Opinión

27-X, unha folga xeral que deixou ensinanzas

Hai dúas décadas, o 27 de xaneiro de 1994, realizouse a sétima folga xeral de 24 horas na Galiza e a segunda no Estado español, dende a queda da ditadura franquista. Foi un paro importante. No que se refire ao noso país, para alén dos datos do Goberno e da policía, sempre condicionados polos intereses do poder. A patronal galega (CEG) afirmaba que “a folga foi secundada grazas aos piquetes informativos”, malia que os medios destacaron a normalidade da protesta, recoñecendo así implicitamente a súa incidencia. 

Hai dúas décadas, o 27 de xaneiro de 1994, realizouse a sétima folga xeral de 24 horas na Galiza e a segunda no Estado español, dende a queda da ditadura franquista. Foi un paro importante. No que se refire ao noso país, para alén dos datos do Goberno e da policía, sempre condicionados polos intereses do poder. A patronal galega (CEG) afirmaba que “a folga foi secundada grazas aos piquetes informativos”, malia que os medios destacaron a normalidade da protesta, recoñecendo así implicitamente a súa incidencia. Tanto esta folga como a do 2 de abril de 1992, e outras posteriores, serían tamén consecuencia das políticas de axuste causadas pola integración na Unión Europea. Aínda así, non se pode dicir que estas foron unha imposición exterior ao Estado español, porque neste residía e reside a soberanía e as clases dominantes, e os partidos que as representan, puideron e poden coller un camiño á marxe deste bloque imperialista. 

"O paro de xaneiro de 1994 non fixo recuar o Goberno de Felipe González (PSOE), que seguiu adiante cunha contrarreforma laboral que afectaba de cheo ao conxunto das relacións laborais"

A diferenza da folga xeral de 1988, o paro de xaneiro de 1994 non fixo recuar o Goberno de Felipe González (PSOE), que seguiu adiante cunha contrarreforma laboral que afectaba de cheo ao conxunto das relacións laborais, usando como escusa a crise económica. A proposta do PSOE foi presentada na mesa de negociación coa CEOE e as centrais (CC.OO., UGT e ELA), co gallo do debate dun Pacto polo Emprego que dese pulo á actividade económica. Entre outras medidas, facilitaba e abarataba o despedimento, precarizaba a contratación de aprendices, recortaba o aceso e a contía económica das prestacións por desemprego, reducía a revalorización das pensións e dos salarios dos empregados públicos, abría as portas á privatización de servizos, etc.

O Goberno central empregou a estratexia de propor unha batería de medidas e ir cedendo algo na Mesa de Negociación, para ao final atopar o consenso arredor daquelas que en realidade quería impoñer, pondo como límite o 15 de decembro de 1993, para deste xeito introducilas no orzamento do ano seguinte. Alentaban esta táctica do Executivo as declaracións dos secretarios xerais de CC.OO. e UGT, Antonio Gutiérrez e Nicolás Redondo, que nunha rolda de prensa en xullo de 1993 apostaban por “recortes salariais a cambio de crear emprego; rebaixar a xornada laboral e eliminar as horas extras” (El Mundo, 13/07/93). Mesmo con esta actitude tan derrotista das centrais estatais, despois, na Mesa de Negociación en setembro, foi inevitábel un choque frontal co Goberno no tema das pensións e do desemprego. Neste contexto a finais de mes a CIG (CXTG-INTG) propuña ás demais centrais sindicais a convocatoria dunha folga xeral. Porén, os sindicatos estatais seguiron amarrados á mesa de negociación ate o último momento.

"No ano 1993 houbo 1.000 expedientes de regulación de emprego que afectaron a 30.000 traballadores/as, e o desemprego atinxiu as 205.000 persoas"

Convén lembrar que a conxuntura era propicia para unha folga xeral. Nomeadamente o noso país pasaba por unha etapa de grandes mobilizacións laborais e sociais, ou sexa que a proposta da CIG non só respondía á necesidade de evitar a reforma, senón que tiña en consideración o “estado de ánimo das masas”. O 7 de setembro Diario16 salientaba que Galiza era a terceira autonomía máis conflitiva nos primeiros catro meses de 1993, despois de Andalucía e o País Vasco. Na nosa nación, a principal razón para as 77.600 xornadas de paro, e para que se multiplicase por nove a conflitividade laboral en relación con igual período do ano anterior,  foi a defensa do emprego. Era razoábel que así fose xa que no ano 1993 houbo 1.000 expedientes de regulación de emprego que afectaron a 30.000 traballadores/as, e o desemprego atinxiu as 205.000 persoas, fronte a 550.000 asalariados/as. A conflitividade tamén se alargaba ao eido agrario, como o reflicte a manifestación de dez mil labregos na Coruña, fronte á delegación do Ministerio de Agricultura, para protestar contra a supertaxa pola cota láctea. Dicían os dirixentes agrarios que nese intre o endebedamento das explotacións agrarias era moi grande e facer fronte ao pago da supertaxa condenábaas á desaparición. 

