Opinión

Bóveda e os nosos mártires

O pasado 17 de Agosto celebrouse o día de “Galiza Mártir”, unha data na que se rende homenaxe a todos/as aqueles que deron a súa vida por esta Terra, é moi especialmente aos que foron asasinados polo "alzamento nacional" (español) de 1936. A data fixouse en Bos Aires, no ano 1942, por parte da recen fundada Irmandade Galega. Coincidía coa día do asasinato polo réxime franquista na Caeira, en Poio, de Alexandre Bóveda que fora un dos impulsores do Partido Galeguista e nese momento exercía de secretario xeral.

O seu fusilamento non foi un caso illado. O golpe de estado das forzas reaccionarias, causou a guerra civil, e impuxo unha cruel ditadura. Entre os asasinados no primeiro momento estaban, ademais de Bóveda: Ánxel Casal, Benigno Álvarez, Quintanilla, Johan carballeira, Álvarez Blázquez... miles en todo o país galego. Masivas foron as detencións e as persoas sometidas a torturas e todo tipo de represión física e sancións económicas. Moitos miles pasaron durante a guerra civil ao bando republicano, e unha vez rematada, moitos/as foron ao exilio, outros/as agocháronse e incorporáronse á guerrilla.

Bóveda apoiou a alianza do PG coa Fronte Popular, non estaba unido a ningún tipo de violencia política e non defendía unha métodos violentos ou propostas radicais. Por iso, neste caso, como en moitos outros, ficou patente o carácter fascista, autoritario, do novo réxime; o seu odio a todo aquelo que amósase a pluralidade nacional, cultural e idiomática do Estado español. Mais, sobre todo, resultou evidente a debilidade dun proxecto ideolóxico que se tiña que sustentar na eliminación física da máis mínima oposición e diversidade.

Os desexos de mudanza, as inquedanzas de xustiza e solidariedade do pobo, foi o que quixo matar o "alzamento". E moi especialmente esmagar a os avances democráticos e pluralidade nacional. Temían unha Galiza dona de si, e cun movemento social en ascenso (dinámica que tamén se daba con moita forza nas outras nacionalidades historicamente asoballadas). Ademais, a República, mesmo coas súas limitacións, incomprensións e discriminacións ao respecto da cuestión nacional, permitiu unha xeira de avances e, fundamentalmente, abriu as portas ás autonomías, a que lle desen folgos á creación literaria e a novos proxectos económicos e sociais. Non é casual que esta etapa fose a única, no que ía de século, na que retornaron máis emigrantes a Galiza dos que marcharon, malia a crise do 29. Non hai dúbida que a República e os estatutos criaron expectativas no pobo.

Xosé Sesto di de Bóveda que era un revolucionario, aínda que non era un marxista, xa que pretendía unha revolución das estruturas económicas e sociais que existían na Galiza dos anos 30. As súas eran propostas económicas progresistas, que pretendían eliminar as limitacións que a nivel externo e interno existían; nuns casos pola dependencia de Madrid, do centralismo imperialista e cástrante, e noutros, por unha sociedade aínda baixo controis caciquís e esmagada por unha emigración secular.

A homenaxe a Alexandre Bóveda, no Día da Galiza Mártir, debe servir ademais para lembrar a tantos outros fusilados, torturados e represaliados, pola ditadura, polo españolismo máis agresivo. Mais tamén é unha data para que os galegos e galegas non esquezamos a débeda histórica que temos cos nosos devanceiros de vangarda. Por exemplo, cos irmandiños/as que loitaron contra a opresión nobiliaria, cos que se ergueron en defensa do país en 1846 “para que nos temeran e respectaran”, cos mariñeiros e obreiros que se amotinaron en Ferrol en 1872 na procura dunha República Federal, cos que fundaron as Irmandades da Fala en 1916, cos miles de labregos que sementaron con sangue a loita contra os foros e as levas forzosas, cos nosos/as emigrantes que construíron escolas e subvencionaron sindicatos, en fin, con todos aqueles que fixeron Patria, nación, xustiza social... En todos/as eles latexaron sentimentos de grandeza e solidariedade, que agromaron tan barilmente nas derradeiras verbas de Bóveda antes de ser fusilado: "Quixen facer ben, traballei por Pontevedra, por Galiza e pola República".