Opinión

Unha Arxentina de brancos e negros

Os resultados das eleccións na Arxentina implican un retroceso das clases populares, e polo tanto da protección dos seus intereses. Agora ben, mesmo que se cuestione a xestión do peronismo, especialmente durante o governo de Alberto Fernández, non se pode obviar o peso morto que significou a débeda ao FMI contraída durante a etapa do neoliberal Macri, así como as dificultades da conxuntura económica e política no ámbito internacional (Pandemia, guerra na Ucraína, confrontación entre potencias...). O triunfo da estrema dereita de Javier Milei tamén terá consecuencias negativas no ámbito rexional e no internacional, malia que neste último caso en menor medida, dado o peso económico e demográfico do país. As viaxes que Milei realizará aos Estados Unidos e Israel antes de asumir a Presidencia teñen moito de simbolismo, tanto de submisión ao imperialismo de Washington, como de cuestionamento directo aos BRICS, e á renuncia por principio a construír unha sociedade soberana.

As declaracións de Milei, definido seica como un “anarco libertario” pola súa oposición ao Estado e a todo o que teña un carácter público; na mesma liña ideolóxica están as figuras máis representativas da súa forza política (La Libertad Avanza). Daquela que a coalición teña como obxectivo estratéxico a redución de impostos (exportación agraria...), e as privatizacións (YPF, Aerolíneas, medios de comunicación...), en beneficio do mundo empresarial, da gran burguesía, tanto nacional como foránea. O outro eixo de actuación estaría centrado en eliminar dereitos laborais e sociais, democráticos, tais como: negar o dereito ao aborto, descoñecer o xenocidio das ditaduras militares,... Trátase de reducir ao estado á súa mínima expresión, xa que este sería o culpábel principal da situación na Arxentina. Perdendo todo valor o imperialismo, a explotación...

En materia laboral desaparecería a indemnización por despedimento. Sería substituida por unha caixa de desemprego que funcionará con depósitos que mensualmente que saen do salario do traballador/ra, do seu esforzo extra. Estes cartos acumúlanse nunha conta bancaria que xera intereses, diñeiro que non se poden embargar e que están a disposición do beneficiario de xeito gratuíto. En poucas palabras desaparecen as indemnizacións por despedimento pagados polas empresas xa que agora correría a cargo de novas deducións previas ao traballador/ra. É a “mochila austríaca” que pretendía impoñer Ciudadanos no Estado Español. Teñamos en consideración que a indemnización que debe pagar a patronal é un dos elementos que frean os despedimentos represivos, por motivos sindicais e políticos ou outro tipo de razóns abusivas.

Dáse por feito que na formación do Executivo o novo presidente estará moi condicionado polas alianzas con outras forzas da dereita sistémica. Neste aspecto seica contan as suxerencias e solicitudes que lle faga o ex-presidente Macri, dado que os votos da coalición “Juntos por el Cambio” (23,8%) que se presentou en primeira volta con Patricia Bullrich  na cabeceira garantiulle en boa medida o triunfo en segunda volta a Milei. Agora ben hai informacións que apuntan a que o presidente estaría buscando apoio mesmo en sectores do peronismo conservador, a fin de non ter unha dependencia tan grande de Macri, non só na composición do Executivo senón tamén no nomeamento dos cargos en organismos e empresas públicas. Algo que semella lóxico, e os próximas semanas dirán se conseguirá este obxectivo, máxime cando seica dentro das filas da súa coalición, comezando pola vice-presidenta, xa hai roces respecto de cargos e do discurso.

Sería un erro do peronismo esperar a ver pasivamente como se desenvolven estas contradicións internas, tendo en conta que os une a debilidade organizativa mais tamén as arelas de exercer o poder. Polo que a oposición progresista debería tomar a iniciativa para condicionar a recomposición  política e a folla de ruta que intenta impoñer a extrema-dereita neoliberal. A iniciativa é fundamental para frear os cambios regresivos en materia de xustiza social, dereitos democráticos e retrocesos na soberanía nacional. Todo fai pensar que durante os primeiros meses tomaranse medidas, que teñan un forte impacto, e que se podan xestionar polo Executivo sen necesidade de pasar polo Congreso. Medidas tanto económico como social para non dar tempo a unha contestación popular masiva, aproveitando o mazazo que foi para as forzas “progresistas” e moderadas neoliberais, o arrase electoral de Javier Milei.

Aínda que non sexa o que teña planificado a realidade imponlle a Milei ritmos e demoras na estratexia de cambios tan radicais e regresivos. É razoábel que sexa así, máxime tendo en conta que a Arxentina é unha federación, e as provincias teñen importantes competencias, como por exemplo en saúde e ensino, na cuestión da minería, etc. Ademais, o peso do seu partido no Parlamento así como nas provincias e localidades é moi cativo, necesita aproveitar a imaxe do arrase electoral así como as competencias do Executivo para forzar unha política de alianzas, que, como xa se dixo, non é algo doado sen facer concesións políticas (Juntos por el Cambio) ou económicas ás provincias (cal será a actitude dos partidos provinciais? que non son poucos e son determinantes nalgunhas provincias).

O triunfo de Milei amosa as debilidades dos proxecto progresista na Arxentina, mais tamén en moitos países, e a incapacidade destes para realizar reformas necesarias e urxentes, e confrontar aos intereses imperialistas e das oligarquías nacionais, ou sexa sen cuestionar o sistema. Este aspecto estratéxico, e o erro de substituír o debate das ideas e a iniciativa pola imaxe e o relato conxuntural son eivas que non se poden ignorar, que se deben superar. Resulta evidente que a esquerda ten problemas e atrancos en moitos países, mais tampouco se poden esquecer os avances en México e, con maiores dificultades en Brasil, por poñer dous exemplos na América Latina. A historia ensina que non todo son brancos e negros e que os procesos non son unha liña continua, dependen do contexto, da correlación de forzas, do estado de ánimo da sociedade, máis tamén en boa medida dos nosos erros e acertos.