Opinión

Día da Patria Galega e un mundo multipolar

“A primeira manifestación, e con ela as primeiras detencións, producíronse á unha e media do serán... foi unha concentración na Alameda onde se xuntaron máis de mil persoas, que portaban bandeiras galegas coa estrela de cinco puntas, símbolo da ANPG”. Estas eran as referencias que aparecían en 1976 nos xornais, hai case medio século, ao día seguinte do 25 de Xullo. Aquela foi a primeira manifestación de masas que puideron realizar as organizacións nacionalistas en Santiago de Compostela o Día da Patria Galega en catro décadas, como consecuencia do golpe de estado, da guerra civil, e da ditadura franquista. Houbo ese día detidos e carga policial, mais a numerosa participación no acto amosaba unha situación nova, unha mudanza cuantitativa e cualitativa. Un ano antes a celebración da data fora o reparto dunha otavela en todo o País, asinada pola UPG e máis a ANPG, e a participación nos actos que se celebraban na igrexa de Santo Domingo e algúns berros.

As consignas durante aquela xornada reivindicativa dannos unha idea de cales eran os obxectivos e  as arelas que movían en Santiago de Compostela a aquel máis dun milleiro de mozos e mozas a desafiar a forte vixilancia policial, e a represión latente, máxime cando os franquistas aínda tiñan poderosos mecanismos de poder, entre eles o control das “forzas de orde”. Segundo os xornais de máis tirada, que recollían con bastante fidelidade o acontecido (comparado coa actualidade), que se escoitaron berros como: Galiza ceibe poder popular; non á colonización, autodeterminación; amnistía xeral; aos presos agora queremos velos fóra; governo democrático popular; obreiros, labregos, mariñeiros, unidos venceremos; coa ANPG o povo vencerá...

Cando un lembra estes feitos, non pode menos que pensar, que en máis de catro décadas mudou moito a situación económica, social e política en Galiza, e medrou en forza e organización o nacionalismo, democrático e popular. Aínda que sexa unha tarefa pendente lograr unha maioría nas organizacións sociais e nas institucións. Tamén algunhas daquelas consignas non teñen senso a esta altura. Mais, ao mesmo tempo, a realidade de todos os días amósanos que non poucos dos problemas, eivas e carencias seguen vixentes afogando o futuro do País, impedindo que aproveitemos en beneficio do país toda a riqueza en materias primas e enerxía, ou o traballo e a capacidade creativa da sociedade. Tamén perdéronse potencialidades, algunhas que custará moito recuperar, como a eiva de que moitas das empresas máis dinámicas estean hoxe en mans foráneas.

Tampouco se pode obviar que a nosa lingua, cultura e historia, seguen sendo elementos marxinais para os círculos de poder, moi por debaixo do seu peso na sociedade. E non me refiro só aos centros de poder do Estado español senón tamén a aqueles que teñen sede no país. A lingua séguese a utilizar como un muro para o ascenso social. Ademais, o subdesenvolvemento rural transformouse en precariedade laboral urbana, e a desfeita dunha parte maioritaria do sector agrario resolveuse cunha maior dualización social, precariedade laboral. A economía é menos diversa, autónoma, e polo tanto máis dependente e cun papel periférico, aínda que en números sexa máis produtiva.

Hai moitos síntomas de que estamos ao final dun ciclo no mundo, cunha perda de peso evidente da Unión Europea, onde seu papel subimperialista carece da funcionalidade dos anos posteriores á Segunda Guerra Mundial (como primeira liña fronte á URSS?). Daquela o retroceso, co avance da globalización neoliberal, da súa incidencia nun mundo cun ascenso cada vez máis forte das potencias rexionais e dos países da periferia. Un mundo onde está en disputa o papel de “occidente” (dirixido polos Estados Unidos), e seu control da moeda de reserva e intercambio, das finanzas, dos medios de información e da cultura de masas, da imposición de centos de bases, intervencións, etc.

Ficamos nunha etapa de transición, con toda a súa complexidade, mais na que as tendencias positivas e negativas, segundo a rexión e o país, son evidentes, fortalecendo un mundo multipolar. Co interrogante se estará dividido en dous ou máis bloques, e até onde chegará a multipolaridade. E para Galiza e outras nacións dependentes, isto non é secundario, xa que esta etapa de profundos cambios pode e debe ser unha oportunidade para o país galego, para a clase traballadora e a maioría social. Daquela a importancia de non só ser espectadores/as, de empurrar para que a multipolaridade respecte ás pequenas nacións, defenda o dereito de autodeterminación, a solidariedade, a xustiza social, a igualdade, a protección dos ecosistemas... a riqueza que implican as culturas e linguas. Todas elas!

Comentarios