Opinión

Da unidade e da acumulación para o cambio

O debate que se está a dar no BNG, por mor dos malos resultados electorais dos últimos anos

O debate que se está a dar no BNG, por mor dos malos resultados electorais dos últimos anos, e especialmente os das eleccións xerais, non é consecuencia de atrancos internos para realizar unha alternancia xeracional, senón do confronto explícito de diferentes propostas de folla de ruta. E sería moi iluso non se decatar de que, sexa cal for, a ruta que se escolla terá efectos sobre o proxecto político. En realidade, isto é o que veñen propondo algúns sectores dende Amio, co argumento tan común de que ficamos nunha nova etapa, dos cambios económicos e sociais, etc. Mesmo hai quen realiza abertamente unha nova caracterización da compoñente de clases e da inserción de Galiza no Estado español. Iso si, sen renunciar á denominación de nacionalistas. 

Aínda que aqueles que procuran mudar a folla de ruta se centren moito na cuestión da unidade, na presenza institucional como ferramenta esencial para a hexemonía e o cambio, no transfundo subxace o debate entre reforma ou ruptura do sistema (co que isto implica nos obxectivos sociais e de soberanía). Daquela que para xustificar esta mudanza na folla de ruta considéranse como consolidados o mapa electoral actual e o estado de ánimo da xente, mentres que a mobilización social, e que a organización e a loita das ideas para a formación da conciencia se vexan como algo secundario. En poucas palabras, o suxeito político para esta etapa (o BNG) redúcese ás loitas electorais e considérase inmellorábel, e ademais, o sistema é quen impón tanto intermediarios como opositores a través dos medios de comunicación. E nesta conclusión (derrotista) coinciden tanto aqueles que propoñen dar pasos atrás para se “achegar á realidade” como os que coidan que esta é unha marea que pasará co tempo, que o importante é resistir, e que as melloras no suxeito político non son algo esencial. Unha terceira variante cuestiona a coligazón xa que considera que a esta altura o BNG entraría moi desvalorizado nas Mareas-Podemos, ou que sería rexeitado porque, por mor da súa “numerosa militancia”, desequilibraría a correlación de forzas e o proxecto de Podemos, esquecendo obxectivos, mensaxe, capacidade de acumulación neste marco. 

No transfundo subxace o debate entre reforma ou ruptura do sistema (co que isto implica nos obxectivos sociais e de soberanía)

Coido que todas son valoracións tacticistas, secundarias, que descoidan o aspecto principal: cal é o camiño que permite mobilizar contra o sistema, xerar conciencia de clase e nacional, e acumular forzas para a liberación. En todas estas posturas falta proxecto propio cun carácter transformador, é dicir: preparar o suxeito político para confrontar todas as adversidades. Para garantir o cambio cómpre: renovar os organismos que sexa necesario e os/as referentes públicos, mellorar o discurso, a formación dos militantes e a súa inserción no tecido social, a propaganda e a axitación, aumentar a participación das clases populares... E, sobre todo, recuperar a iniciativa na mobilización laboral e social e a capacidade para colocar as ideas propias no debate público. Primeiro nos sectores máis politizados e despois no resto do povo. 

Considero que, para caracterizarmos correctamente o momento, debemos ter en consideración cando menos os seguintes aspectos en relación cunha alianza electoral:

A integración nunha coligazón electoral coas Mareas para as autonómicas implicaría rebaixar as criticas ao proxecto de Podemos, e polo tanto ao imperialismo europeo e español

A) A integración nunha coligazón electoral coas Mareas para as autonómicas implicaría rebaixar as criticas ao proxecto de Podemos, e polo tanto ao imperialismo europeo e español, dos que o partido morado representa unha rexeneración coa que se procura ampliar a súa base de sustentación e non unha ruptura. Unha rebaixa “táctica” xa se acepta no espazo dos acordos do BNG co PSOE en concellos e deputacións, e no seu día tamén no bipartito autonómico. Cunha candidatura única daríase un novo paso regresivo na mensaxe nun ámbito moito máis amplo, o que xogaría en beneficio de Podemos como forza hexemónica na coligazón, e do españolismo, máxime cando o Estado é o principal marco de referencia para os medios. Isto xa acontece en AGE e nos concellos governados polas Mareas. Hai polo tanto nesta unidade electoral un sacrificio das posturas estratéxicas, que resta politización nacionalista e de clase. 

