Opinión

A cuestión demográfica

Cada día resulta máis evidente que ficamos diante dun cambio climático que afecta ao futuro do ser humano. E mesmo deixando aberto o debate e se ten só unha relación directa coa emisión de dióxido de carbono, ou ademais incide o modelo económico e social imperante, sería unha irresponsabilidade, un suicidio non poñer todos os medios necesarios para eliminar este perigo. Evidentemente digo outro tanto respecto das guerras entre potencias nucleares, como a da Ucraína, que non deixa de escalar, por iniciativa da OTAN (dirixida polos Estados Unidos), reforzando a hipótese dunha posíbel utilización de armas atómicas, con todo o que isto implica de suicidio dunha parte ou de toda a humanidade.

Agora ben, volvendo ao tema inicial deste artigo, no relativo a todo tipo de intervencións do ser humano que inciden negativamente a natureza hai unha que non se pode obviar que é a densidade demográfica, ou sexa, o número de persoas que habitan o planeta Terra (porque é un problema que importa mesmo nos países onde a povoación está estancada ou en retroceso, caso da Galiza, porque se trata dunha cuestión planetaria). Ademais, non é o mesmo en 1970 viviran no mundo catro mil millóns de habitantes e hoxe oito mil (malia o control da natalidade en China). Este crecemento incide en todos os ademais aspectos, como a produción de bens e servizos, mobilidade,... no ecosistema. Mais este é un debate que se evita, porque aínda se relaciona o medre da povoación non só co crecemento do PIB e o negocio, senón tamén co papel da familia, da súa continuidade posterior; daquela a importancia da natalidade en todas as relixións, e a oposición ao aborto... son respostas do pasado a un mundo moi distinto ao actual.

Estas actitudes tamén teñen forza no neoliberalismo para xustificar a elevación da natalidade seica para manter unha ratio alta entre povoación activa e a dependente “que garanta un crecemento constante de bens e servizos”. Aínda que no fondo trátase de contar con excedente de man de obra de reserva. Daquela que se ignore, conscientemente, que a tecnoloxía e mellora dos métodos de produción permite producir máis en menos horas, co que a redución da xornada sería o máis lóxico, eliminando ou reducindo o desemprego. Hoxe o medre da produtividade serve no esencial para aumentar os beneficios empresariais, e favorecendo a un sector extremadamente rico, mesmo a costa do medre da precariedade e da desigualade. Daquela que nunca se acade unha mellora que sexa xusta en materia de ingresos, e até a chamada “clase media” estea preocupada pola súa progresiva desaparición.

Non se pode negar que non é doado fixar un criterio respecto da povoación óptima dun país, aínda que resulta evidente de Bangla Desh está super-povoado e Namibia ten unha densidade baixa. Mais non se pode obviar que para alén da superficie hai que ter en conta as zonas desérticas ou semi-deserticas (o propio pódese dicir de territorios próximos ao ártico por poñer outro exemplo). Como lle van afectar os cambios climáticos aínda que sexan conxunturais a cada país non é algo secundario, e aféctanos a todos/as. Tampouco é igual o interior que un área costeira,... e a riqueza en materias primas.

En calquera caso frear o medre da povoación e despois ila reducindo en cada nación necesita dun debate previo, nacional e planetario, e os obxectivos sendo mundiais deben depender, pola diversidade exposta, de cada país concreto, nunca en función do poder ou do atraso e da dependencia, senón da aplicación dun modelo económico e social que garanta un reparto xusto e solidario entre as nacións. Ou sexa, a cuestión demográfica esixe de progreso e reparto tanto entre territorios como entre clases sociais. Algo que hoxe non sucede. Un mundo multipolar axudaría moito neste respecto.

A problemática da densidade demográfica é esencial, e afecta ao cambio climático, á economía, as migracións forzadas, a subsistencia de nacións, culturas e linguas, mesmo aos equilibrios de poder.... ou sexa: ao futuro da humanidade. A cuestión demográfica é esencial, urxente, polo que debe formar parte do debate e proxecto estratéxico. Carece de perspectiva de futuro que nun lugar se multiplique a povoación, e noutros morra moita máis xente que nace, que se abandonen aldeas e vilas e existan mega-cidades que propician o illamento das xentes que as habitan. A globalización neoliberal fracasou en todos os aspectos, non só no xeo-estratéxico funcional ao imperialismo.