Opinión

Brasil, límites e virtudes da esquerda sistémica

Aínda que en boa medida os resultados da segunda volta no Brasil semellan estar máis claros que na primeira, polo que o triunfo de Lula é seguro, non se pode dar por definitivamente garantido tendo en conta o grao de apoio que acadou Jair Bolsonaro e a capacidade de mobilización amosada polos seus seguidores. Sobre este aspecto dinos o politologo brasileiro Emir Sader: “O sorprendente aumento da votación final de Bolsonaro revela o relativo éxito dos mecanismos de acción do bolsonarismo que lograron reducir a distancia que as enquisas apuntaban a favor de Lula, de máis dun 10 por cento a un 5. Malia o mal governo de Bolsonaro, o 43% da povoación votou por un novo mandato para el. O que revela como as posicións de extrema dereita están arraigadas na sociedade brasileira, o que merece máis discusión”.

Tampouco se pode obviar que non é igual a porcentaxe de votos cos que Lula acade a presidencia en segunda volta, tendo en consideración que o partido de Bolsonaro é o que obtivo maior número de representantes no Parlamento e no Senado, que sumados a outros partidos da dereita darianlles maioría en ambas cámaras. Outra cuestión é que pola súa fragmentación, e intereses diversos, acadar maiorías nas votacións será complexo tanto para unha como para a outra alternativa. Polo tanto Lula da Silva terá que buscar acordos puntuais con partidos do centro dereita para aprobar as leis que envíe ao Congreso, o que limitará as medidas reformistas que necesiten tramitación parlamentar. Este non é un atranco menor, mesmo que a belixerancia no poder lexislativo brasileiro non acade a agresividade de Perú, non esquezamos a destitución a Dilma Rousseff polo Senado en 2016, ou temas pendentes como o de evitar a privatización de correos. 

Ademais, hai que ter en conta a complexidade do momento no contexto internacional. Brasil, como o resto dos países do mundo, vai ter que confrontar unha situación difícil no económico e social, cunha caída do PIB este ano e que será maior en 2023, co que iso implica en materia de emprego, salarios, precariedade e pobreza. Unha crise que se iniciou coa pandemia do covid-19 e se reforzou neste último ano co efecto búmerang das sancións impostas por parte da UE/OTAN/G-7 a Rusia, pola intervención na Ucraína. Na política exterior é onde semellan menores as diferenzas entre o actual e futuro governo, xa que Brasil mantívose nos BRICS, no que entrou durante a primeira etapa de Lula da Silva (ano 2008).

Brasil, unha república federativa, é hoxe unha potencia rexional, que destaca polo seu PIB (en PPA) de 3.680 mil millóns de dólares, ou sexa, a 9ª economía do mundo. Por riba de Francia, Italia, Turquía, México, Corea do Sur... Mais 33 millóns de persoas pasan fame en 2022 fronte a 10 millóns en 2018, como efecto das medidas de Bolsonaro de eliminación e redución de axudas, tamén aumentou a precariedade laboral (de 86.400.000 persoas ocupadas un 40% teñen un traballo informal, sen coberturas sociais). A balanza comercial é positiva sendo as principais exportacións: alimentos, recursos minerais e petróleo,... o seu primeiro socio é China (32% das exportacións) e despois Estados Unidos (10,3%)... Polo tanto ten a súa lóxica que Jair Bolsonaro se mantivese no BRICS, para alén das súas preferencias políticas, máxime cando esta organización se centra exclusivamente nas cuestións de desenvolvemento con criterios multilaterais.

Haberá un xiro á esquerda no social e democrático, un achegamento aos países latinoamericanos, e seguirá forte a oposición de dereita respecto das reivindicacións da clase traballadora, e en todo o relativo aos servizos públicos básicos. Ate onde chegará? Dependerá moito da mobilización sindical e social. Dáse un paso adiante no institucional con limitacións e compromisos con sectores neoliberais (socialdemocracia e centro dereita), nun contexto de avance da dereita en Europa e Estados Unidos, cunha esquerda internacional débil sen unha folla de ruta transformadora clara, e  nunha conxuntura de álxida disputa entre potencias.