Opinión

Catalunya, fortalezas e retos para a soberanía

O independentismo gañou as eleccións en Catalunya.

O independentismo gañou as eleccións en Catalunya. Fíxoo nun contexto hostil, no que as clases dominantes, incluíndo unha parte importante da alta burguesía catalá, empregaron todos os medios para torcer a vontade popular. Declaracións das grandes empresas e da banca ameazando con marchar do país, de significados governantes doutros estados contra a independencia, de organismos económicos afirmando que non se poderían pagar as pensións e que estas e o nivel de vida ían baixar un 40%, do cardeal Cañizares chamando a facer unha vixilia contra os anceios soberanistas, e a chegada de 900 policías especiais un día antes das eleccións. Neste contexto, acadar 72 deputados/as dos 135 posíbeis é todo un éxito, que amosa o estado de ánimo do povo catalán e a súa firmeza en relación co dereito á soberanía. Isto permite continuar o proceso a prol da independencia. Unha andaina que terá que vencer novos e máis fortes atrancos. 

Entre as escusas, para impedir o exercicio dun dereito democrático básico, estará a vella e autoritaria postura de que Catalunya non ten dereito a decidir sobre o seu futuro porque non o permite a Constitución, que consagra a imperecedoira unidade de España. Ao que agora se engadirá a valoración de que os votantes dos partidos independentistas foron menos (un 48%) que os que votaron polos partidos que se opoñen á independencia (un 52%). Un argumento que xa era titular nos medios ese día, e que esquece intencionadamente que entre os partidos non soberanistas hainos que xogaron cunha ambigüidade calculada na mensaxe, apostando por unha terceira vía para gañar franxas da sociedade que non rexeitan a independencia. Este é o caso de CatSíqueesPot (Podemos, ICV, EUiA, etc.), que seica se opoñen exclusivamente a unha declaración unilateral de independencia. 

"Neste contexto, acadar 72 deputados/as dos 135 posíbeis é todo un éxito, que amosa o estado de ánimo do povo catalán e a súa firmeza en relación co dereito á soberanía"

Segundo CatSíqueesPot, ante todo cómpre mudar a correlación de forzas no Estado español para reformar a Constitución, recoñecendo o carácter plurinacional do Estado, outorgando o dereito a decidir das nacións que o compoñen. Unha lectura progre do conflito coas nacións dependentes, mais que ao final leva a perder tempo e manter o estado único. Tanto porque subordina a contradición nacional, como porque a solución, para estas forzas, pasa por ceder en aspectos que non deixan de ser simbólicos a esta altura da evolución do capitalismo, se non cuestionan os alicerces da dependencia. Só coa plena soberanía é posíbel defender a economía, a cultura e a identidade nacional, e facer políticas favorábeis ás clases populares. A Unión Europea é unha mostra de como as solucións intermedias non evitan a concentración e centralización do poder e da riqueza nas grandes fortunas e estados máis poderosos. 

A reforma da Constitución española é un camiño practicamente inviábel, dada a correlación de forzas no ámbito que abrangue, xa que cómpre unha maioría cualificada para cambiar estes aspectos (2/3). Forzar a situación, como están a facer as forzas independentistas en Catalunya, é polo tanto a única vía para avanzar na conquista da liberdade. CDC sabeo moi ben, porque xa probou os outros camiños, sen que conseguisen avances salientábeis, nen sequera para defender a cultura e lingua nacionais. Ademais de ser a única folla de rota posíbel para acadar a independencia, tamén é efectiva para garantir que no marco actual as clases dominantes fagan cesións no ámbito político e cultural. Evidentemente fano para intentar manter como sexa a unidade de mercado e as taxas de lucro, que para eles son aspectos centrais. O debate no último ano entre os partidos sistémicos, moi presente nos medios de comunicación hexemónicos, sobre a conveniencia ou non dunha reforma constitucional e o recoñecemento da singularidade de Catalunya, así o demostran. Despois dos resultados destas eleccións este debate irá a máis. Seguramente, dende aqueles menos ligados á dereita ideolóxica, e como unha expresión máis lucida do gran capital, destacarán que gañou en votos o non á independencia, valorarán como grave a ruptura da convivencia, e alentarán a necesidade de restar base ao independentismo recoñecendo singularidades. Ou sexa, para eles trataríase de cambiar algo, como fixeron en 1978, para que non mude ren, sabendo que o tempo xoga ao seu favor, dadas as tendencias dominantes. 

