Opinión

A centralidade da planificación

O futuro do mundo está en entredito, tanto no plano ecolóxico e económico, como no social, cultural e político. Non o digo cunha finalidade alarmista, senón para situar a importancia da conxuntura, e das decisións e tarefas que tomemos e cómpre realizar. O capitalismo non responde ás necesidades desta etapa, e non falo só do inxusto do reparto entre nacións e entre clases sociais, senón pola agudización das contradicións máis elementais, como son as que sustentan a vida.

O sistema está cuestionado ao máximo polos límites da extracción dos recursos minerais, porén tamén polo modo de vida e a destrución da natureza (a problemática enerxética, a mobilidade estrema, e con ela a produción de escala, e o medre demográfico,...), ao que se engade a estrema confrontación entre potencias, polo reparto do poder e da riqueza, e o medre da desigualdade entre nacións e clases sociais. Sen dúbida ficamos nunha conxuntura difícil, complexa, tanto polos límites que nos marca o planeta, como pola capacidade destrutiva das potencias atómicas, máxime cando as alternativas son tan excluíntes, os cambios non entran no fondo da problemática, e non existe unha planificación colectiva para a transformación do modelo económico e social, que abranga a todos os países, con ou sen estado propio, e que procure solucionar todas as eivas ás que facía mención, e outras...

Os avances técnicos poden axudar a rebaixar moitos dos atrancos actuais do sistema produtivo e dos efectos lesivos da actividade económica e do modo de vida, mais non se pode ignorar que a povoación seguirá medrando (por certo especialmente nos países máis pobres ou empobrecidos), e que é lóxico que as nacións da periferia aumenten o consumo. Polo tanto non se solucionan estes retos só con reformas, esencialmente no centro do sistema, das fontes de enerxía e de aspectos parciais da mobilidade, etc.

Ademais, aínda que como a saída necesaria da actual confrontación entre potencias sería un paso positivo que se consolidase un mundo multipolar, non se pode esquecer que este obxectivo no proxecto das potencias emerxentes non cuestiona a globalización. E polo tanto non reduce a mobilidade, e mesmo empurra o medre demográfico, que se converte nun factor máis de poder. Os dous bloques actuais, Estados Unidos e aliados, e China e países que se opoñen ao imperialismo hexemónico, ven na potenciación do comercio exterior un medre do PIB.

A existencia de dous grandes bloques, dá pulo a un mundo máis diverso e fragmenta o poder, mais non é abondo para evitar que se manteña como norma nos países da periferia un desenvolvemento primario que os afasta de formas económicas primitivas e/ou pouco produtivas, mais consolida seu papel subalterno (sempre hai excepcións). Isto potencia a mobilidade e optimiza os beneficios do gran capital ampliando as diferenzas na cadea de valor. Dará lugar a existencia dun grupo de nacións nun terreo intermedio aos dous bloques? Todo parece indicar que será así. Esta pluralidade axudaría nun intercambio máis xusto. Tamén daría pulo a economías autocentradas e circulares? Nacións nas que o comercio exterior teñan un papel complementar, co que iso implica de soberanía, reducir a mobilidade, e poñer atrancos ás grandes corporacións transnacionais que son os cruceiros do imperialismo e do medre da desigualdade. Cando menos hai que pensar que abre esa posibilidade, e que a multipolaridade vai para alén da confrontación entre dous bloques, iso é o que está a suceder neste intre, de vagar porén cunha tendencia en ascenso (as contradicións de Turquía, na OPEP, da India, México, etc).

Ademais, malia a inmensa campaña de demonización por parte de “occidente” de todo modelo económico e social que non sexa o neoliberal, é dicir, baseado na redución do papel do Estado (ven a través da privatización dos servizos máis esenciais ou que este delegue a sua xestión no sector privado, co que isto ten de garante asegurando beneficios). Mais esta folla de ruta ten uns resultados negativos para a maioría social e os países subalternos, cun aumento da desigualdade entre clases sociais e entre territorios. Un exemplo distinto é o de China polo papel central do Estado como propietario dos sectores estratéxicos e polo tanto capacidade para cumprir coa planificación a medio e longo prazo. Un aspecto fundamental en todo proceso de transición e cambios sistémicos. A dependencia que ten occidente das grandes multinacionais, que foron seus cruceiros na consolidación do capitalismo e especialmente na globalización neoliberal, son hoxe un freo pola súas contradicións produto das diverxencias de intereses no inmediato do gran capital. Daquela que “occidente” recorra á agresión militar, as sancións e bloqueos.

No proceso de cambio deben ter un papel determinante os partidos de esquerda, os sindicatos e as forzas sociais e culturais, abrindo o debate e impulsando a mobilización. Denunciando o aumento das taxas de gañancias das corporacións e grandes fortunas a costa da precariedade e caída dos salarios, da redución das prestacións e servizos públicos... Unha regresión que coloca en perigo a mesma vida humana ou os aspectos máis esenciais, cando se trata de todo o referente á sanidade, pensións, dependencia, ensino, enerxía, aforros, mobilidade das persoas... Ou sexa, neste contexto, para alén do discurso ideolóxico, para ofrecer a máxima garantía á inmensa maioría da sociedade como mínimo estes sectores (dependencia, pensións, sanidade, incluída as empresas farmacéuticas, comunicacións, bancos, enerxía, mobilidade colectiva...) deben ser de titularidade e xestión pública.

Non hai un só argumento que avale privatización de servizos esenciais para a povoación. Vexase o subida da enerxía, co argumento de que se trae do exterior e o aumento de prezo en orixe, polo que termina repercutido no usuario/a, mais con beneficios extras nas empresas intermediarias. Ou o caso das vacinas contra o covid-19 que terminaron multiplicando os lucros dalgunhas farmacéuticas, mentres se bloqueaban outras máis baratas, e todo indica que non só foi por interese político. Os cambios sistémicos, no modo de vida, non poden ir á marxe do dereito da soberanía nacional de todos os povos, da xustiza social e da igualdade. Ou sexa dun amplo cambio económico e cultural e político, que faga participe e protagonista ás clases populares dos obxectivos e da folla de ruta e das tarefas. E para iso é fundamental, como primeiro paso, un mundo multipolar, recoñecer a diversidade humana como unha riqueza,... a planificación,... un forte sector público da economía.