Ademais das altas taxas de paro e a destrución de tecido produtivo e emprego, pódense indicar  outras coincidencias daquel momento co actual, como son: que Astano e o sector naval pasaba por unha situación crítica, que a principal empresa do sector conserveiro (Massó) estaba a piques do peche, e a UGT atopábase inmersa nun escándalo (da PSV). Hoxe, ademais do conxunto do naval a menos de mínimos, están en perigo varias empresas ligadas á pesca e preparados, e a UGT enleada coa corrupción dos EREs e cursos de formación en Andalucía. En realidade esa era a segunda consecuencia dos axustes que tiñan como finalidade axustar a nosa economía á Unión Europea. O primeiro foi previo á propia entrada e deu lugar no noso país ás tres folgas xerais do ano 1984. O último axuste é o que vivimos neste intre. Todos eles tiveron consecuencias negativas para Galiza, mais o actual ten maior intensidade que os anteriores xa que se dá sobre unha sociedade menos estruturada en moitos aspectos. Estas crises, inducidas en boa medida, ou axustes necesarios para gañar competitividade na linguaxe das clases dominantes, dan validez á consigna do movemento nacional-popular galego na década dos oitenta do século pasado: “Mercado Común Europeo, ruína do pobo galego”.

"A Nosa Terra salientaba en titulares “O seguimento da folga na Galiza acadou os niveis máis outos no conxunto do estado español, malia a que a patronal realizou unha campaña en contra sen precedentes".

Despois de fracasar no seu intento de que CC.OO. e UGT abandonasen a mesa para un Pacto polo Emprego e convocasen unha folga, a CIG iniciaba a súa propia campaña contra  as reformas que propuña o Goberno central e o pacto social. O 10 de novembro convocaba a máis de 2.000 delegados/as na Coruña, segundo o semanario A Nosa Terra, o xornal La Voz de Galicia pola súa banda destacaba que a CIG con esta manifestación rachaba a unidade de acción con CC.OO. e UGT despois de catro anos de acción conxuntas. O 25 de novembro volvíanse convocar mobilizacións contra a reforma laboral do goberno, tanto por parte da CIG (INTG-CXTG) como de CC.OO. e UGT, conscientes a esta altura que o PSOE non lles ía facer concesións que puideran presentar como un logro diante das súas bases. A Nosa Terra daba as seguintes cifras de asistencia (Vigo 6.000 e 10.000 persoas; Ferrol 1.000 e 2.500; A Coruña 1.500 e 3.000; Ourense 1.500 e 1.500; Lugo 1.300 e 1.200; Compostela 900 e 800; Vilagarcía 700 e 700; Pontevedra 700 e 400; para a CIG, e CC.OO. - UGT respectivamente). A primeiros de decembro CC.OO. e UGT decidían, por fin, convocar a  folga xeral e o 15 de decembro chegábase a un acordo unitario. 

En relación coa incidencia do paro A Nosa Terra salientaba en titulares “O seguimento da folga na Galiza acadou os niveis máis outos no conxunto do estado español, malia a que a patronal realizou unha campaña en contra sen precedentes. Tamén as 11 manifestacións celebradas superaron en número ás de folgas anteriores. Só as grandes superficies comerciais se negaron a pechar e na Administración autonómica o seguimento da folga foi do 25%”. O Faro de Vigo ao día seguinte: “Galiza secundou a folga”. Para alén de pequenos incidentes os xornais destacan  a normalidade durante a folga xeral. En Vigo houbo 12 detidos e enfrontamentos, primeiro pola noite e despois nas inmediacións do Corte Inglés cando a policía cargou para disolver unha concentración de traballadores/as. Outros medios daban a cifra de 4 detidos en Vigo e outros tantos na Coruña, e que 9 persoas pasaran a disposición xudicial en ambas cidades. 