Lembremos que o actual contexto dá pulo á centralización da riqueza e do poder, tamén no eido da cultura e hábitos sociais, unha tendencia que se fortalece coas renuncias dunha parte do nacionalismo a un perfil propio nas listas de unidade. Deste xeito diminuiría a medio prazo a referencialidade do nacionalismo, que é a parte máis feble, para alén do número de cadros e militancia e do grao de iniciativa. Resulta evidente que Podemos tivo en consideración esta tendencia cando aceptou a constitución dun grupo parlamentar propio para Catalunya, Valencia e Galiza. Unha coligazón sería polo tanto dun cambio cualitativo, especialmente neste contexto.

B) Unha alianza deste tipo significaría recoñecer que os galegos e galegas carecemos de capacidade para defender os nosos intereses nacionais e sociais, e que necesitamos da esquerda española para conquistalos. Esta sería a nosa aliada e valedora, e polo tanto ficaría cuestionado (na práctica) que o Estado español exerza calquera tipo de opresión nacional, e de ter existido, sería parte do pasado e non tan grave. A existencia de organizacións autóctonas e o dereito á autodeterminación terían máis un carácter instrumental, identitario, democrático formal, que de proxecto político propio.

Unha fracción importante da sociedade, aqueles sectores menos politizados reclaman a unidade da esquerda política, do sindicalismo, do nacionalismo, e mesmo de todas as clases

C) En relación coa unidade. Utilízase como un argumento para a coligazón, xa que o povo pide a unidade da esquerda. É verdade que unha fracción importante da sociedade, aqueles sectores menos politizados reclaman a unidade da esquerda política, do sindicalismo, do nacionalismo, e mesmo de todas as clases. De aceptar esta unidade en abstracto, todo ficaría como está hoxe, dado que non mudaría a correlación de forzas, ou, no mellor dos casos, cando ten como finalidade substituír a dereita no Governo, favorecería as opcións da esquerda do sistema, sexan as tradicionais ou aquelas que pretenden a súa renovación para acadar unha nova maioría que garanta a estabilidade (porque serán as que arroupen as clases dominantes ou unha fracción dela, como mal menor). Esta unidade é moi distinta daquela que se constrúe sobre bases transformadoras, de liberación, cunha folla de ruta  e obxectivos comúns para esta etapa, tanto no discurso, como na práctica. Por outra banda o éxito de Podemos pouco ten a ver coa unidade de partidos, ou de cúpulas, como se reflicte cando rexeita a converxencia con Esquerda Unida, e non por iso foi freado o seu crecemento electoral. A clave do seu éxito non está na mensaxe da unidade, nen en ter unha estrutura máis democrática que os partidos tradicionais (aínda que isto sexa necesario), tal como se evidencia nas criticas de Teresa Rodríguez ao funcionamento actual de Podemos. 

D) Da práctica social e política non xorden espontaneamente unha caracterización, un programa, unha folla de ruta, uns métodos de traballo, que transformen a realidade. Para que isto suceda, cómpre unha análise científica, unha teoría política revolucionaria, o marxismo. Daquela que unha tarefa importante, fundamental, sexa a formación, o debate, a socialización dos métodos de análise, vencellando así, o concreto, a loita, a presenza nas institucións, co proxecto estratéxico, tanto no plano social como nacional. A simplificación é funcional para as forzas políticas sistémicas, que se sustentan nun ensino, medios de información, e cultura de masas, e práctica relixiosa, controladas polas clases dominantes. A mensaxe liberadora é aquela que, partindo do concreto, deixa ao descuberto as leis da explotación, ofrece alternativas para esta etapa, reforza o papel da organización, do protagonismo das clases populares, e debuxa o proxecto estratéxico. Trátase de razoar, de facer pensar, de formar conciencia política. Cando non se fai deste xeito, dáselle pulo ao espontaneísmo; e o apoio tende a ser transitorio, como acontece cando o electoralismo ou o economicismo se converten en prioritarios.

