Opinión

Unha conxuntura complexa e de cambios

Esta conxuntura está definida no esencial polo esgotamento do capitalismo, cando menos na súa versión de globalización neoliberal, dado os enormes custes para a humanidade: desfeita da natureza, confrontación en ascenso entre potencias, a desigualdade crecente entre clases e entre nacións.... Cantos anos durará o tempo no que está en disputa o futuro modelo (aínda que sexa de xeito parcial), e quen será o bloque gañador, non é algo doado de adiantar a esta altura. Son varios os escenarios posíbeis, xa que Estados Unidos e aliados están facendo os máximos esforzos, mesmo con grandes custes económicos e sociais internos, e o perigo nuclear, para manter seu dominio (como imperialismo hexemónico e algún dos seus aliados nun papel de subimperialismo).

Pola súa banda Rusia e China, e outras potencias rexionais e países que buscan manter unha postura independente, defenden como alternativa un mundo multipolar. Sen dúbida, será clave a este respecto como e cando remate a guerra na Ucraína; e outros conflitos armados (e no eido da economía) que van en aumento, alentados polo G-7/OTAN. A cuestión é até onde chega a multipolaridade, e polo tanto o recoñecemento da diversidade, da soberanía das nacións (con e sen estado propio, hoxe), e todo o relativo á xustiza social, a igualdade, a defensa da natureza...

Resulta evidente que os conflitos armados actuais teñen distinta intensidade, mesmo diferente problemática inicial, mais todos están ligados dalgún xeito á disputa económica, tecnolóxica e comunicación, e de poder, do ”bloque occidental” con China e Rusia, e outras potencias rexionais, algunhas que mesmo manteñen lazos no eido militar e económico co imperialismo hexemónico (vexase as votacións respecto do conflito ruso-ucraíno na ONU, as decisións da OPEP+). Nesta crecente “indisciplina” xoga o acrecentamento das contradicións do sistema, e o crecente intervencionismo externo, as sancións, e mesmo apropiación de activos por decisións unilaterais de USA (o mundo anglo-saxón) e da propia UE, co que isto implica de alteración das regras de xogo.

Daquela que cada vez se sumen máis países a unha postura contraria á confrontación e a que un único país marque as regras de xogo, e que busquen un reparto máis xusto da riqueza producida e do traballo, para o que necesitan rachar coas relacións subordinadas con Washington e estados subimperialistas. Isto foi o que se escenificou por moitos/as presidentes no Cumio das América realizado en Los Ángeles, e nunha morea de intervencións na última Asemblea Xeral das Nacións Unidas. Institución que foi cuestionada por servir na práctica os intereses dunha orde mundial que centraliza e concentra a riqueza e o poder, malia ser opostos seus principios e obxectivos.

A crise do sistema xustificouse polo imperialismo antes coa pandemia e agora coa invasión da Ucraína.  Feitos que  sen dúbida axudaron a ampliar seus efectos e acelerar o proceso, mais a base e a desfeita ecolóxica e os límites de determinadas materias primas esenciais, o medre da desigualdade social e entre territorios, as migracións masivas, a mobilidade estrema, a especulación e a economía delitiva, a presión demográfica, etc. É dicir: a globalización e o neoliberalismo levaron ao mundo ao límite, tanto no modo de produción como na forma de vida. Daquela que os efectos das pandemias, a desfeita ecolóxica, a lacra da desigualdade, esténdense con maior rapidez e intensidade que nunca antes. Lembremos o efecto económico dun barco atrancado na canle de Suez.

Polo tanto, non abonda con substituír os medios cos que se produce electricidade ou cos que se move o transporte por estrada, esquecendo os milleiros de barcos e avións, con mercadorias e turismo, ou o consumo eléctrico para a obtención de criptomoedas. Falase da desaparición de especies animais e vexetais, mais pouco se di da perda de gran parte da riqueza cultural e lingüística do propio ser humano. Non hai saídas xustas e sustentábeis, sen alternativas transformadoras e non represivas e elitistas, sen realizar cambios sistémicos, sen debilitar ao capitalismo máis concentrado. O imperialismo hexemónico, nun mundo unipolar, non as fixo nen as fará, daquela o balance tan negativo desta etapa, malia os grandes avances científico técnicos.