Opinión

Disputa de modelo no peronismo, con consecuencias internacionais

As tres alternativas electorais que acadaron maior número de votos na primeira volta do proceso electoral para nomear presidente na Arxentina

 

As tres alternativas electorais que acadaron maior número de votos na primeira volta do proceso electoral para nomear presidente na Arxentina están encabezadas por candidatos que se reivindican dalgún xeito ligados co peronismo. É verdade que non teñen diferenzas de fondo en relación co sistema capitalista. Porén, si en como xestionalo, na sensibilidade cos sectores máis marxinados, e nas relacións co imperialismo hexemónico. Na reivindicación que fan algúns deles, hai moito de oportunismo, de mercadotecnia para recoller o voto peronista menos informado. Fano, porque malia a evolución política regresiva do peronismo (xusticialismo), na conciencia das clases sociais subalternas, é sinónimo de defensa dos intereses nacionais e das maiorías. Non houbo na historia do país un avance tan grande para os de abaixo como o que se deu naquela primeira etapa de governos de Perón con apoio sindical (1946-1955). 

Dende o seu nacemento e durante décadas, o peronismo distinguiuse pola reivindicación nacional e o antiimperialismo

Por esta razón, no peronismo existen hoxe todas as tendencias, dende as neoliberais até as marxistas revolucionarias. Mais tamén partidos e candidatos/as que se reivindican como tais coa única finalidade de recoller votos nos sectores populares menos informados. Na orixe, o xusticialismo recolleu dende demócrata-cristianos, anarquistas, socialdemócratas (laboristas de Cipriano Reyes), e sectores neofascistas por aversión a Inglaterra, o imperialismo dominante na economía e política do país antes da Segunda Guerra Mundial. Dende o seu nacemento e durante décadas, o peronismo distinguiuse pola reivindicación nacional e o antiimperialismo (a necesidade de afortalar a identidade nun territorio ateigado de inmigrantes), que se asumía dende o interclasismo e a terceira vía, coa consigna de “ni capitalistas, ni comunistas: peronistas”. 

O peronismo, na primeira etapa, desenvolveu planos quinquenais, nacionalizou o transporte a enerxía, nacionalizou certos bens do comercio exterior, e industrializou o país. O capital fixo estranxeiro pasou de representar o 15,4% en 1945 ao 5,1% no ano 1955. “A Arxentina ocupa no período 1947-53 un dos cinco primeiros lugares entre os países con menor transferencia neta de utilidades estranxeiras per capita” (Imperialismo y desarrollo económico; Juan Carlos Esteban; Editorial Palestra; Arxentina; 1961). As medidas progresistas alargáronse ao laboral e social: construíronse vivendas para as clases populares, deuse pulo ao ensino, sanidade e ás pensións públicas, aprobouse unha das lexislacións máis avanzadas en materia laboral. “O peronismo decidiuse por unha política social. Para iso debeu facer fincapé na elevación do nivel de vida da clase obreira, que estaba directamente ligado á formación dunha Industria nacional cuxos produtos dirixir a satisfacer a ese mercado Interno en expansión. Perón conseguiuno. Só que o fixo por medio dunha política nacionalista burguesa, sen traspasar os límites estruturais do sistema” (Perón, el justicialismo en el poder en la Argentina; Alberto Pla; Historia de América; Centro Editor de América Latina; Arxentina; 1972). Mais faltoulle atrevemento para levar adiante a reforma agraria e mudar os alicerces da acumulación da riqueza e do poder tradicional. E na disputa interna entre o capital e o traballo, a partir da folga ferroviaria 1950-1951, o governo peronista inclinouse a prol do capital rachando coa conciliación de clases que dicia defender, algo que por outra banda era imposibel.

Perón e Evita, as figuras que lle deran rostro a aquela etapa de avances, fixaron no imaxinario colectivo o xusticialismo como a única alternativa para as clases populares

A represión posterior ao golpe militar de 1955, a intervención dos sindicatos, a prohibición do Partido Xusticialista, así como a loita que deron contra a ditadura, no mundo obreiro e estudantil, ducias de milleiros de activistas reivindicando a Perón e Evita, as figuras que lle deran rostro a aquela etapa de avances, fixaron no imaxinario colectivo o xusticialismo como a única alternativa para as clases populares. O retorno triunfante de Perón en 1973, como consecuencia de duas décadas de loita popular reflicten o acerto desta caracterización. Nen sequera a deriva desta etapa do governo de Perón (1973-1974), con políticas viradas á dereita, coa confrontación con Montoneros e as mocidades do partido, e co inicio da represión (coa Triple A) contra a esquerda revolucionaria, peronista e non peronista, que crece cando asume Isabel de Perón, rachou esta percepción maioritaria nas masas populares. Unha represión que posteriormente se converte en xenocidio coa ditadura militar, coa complicidade da patronal, a xerarquía católica e a burocracia sindical. No governo de Menem (1989-1999), o peronismo vólvese neoliberal no económico e abandona nas relacións exteriores o latinoamericanismo, para seguir os ditados de Washington. Este período marcou unha divisoria no peronismo que aínda se mantén, e que define as dúas principais tendencias actuais deste movemento. 

