencias para a clase obreira e a soberanía das nacións subalternas ou as que se acababan de liberar.

Respecto do proceso de construción do socialismo, salientan os sindicatos do CEI: “por vez primeira na historia da humanidade xestionáronse e puxéronse en práctica a planificación económica. En pouco tempo consolidouse a industrialización do país sobre a base da propiedade estatal dos medios de produción e colectivizouse o agro. Realizouse unha verdadeira revolución cultural e reforzouse o carácter multinacional do Estado. Estas transformacións tiveron unha dimensión heroica e, á vez, tráxica pois foron marcadas por grandes perdas e amargos fracasos (...) A oposición considerou estas medidas como demasiado apresuradas para as condicións de Rusia (...) obviando o que houbese pasado co noso povo se todas estas cuestións non houbesen sido resoltas antes do comezo da guerra con Alemaña”.

O documento ademais considera incorrecta a valoración que se facía da década de 1960-1985 respecto de que foron vinte e cinco anos de estancamento, hipótese sobre a que se construíron as reformas da perestroika e especialmente o proceso de instauración do capitalismo e desintegración da URSS. Os sindicatos dan datos concretos: “os fundos de produción medraron 7 veces; edificáronse milleiros de novas empresas; apareceron novos sectores de produción, como o certifican os éxitos da URSS na conquista do espazo (...) A renda nacional cuadriplicouse; quintuplicouse a produción industrial; a produción agrícola medrou 1,7 veces; os ingresos reais da povoación aumentaron 2,6 veces; os fundos socias de consumo quintuplicáronse; construíronse 54 millóns de vivendas, xeneralizouse o ensino secundario...”

Mais, o documento recoñece políticas e prácticas erradas nas décadas dos 70 e 80 do século pasado. Entre as que destaca: “neste período floreceu a burocracia en numerosas esferas, dando lugar a unha dexeneración política e moral dalgúns dirixentes, cadros e militantes de base. A propiedade do Estado non se converteu en verdadeiramente popular. O povo (no seu conxunto) estaba afastado desta propiedade colectiva. O sistema de reparto igualitario das riquezas por medio do Estado e o sistema de protección social enxendraron comportamentos parasitarios. Moitos traballadores/as chegaron a perder o sentido da responsabilidade e esqueceron o que era un traballo realizado a conciencia. Os ingresos da povoación experimentaron aumentos máis rápidos que a produtividade do traballo. Reforzouse a centralización do poder a costa dos dereitos das repúblicas (e rexións) e das institucións locais, o que deu lugar a movementos de protesta. Polo tanto eran absolutamente indispensábeis transformacións radicais para dar novos folgos ao desenvolvemento do país”.

Como contraste a estas prácticas entenden os sindicatos do CEI que o socialismo “trátase dunha teoría creadora e non un conxunto de dogmas e receitas acabadas. E que esta concepción obriga a unha profunda reflexión e un desenvolvemento científico permanentes”. Os erros, algúns forzados pola situación do momento (guerra civil, intervención e bloqueo externo, crecemento do fascismo, debilidade industrial...), outros posteriores a 1970 como consecuencia no fundamental da xestión burocrática, da falta de participación e protagonismo real da base social, tanto en relación coa xustiza social como respecto da soberanía das nacións que constituían a URSS.

Fago mención a este documento dos sindicatos do CEI porque coido que é un bo punto de partida, para un debate do que compre tirar conclusións, respecto de que a construción do socialismo é un proceso, que ten os seus propios camiños e etapas en cada pais, que dependen da correlación de forzas e do estado de ánimo da sociedade. Cómpre analizar, como fixeron os sindicatos neste documento, os erros, algúns forzados pola situación do momento (guerra civil, intervención e bloqueo externo, crecemento do fascismo, debilidade industrial...),

O documento pon en lugar destacado a cuestión do reparto do ingreso, e até que punto e cando debe estar desligado do traballo efectivamente realizado, cando se trata de povoación activa; outra cuestión a debater é o abano retributivo. Aínda que non o trata directamente no documento tamén fica latente a reflexión sobre o ritmo de socialización da propiedade, e se debe estar estendida nas primeiras etapas a toda a actividade produtiva (unha cuestión distinta é o control colectivo). Ou sexa, se a plena socialización está moi condicionada pola correlación de forzas mundial e nacional, e o papel de cada sector e empresa no tecido produtivo (primario, secundario, terciario). 

Malia os ataques dos partidos sistémicos e do empresariado ao socialismo e ao control público dos sectores básicos, o capitalismo está na súa etapa senil, dando pulo á desigualdade entre clases e entre nacións, alentando a desfeita ecolóxica e o esgotamento de recursos básicos. A crise do 2008 deixou en evidencia a fraxilidade do sistema financeiro privado; a pandemia, a importancia do carácter público da sanidade, ensino, farmacéuticas, residencias de dependentes; e a actual crise de modelo, ademais de poñer en primeiro plano o militarismo, amosa a importancia estratéxica da enerxía, dos medios de comunicación, das telecomunicacións... polo tanto da súa nacionalización así como de eliminar a xestión privada dos sectores públicos, ali onde exista.

En resumo, para alén das medidas urxentes o esgotamento do capitalismo dá argumentos prácticos a prol non só da planificación senón de contar cun sector público forte nas actividades estratéxicas. E a esquerda ten que aproveitar esta situación para ligar as loitas reivindicativas concretas e urxentes cos cambios sistémicos para esta etapa, que poden ser vistos como difíciles en termos de correlación de forzas políticas, mais son considerados como normais por unha gran parte da sociedade nesta conxuntura (cómpre aproveitar ao máximo esta contradición). Que traballador/ra e pequeno empresario/a non está pola nacionalización da banca, dos medios de comunicación colectivos, das residencias da terceira idade, da enerxía,... Non se trata de falar de socialismo en abstracto ou aclamalo como auto de fe (colocando o debate ali onde o sistema se fixo forte coas súas parodias), senón de construílo alí onde a argumentación está consolidada polos feitos cotiás.