Opinión

A centralidade do traballo

A Ricardo Antunes, profesor de socioloxía do traballo da Universidade de Campinas, Sao Paulo, Brasil, debese un dos libros máis lucidos sobre as relacións laborais e a clase traballadora, titulado “Os sentidos do traballo”. Trátase dun estudo das relacións entre o traballo improdutivo e produtivo, a división sexual do traballo e a nova configuración da clase obreira. Por suposto contémplanse as mudanzas dentro e fóra da empresa, do fordismo ao toyotismo, do Welfare State ao neoliberalismo e a globalización. Aínda que son múltiples as referencias ao Brasil, especialmente nos apéndices, unha boa parte da análise centrase no estudo do neoliberalismo da era Thatcher e a “terceira vía” de Tony Blair en Inglaterra, país onde o autor traballou como pesquisador visitante na Universidade de Sussex convidado por István Mészáros.

Ricardo Antunes adica unha boa parte do seu libro a analizar a afirmación de que o traballo na sociedade en que vivimos foi perdendo importancia na vida do ser humano, un espazo e valor que iría gañando o lecer. Mais el demostra con multitude de dados e exemplos prácticos como o traballo segue sendo central. Daquela, que afirme Ricardo Antunes que este papel central do traballo fai da clase obreira o principal actor de calquera transformación social, malia a fragmentación (cada día traballa máis xente e máis horas en relación de dependencia, malia os avances científico técnicos). Argumenta que “hai un proceso de tecnoloxización da ciencia que, polo dagora, non pode eliminar o traballo vivo, aínda que pode reducilo, alteralo, fragmentalo”.

Contradí a visión reducionista que fan algúns teóricos, e mesmo algúns sindicalistas, cando consideran que a clase obreira baixo as formas de produción do taylorismo-fordismo foi dunha gran homoxeneidade. Argumenta Antunes: “No século XX, os traballadores por certo non eran homoxéneos. Sempre houbo homes-traballadores, mulleres-traballadoras, mozos-traballadores, cualificados e non cualificados, nacionais e inmigrantes, etc... tamén é evidente que no pasado xa había terciarización... Deuse polo tanto unha enorme intensificación dese proceso que o alterou cualitativamente ...” Nas súas apreciacións fuxe da simplificación, que non de ofrecer unha análise profunda e sinxela, que sexa entendida por todos e todas.

Coida Antunes que a clase-que-vive-do-traballo “engloba tamén ao conxunto dos traballadores/as improdutivos... aquelas persoas cuxas formas de traballo son utilizadas nos servizos, sexa para uso público, como os servizos públicos tradicionais, sexa para uso capitalista”. É dicir que refuga da visión mecanicista de reducir a clase obreira só aos traballadores/as directamente relacionados coa produción de bens.

No mundo actual estamos diante de fondas modificacións, agora ben: cantas fican reducidas só ás formas e cantas transforman os contido?  cales mudan as relacións de produción e cales non? até que punto existe un desprazamento da centralidade cara novas maiorías sociais ou ficamos só diante de mudanzas cuantitativas e de recomposición das clases existentes?... Por exemplo respecto do teletraballo. Estas e moitas outras son preguntas importantes, para as que cómpre ter unha resposta axeitada, para caracterizar correctamente as contradicións e a súa importancia. Unha cuestión básica para poder avanzar en xustiza social, soberanía, solidariedade... Ricardo Antunes danos neste e outros libros a súa visión, profunda e comprometida, paga a pena coñecela.

https://obloguedemera.wordpress.com/