"Algúns xornais dan unha cifra para todo o país de 200.000 manifestantes, como Diario16, e outros como o Atlántico de 170.000". 

O Adiante nº 58, voceiro da CXTG-CIG, valoraba así a incidencia do paro: “A participación activa no paro, seguido nas cidades galegas por entre o 80 e o 95% dos traballadores e traballadoras. viuse referendado pola intensa presenza nas manifestacións. Conformando as meirandes concentracións humanas realizadas nos últimos anos en cada vila; nada menos que 230.000 persoas no conxunto de Galicia, cando a totalidade dos asalariados aproxímase aos 550.000. A destacar, nese sentido, que as máis de 125.000 persoas presentes na manifestación de Vigo. Converteron esta mobilización nunha das maiores, senón a meirande, das realizadas no Estado español. Un dato concluínte, dada a guerra de cifras polo tandem goberno-patronal, é o facilitado, e despois silenciado, polo Ministerio de lndustria, a iso da unha da tarde do día 27: o consumo de enerxía eléctrica nas primeiras doce horas da xornada era o equivalente ao da mañá de calquera domingo do ano, reducido aínda nun dez por cento”.

Segundo o Atlántico Vigo paralizouse, “a cidade quedou practicamente sen servizos” e acollera unha das manifestacións máis grandes da súa historia (125.000 persoas). No Ferrol, onde se fixo a marcha central de Galiza, O Correo Gallego indica que a crise de Astano foi o eixo da manifestación para a que dá unha cifra de 25.000 participantes. Na Coruña foron 40.000 as persoas que se mobilizaron, 10.000 persoas en Ourense, 7.000 en Compostela, 3.000 en Pontevedra, 1.000 en Verín, 1.500 en Vilagarcía. A Nosa Terra rebaixa estas cifras, e dá as seguintes: Vigo 60.000; Coruña 30.000; Ferrol 15.000; Compostela 4.000; Ourense 4.000; Lugo 3.500; Pontevedra 3.000; Vilagarcía 2.000; e informaba que tamén se fixeran mobilizacións en Cangas, Monforte, Burela, O Barco e Verín. Son datos moi diverxentes, que en calquera caso foron e serán causa de moito debate, mais en ambos os casos amosan unha participación moi alta. Algúns xornais dan unha cifra para todo o país de 200.000 manifestantes, como Diario16, e outros como o Atlántico de 170.000. 

No Eixo, voceiro da INTG-CIG, de marzo de 1994, facíase a seguinte reflexión en relación ao papel dos piquetes informativos: “Do que non se falou por parte do Goberno e a patronal, foi da ameaza, en moitas empresas, de non renovación de contrato aos traballadores eventuais se secundaban o paro (son un 40% no sector privado), que deron lugar a escenas de verdadeira heroicidade persoal, silenciosa e solidaria. A Folga non se fixo polos piquetes, o mesmo Goberno recoñecía que os incidentes foron mínimos, pero estes tiveron máis participación que nunca (...) A presenza da CIG na preparación da Folga, nos piquetes  informativos  e nas manifestacións  foi moi importante, demostrativa de que temos unha militancia máis achegada ao sindicato e politizada, e que  as Eleccións Sindicais de 1990 xa non son reflexo  da presenza de cada central. Notouse, non se pode agachar, que a militancia no PSOE de moitos cadros sindicais da UGT, tamén de CC.OO., pesou negativamente á hora de convocar a Folga e participar nos piquetes informativos”

Durante a folga os medios recollían as opinións dos secretarios xerais das centrais convocantes. No Faro de Vigo podemos ler: “O secretario xeral de CC.OO. en Galiza, Suso Díaz, considera a folga un éxito e que agora o Goberno ten a pelota no tellado, e está obrigado a nos convocar a unha negociación dunha reforma laboral xusta e equilibrada, ademais de mudar a súa política económica (...) Suso Mosquera, secretario xeral da UGT na Galiza considera que a folga obtivo o respaldo do 90% da poboación e que agora o Goberno non pode facer ouvidos xordos e comezar a negociar, xa que senón entraremos nunha dinámica perigosa”. No mesmo xornal Fernando Acuña, secretario da CXTG-CIG, afirmaba que “a maioría dos traballadores que acudiron ao posto de traballo fixérono por temor, e o triunfo da folga xeral puido observarse ao longo de toda a mañá nas rúas. Ningunha dás persoas que estiveron na rúa o fixeron a punta de pistola. Están aquí por propia vontade e iso é moi significativo”. Manuel Mera, secretario xeral da INTG-CIG, cualificaba no semanario A Nosa Terra “o ambiente social é moi tenso, de cabreo e desencanto. Iso de que Felipe afirme que lle importa un pemento o que digan os traballadores está a provocar un malestar moi grave e moi estendido que obrigará a todos os sindicatos a tomar medidas de máis envergadura, como a de parar dous ou tres días, até que o goberno ceda. Iso xa se ten feito en ramas como a do metal”.