"A Unión Europea é unha mostra de como as solucións intermedias non evitan a concentración e centralización do poder e da riqueza nas grandes fortunas e estados máis poderosos"

Ademais, estas eleccións deixaron en evidencia que nun país dependente mesmo cun papel central na economía do Estado, como é Catalunya, a cuestión nacional non é unha prioridade para a burguesía local, que a considera un atranco. Así o amosaron as grandes empresas, e non poucas das pequenas e medianas, colocándose abertamente contra o proceso de independencia. Tamén se quixo utilizar por parte dos partidos españois a inmigración, que ten peso en certas partes do territorio. Son cuestións sobre as que o nacionalismo galego debe pensar, especialmente aqueles que coidan que existe unha maior conciencia nacional en Catalunya porque contan co apoio da burguesía. Puido ser na orixe, mais non semella ser esa a realidade hoxe.

Outro aspecto de transcendencia é o número de deputados/as obtido por CatSíqueesPot, xa que perdeu dous con relación ás eleccións anteriores, cando ICV-EUiA conseguira 13. O propio Pablo Iglesias recoñece que son uns malos resultados, produto dos erros cometidos. En todo caso amosan un devalo cada vez máis forte de Podemos, que as desercións de dirixentes e militantes en distintos lugares, especialmente na Galiza, poñen en primeiro plano. Ate onde chegará este retroceso nas vindeiras eleccións xerais é unha incógnita. Mais todo indica que pode ser moi forte. Sen dúbida é consecuencia de que o proxecto foi perdendo radicalidade, así como da falta dun programa claro, e por suposto das limitacións de construír un partido dende un asemblearismo puramente retórico e un círculo de dirección moi pechado e reducido. Son aspectos que cómpre valorar, máxime cando tantas persoas fixeron seus estes métodos de traballo, confundindo espontaneismo con democracia.

"O propio Pablo Iglesias recoñece que son uns malos resultados, produto dos erros cometidos. En todo caso amosan un devalo cada vez máis forte de Podemos"

Que o independentismo teña maioría no Parlamento Catalá é moi importante, xa que permite manter o proceso soberanista. Porén, non obter unha maioría de votos nas eleccións será utilizado polo españolismo como un argumento en contra, e non se pode ignorar que ten o seu valor, tanto diante da opinión pública en Catalunya, como no Estado español e no ámbito internacional. É verdade que a falta de proporcionalidade e primar os votos de determinadas provincias é un feito común no Estado español, e que non por iso se cuestionou a lexitimidade de moitos governos construídos en base a este trato desigual. Por exemplo o de Feijóo en 2011. Se cadra era normal porque os máis favorecidos foron os partidos de dereita. 

"É esencial que o soberanismo alargue as alianzas. Para iso é necesario que ligue a independencia a cambios laborais e sociais favorábeis á maioría"

En resumo, cómpre fuxir da autosatisfacción, mais, tamén asumir que as eivas e atrancos non deben frear o proceso. É esencial que o soberanismo alargue as alianzas. Para iso é necesario que ligue a independencia a cambios laborais e sociais favorábeis á maioría, e estes só serán críbeis se se comezan a implementar xa, neste período transitorio de governo autonómico. O afastamento de CDC e Unió, a alianza con ERC e a necesidade dos votos da CUP, deberían empurrar neste sentido. O certo é que o voto identitario, mesmo en Catalunya, sendo fundamental, non dá para mudar a correlación de forzas a prol da libración nacional. A hexemonía ideolóxica da globalización neoliberal non entende de fronteiras. Daquela que esta reflexión teña aínda maior validez se falamos de Galiza, pola súa historia, polo carácter represivo da ocupación, da dependencia, da colonización, da asunción da derrota, e de procurar a saída individual remedando ao conquistador. Por certo non é ningunha singularidade, é un comportamento que se dá en todos os povos colonizados. 

http://manuelmera.blogaliza.org/