O acordo entre as forzas independentistas en Catalunya abre un panorama político institucional moi distinto ao que existiría de se realizar unhas novas eleccións

Tendo en consideración as reflexións anteriores, podemos concluír que o contexto é moi fluído, complexo. O acordo entre as forzas independentistas en Catalunya abre un panorama político institucional moi distinto ao que existiría de se realizar unhas novas eleccións. Porén, non se debe ignorar que non mudou a correlación de forzas, aínda que estean máis fraccionadas no ámbito político. O inicio do proceso a prol da independencia, tanto se chega a bo porto, como se termina a medio camiño ou remata en represión, coloca a cuestión nacional en moi primeiro plano. Os ataques contra a conquista deste dereito serán moi fortes, e a capacidade de resposta en Catalunya e Euskadi será distinta a de Galiza, dado a debilidade do nacionalismo no noso país. Trátase polo tanto de ligar máis que nunca o social, o cultural, o democrático, co dereito á autodeterminación, e non en querer reproducir na mensaxe a folla de ruta de Catalunya, sen ter percorrido o proceso previo. 

A postura de Podemos de reconsiderar como se vai presentar ás eleccións galegas, semella que ten unha relación directa coa pretensión deste partido de presidir a Xunta e ditar o tipo de xestión que se debe facer desa institución. Queren deixar claro dende un principio que Anova e EU, e aquelas forzas que se lle unan no futuro, serán segundos de abordo. Optar agora por se desmarcar dunha mensaxe nacionalista ten unha relación directa co anterior e coa folla de ruta independentista en Catalunya. Podemos xa comezou a escenificar no debate de investidura en Catalunya que se opón á independencia. Xa non pode seguir na ambigüidade para atraer votos das bases nacionalistas sen que lle teña custes no celeiro da esquerda tradicional española. Ada Colau facía o propio acusando o nacionalismo de terlle medo ás urnas por non convocar novas eleccións. Tanto Podemos como Colau, para alén das diferenzas no discurso, ao final sumábanse ao bloque anti-independencia, xunto co PSOE, Ciudadanos e o PP. Para aqueles que coidan que o BNG debe formar parte dunha coligazón con estas forzas nas vindeiras eleccións autonómicas, haberíalles que preguntar se lles valen as limitacións no discurso que lle impón o partido do círculo morado, e o papel subsidiario que lle adxudica ao nacionalismo. Dirá algo Anova sobre esta posición de Podemos Galiza?

Tanto Podemos como Colau, para alén das diferenzas no discurso, ao final sumábanse ao bloque anti-independencia

Por último, coido que non é doado de entender que o portavoz nacional do BNG, na súa intervención na homenaxe a Castelao en Rianxo, supedite a recuperación electoral da fronte á conformación de alianzas electorais. Unha mensaxe de unidade en abstracto na que teima dende que asumiu a portavocía, e que vindo de quen vén, deixa como lectura na sociedade, que o BNG é incapaz de seguir cumprindo o papel que xogou historicamente como forza de referencia a prol dos dereitos sociais e nacionais do povo galego, mesmo para alén da súa maior ou menor presenza institucional. O BNG vai realizar unha Asemblea dentro de dous meses. O portavoz nacional non pode condicionar a decisión aproveitando o seu destacado papel na fronte, especialmente cando con este obxectivo se alenta unha visión derrotista, dependente de factores e actores externos. Os cargos dan protagonismo, porén impoñen obrigas no discurso máis alá dos organismos de dirección. 

http://manuelmera.blogaliza.org/