"Fernando Acuña, secretario da CXTG-CIG, afirmaba que “a maioría dos traballadores que acudiron ao posto de traballo fixérono por temor, e o triunfo da folga xeral puido observarse ao longo de toda a mañá nas rúas". 

O Goberno do PSOE, co apoio da patronal e da dereita, non cedeu diante da presión sindical, polo que o lóxico tería sido levar adiante novas medidas de forza máis contundentes, como viña propondo a CIG, mais non era esa a perspectiva de CC.OO. e UGT que había moito tempo que centraban a súa estratexia na concertación. Mais, non houbo condicións para o pacto, e as centrais estatais optaron por dar un paso atrás, coa escusa de que había que levar a loita ao marco da negociación colectiva para alí reverter algunhas das reformas. Era evidente que ese non era o lugar máis apropiado, e ademais fracturaba a unidade da loita, e os posíbeis éxitos serían moi pequenos e ían depender de cada empresa e sector. Non era máis que lavar a cara, xa que na práctica significaba abandonar o campo de batalla, deixando aberto o camiño para novas contrarreformas laborais e medidas económicas e sociais regresivas. 

O paro de 1994 amosou que existía unha tendencia dominante no sindicalismo estatal a ollar a folga xeral como o punto culminante da loita reivindicativa, cando esta abrangue a toda a clase traballadora e non está ligada a evitar o peche dunha empresa ou á negociación colectiva. Lembremos que este foi o segundo paro en todo o Estado español despois da folga xeral do 14 de decembro de 1988 que fixo retirar ao PSOE o seu noxento Plan de Emprego Xuvenil. A falta de alternativas mobilizadoras para o día despois dun paro xeral, é unha actitude que castra a loita de clases e a posibilidade de fortalecer o movemento obreiro aumentando a súa conciencia política. Xa que significa dar por fracasada unha loita, cando aínda o movemento obreiro non está dobregado ou exhausto polos custes económicos do conflito, ou sexa, que non se axe como unha vangarda representativa dos intereses do movemento obreiro na loita de clases. Esta é unha visión economicista, reformista, que fai súas as regras de xogo do capitalismo. 

"A falta de alternativas mobilizadoras para o día despois dun paro xeral, é unha actitude que castra a loita de clases e a posibilidade de fortalecer o movemento obreiro aumentando a súa conciencia política".

Agora ben, outra cuestión moi distinta é ter en consideración en todo momento, tanto a necesidade obxectiva, como a capacidade subxectiva, para manter coa mesma fortaleza unha loita determinada; porque a fractura na clase traballadora ou entre sindicatos pode impedir levar adiante unha nova folga xeral máis contundente, ao restar forzas necesarias para este obxectivo. Mais, neste escenario, sempre está aberta a posibilidade doutro tipo de mobilizacións, así como, e isto é moi importante, clarificar no movemento obreiro e na sociedade, por que hai que continuar e quen frea á loita impedindo que a derrota inicial se converta nun triunfo político (mesmo sendo parcial no laboral). 

Por último, destacar que pouco despois, concretamente o 19 de marzo, a coalición que ate ese momento era a CIG, formada pola CXTG e INTG, realizaba o seu Congreso Constituínte e convertíase nunha única central sindical, rematando así coa división do sindicalismo nacionalista. O congreso tiña o lema de “Sumando esforzos” e asistiron mil delegados e delegada. Elixíronse, Fernando Acuña, como secretario xeral, e Manuel Mera, como secretario confederal, exercendo ambos a máxima representación pública da CIG segundo os Estatutos aprobados. 

http://manuelmera.blogaliza.org/

Logo da folga xeral de 1994, facía unha análise sobre os escenarios abertos o día despois e as alternativas posíbeis, nun artigo publicado no Eixo e outro moi semellante en A Nosa Terra. Reproduzo o primeiro a continuación, xa que coido que son reflexións que teñen plena actualidade.

