Opinión

O bloque dominante non está consolidado

Hai anos que caracterizo como de conxuntura este tempo que se iniciou coa chamada “crise”. Ou sexa, dun momento histórico no que aínda non están definidas con toda claridade cales van ser as características da próxima etapa. Que sexa así non implica que non existan tendencias dominantes, por exemplo, as que conforman a globalización neoliberal, a hexemonía dos Estados Unidos e das corporacións, senón que estas tendencias non son definitivas, que están abertas moitas interrogantes. Así o indican varios feitos non esperados nos últimos anos, que non responden aos intereses globais das clases dominantes, como son o brexit ou o golpe militar en Turquía. É verdade que ningunha destas alteracións do guión responde a intereses das clases populares, que son contradicións no seo das clases dominantes, mais amosan que hai resistencias mesmo nas súas fileiras, que non todo é tan perfecto e que os conflitos son máis extensos e as respostas máis fortes do que se divulga dende os medios hexemónicos e a cultura de masas para a formar a conciencia colectiva.

Hai quen dirá que a derrota de governos progresistas na Arxentina e Brasil (neste caso por un golpe parlamentar), e os retrocesos en Venezuela e Bolivia, perfilan un auxe das forzas imperialistas, en prexuízo das clases populares. Tamén se podería poñer o exemplo de Grecia, dese lado da balanza. Mais as masivas mobilizacións do movemento obreiro e estudantil durante meses en Francia, contra a reforma laboral, imposta ao final por decreto polo Governo socialdemócrata, reflicten que a resposta popular segue viva, mesmo nun dos países do centro do sistema.

Non hai dúbida que esta conxuntura entre etapas ten características propias deste tempo histórico, concretamente da disputa entre o vello imperialismo hexemónico, dirixido polos Estados Unidos e os países agrupados na OTAN, e as potencias emerxentes, como China, Rusia e India, e outras de carácter rexional como Irán e Brasil, con posturas máis ambiguas nalgún caso, pola súas propias debilidades. A disputa entre potencias dáse en todos os ámbitos: no económico, no da información, e mesmo no eido militar, do que Libia, Iraq e Siria son algúns dos exemplos máis brutais. O despregue de armamento norteamericano arredor de Rusia e China tamén forma parte desta estratexia ofensiva.

Esta conxuntura entre etapas ten características propias deste tempo histórico

Agora ben, como se reflicte en Siria ou Ucraína, os resultados non sempre son os esperados polo bloque dominante, e as tendencias definitivas non están totalmente decididas. Poden ser as mesmas que as actuais, máis mornas ou máis duras, que consolidan a desigualdade e o pensamento único. Mais tamén podería resultar un mundo bipolar, dividido entre o imperialismo hexemónico e as potencias emerxentes. Non sería igual, porque esta dualidade produce unha loita polo poder económico e estratéxico, abre fendas polas que se poden abrir paso as contradicións de clase e as arelas de soberanía das nacións dependentes, con ou sen estado propio.

Unha saída máis avanzada precisa dunha enorme mobilización dos de abaixo, dos/as explotados e oprimidos, e implica a aceptación dunha realidade plural, multipolar, onde a solidariedade e a soberanía nacional e popular teña un papel determinante. O temor a unha guerra nuclear, a desfeita dos ecosistemas, o retroceso laboral e social, a destrución das culturas e linguas, consolida esta última alternativa como necesaria e urxente na conciencia colectiva. Porén, non nos fagamos ilusións, para as clases dominantes o único importante é o poder; o individualismo, baixo a roupaxe do carácter emprendedor e da competitividade agocha os anceios irresistíbeis da cobiza. Só a mobilización social consciente e organizada pode mudar a correlación de forzas e conquistar un mundo xusto, autocentrado e sustentábel.

Unha saída máis avanzada precisa dunha enorme mobilización dos de abaixo, dos/as explotados e oprimidos, e implica a aceptación dunha realidade plural

Non hai razóns para o derrotismo nas forzas que loitan pola liberación nacional. Mesmo recoñecendo os múltiples atrancos, a realidade amosa acotío que non todo está atado e ben atado, que hai condicións para a ruptura. Superar as eivas, manter a coherencia, a teimosía, a socialización do proxecto, permiten construír o suxeito que aproveite acaidamente as fendas do bloque dominante. E todo indica que estas son importantes.

http://manuelmera.blogaliza.org/