Mais, tendo importancia estes antecedentes, sen dúbida nestas eleccións está incidindo sobre todo a valoración que a sociedade fai, non tanto dos doce anos de kirchnerismo, como da xestión da última xeira de governo de Cristina Fernández. Atilio Borón analizaba nun artigo estes días as contradicións deste período: “asignación universal por fillo e concentración empresarial; extensión do réxime de xubilación e regresión tributaria; desenvolvemento científico e tecnolóxico (ARSAT I e II, etcétera) e dar prioridade a soia na agricultura; orientación latinoamericanista da política exterior e estranxeirización da economía” (http://www.atilioboron.com.ar/). Eu engadiría, factores de seguridade e unha certa prepotencia nas posturas. A dualidade, as contradicións das políticas do kirchnerismo non permitiron resolver os problemas económicos e sociais do país, só os adiou. Concretamente, mentres no período 2003-2011 a Arxentina foi a economía que máis medrou de media na América Latina, cun 7,6% anual, en 2012 fíxoo no 0,8%, en 2013 no 2,9% e no 2014 nun 0,5%. O retroceso dos prezos das materias primas e a baixada da exportacións polo menor crecemento de China agravaron rapidamente a situación económica, que pode ser máis complexa nos vindeiros anos. Outro tanto sucedeu coas condicións laborais e sociais. 

As contradicións das políticas do kirchnerismo non permitiron resolver os problemas económicos e sociais do país, só os adiaron

E aínda que o deterioro da situación económica non sexa a única razón para os malos resultados de Scioli, poden ser motivo abondo para perder a segunda volta diante de Macri. “Mentres que o oficialismo identificou a restrición externa como problema principal, algo esencial que delata tamén erros propios do goberno saínte, pois nin se previu con antelación (...) O éxito do discurso económico opositor foi mesturar consecuencias con causas. A gran diferenza para o votante non politizado é que o primeiro diagnóstico demanda un proceso de abstracción e o segundo é unha realidade inmediata. Se cadra nestas dimensións resida o necesario axuste na mensaxe que deberá ensaiar Scioli cara o balotaxe” (Claudio Scaletta, no seu artigo La contradicción principal). O futuro de Daniel Scioli (36,86% dos votos) e Mauricio Macri (34,33%) dependerá do que suceda cos electores/as que votaron Sergio Massa (21,34%), tamén peronista de dereita e ligado á embaixada norteamericana. O interrogante é se Scioli será capaz de recoller o voto da esquerda non peronista, e de tecer alianzas con grupos locais ou internos do peronismo que na primeira volta apoiaron a Massa. Dise que Macri é da liña de Uribe e Aznar, reivindica o peronismo (outros acúsano de fraude nesta postura), e apóiase nunha alianza cos sectores cristianos e co Partido Radical (os primeiros seica contan co apoio do Papa Francisco; os radicais son socialdemócratas, en realidade social-liberais, como o PSOE).

Macri é da liña de Uribe e Aznar, reivindica o peronismo (outros acúsano de fraude nesta postura), e apóiase nunha alianza cos sectores cristianos e co Partido Radical 

Como di Atilio Boron ao final do seu artigo: “Poderá Scioli dobregar o seu contrincante no balotaxe? Dependerá de como deseñe a súa estratexia de campaña para estas semanas. Os dous debates con Macri poden ser a chave do triunfo, se é capaz de pasar á ofensiva e demostrar que tras a vaguidade discursiva do seu opoñente agóchase un brutal programa de axuste. Pero non lle bastará con iso (...) Terá que definir novas prioridades e saír con propostas concretas en materia económica, social, cultural e internacional que lle permitan persuadir a opinión pública que poderá ser o presidente que comece a facer todo aquilo que o kirchnerismo, noutros momentos, recoñecía que aínda restaba por facer e non fixo (...) Difícil, repito, mais lonxe de ser imposíbel. Oxalá que lle vaia ben porque, aínda que algúns se empeñen en negalo, neste balotaxe tamén se xoga o futuro dos procesos emancipatorios e das loitas antiimperialistas en América Latina”.

Non existen diferenzas de modelo entre os candidatos, senón do grao de independencia e de intensidade das políticas sociais. Se cadra, o pouco acusado das diverxencias, lastrou até hoxe a capacidade para construír un sistema alternativo, auto-sustentábel e autocentrado, menos sometido ás tendencias hexemónicas. Mesmo con estas eivas, de gañar Macri sería un paso atrás... mais non irreversíbel, se se tiran ensinanzas e non se analiza dende o derrotismo.

http://manuelmera.blogaliza.org/