Despois da Folga, se o governo non cede... Continuar!

Manuel Mera, secretario xeral da INTG-CIG (Eixo, marzo 1994)

A esta altura calquera pode comprobar, que malia o éxito da Folga Xeral, o Governo vai continuar adiante coa contrarreforma laboral a menos que o impidamos con medidas máis fortes e contundentes. O Governo non vai ceder, porque está atado por fortes compromisos coas multinacionais, a banca, os especuladores e as empresas adicadas á importación,... porque aposta por unha sociedade dual, baixo a dirección americana, e o control das multinacionais. Conta pra isto co apoio de Delors (seica era socialdemócrata "progresista", dicía algún sindicalista despistado) e a Unión Europea, abonda con ver o que está a facer Bélxica, malia dúas folgas xerais, por vez primeira nos últimos corenta anos. Os sindicalistas e a esquerda europeísta, confunden o desexo da unión sen fronteiras e da solidariedade, coa triste realidade deste monstro construído en función do capitalismo máis rancio, e ao deixar pra mañá as críticas, conseguiron reforzalo moito máis. 

O movemento sindical, que representa á ampla maioría da sociedade, non pode nen debe aceptar mansamente a prepotencia e insensibilidade do poder, máxime cando aínda quedan moitos mecanismos de presión por exercer, entre os que ademais de mobilizacións masivas, concentracións sectoriais pola demora da negociación colectiva, teríase que avanzar cara un ha Folga Xeral máis longa e contundente. Non podemos quedarnos quedos porque estas contrarreformas non son conxunturais, nen rematan con estas medidas, o mesmo Ministro de Economía falaba de que o "sistema non podía manter as pensións" e que se tería que reformar. Ante a proposta dun novo ou varios paros, os traballadores temos experiencias anteriores na propia negociación colectiva onde fronte a teimosía da patronal paramos até máis dunha semán, e nos xogábamos moito menos. Pero sabíamos, como sabemos agora, que o que perdíamos ese mes en salarios non era nada comparado co que podíamos perder en anos vindeiros de aceptar as propostas da patronal.

Aínda é cedo pra saber a postura definitiva do sindicalismo estatal, e preocúpanos o atado que parece estar da opinión dos medios de comunicación (tan controlados polo poder, como se viu na Folga), dos erros inmobiliarios da UGT, e de ter unha excesiva confianza nos resultados de sentarse a negociar (enredándose en sesións maratonianas, nas que o Goberno gaña tempo e o movemento sindical perde capacidade de resposta). Tampouco sería correcto, mesmo daría a impresión de que a Folga se empregou pra lavar a face, que ante unha negativa do Executivo de retirar a modificación do Estatuto dos Traballadores do Parlamento, se optase por diluír a resposta na negociación colectiva.

Todo o movemento sindical (xa que esta é un ha loita imposíbel de dar cada un polo seu lado cun mínimo de éxito) debe ser consecuente e ten que continuar coas mobilizacións, e prepararse pra parar ao Estado Español, unha, dúas, ... as veces que faga falla, até que o Governo retire o proxecto de Lei e elimine o Decreto sobre Contratación de Aprendices. A única razón pra non continuar coas accións de protesta é que os traballadores coiden que é dabondo, hoxe nada disto acontece; sirva de exemplo, a lembranza da intervención dun dirixente, dun sindicato estatal no Ferrol, que contaba, como nas asembleas previas á Folga, os traballadores "pedíanlle un paro contundente, de máis días, que o Governo tomase en serio".

Este é un momento clave pra os traballadores e os sindicatos, non se trata de que vaian desaparecer as centrais se o Governo aplica a súa contrarreforma, por outra banda, o Executivo sempre pode impoñela, xa que ten o poder das armas e o diñeiro, (o tempo dirá se é capaz de manter esta postura indefinidamente coa sociedade en contra). Porén, o que non van admitir os asalariados, é que haxa incoherencias sindicais ou respostas mornas. Neste senso os militantes sindicais, que aínda están afiliados ao PSOE deben abandonalo e non seguir xogando a dúas bandas. Non se poden ter dúas fidelidades ao mesmo tempo, e os sindicatos debemos afrontar este reto coa decisión que nos esixiron centos de miles de traballadores na rúa o pasado día 27 de Xaneiro.