Opinión

Biblioteca de madeira única no mundo, en Cangas do Morrazo

Xogaba cos nenos naquel espazo máxico envolto en serraduras, moi perto do mar de Cangas. No serradoiro que fundara seu avó en 1934 que tivo continuidade cos pais e agora, Agustín Soaje e súa irmá Esther á fronte, o único que existe en Cangas do Morrazo. O máis perto, está en Bueu. Sexa como for, o polifacético cresceu e desenvolveu a mesma actividade, entre troncos de madeira, procedentes de moitos lugares e montes, de aquí e do alén.

Aos 25 anos, iníciase nas Artes Plásticas, fundamentalmente na pintura, tendo suceso en diferentes Certames, Novos Valores de Pontevedra, 1ª Bienal de Lalín, Eixo Atlántico, así como en Galerías e Institucións, Casa de Galicia en Madrid, Librería da Universidade de Braga, entre outras e no seu propio Eco Espazo da Maderia no Forte, onde logrou reunir unha Biblioteca única no mundo.

Aquel soño iniciado no 2015 conta con perto de 200 libros traballados sobre madeiras diferentes de todo o continente, saíndo os formatos dos volumes da súa man, para logo entregar a poetas ou escritores e completar a obra que constitúe a Biblioteca de Madeiras do Mundo, de todos os tamaños, texturas, cores e técnicas, inclusive poemas feministas.

Valerio Araújo, un referente do rock vigués, faille unha chiscadela á xa inesquecible Xela, que era grande amiga e ademais escribíralle 12 temas cando Os Desertores.

Cada libro é unha peza única, diferentes texturas, cores e técnicas, tamaños e pesos, realizados, non só en pino, senón carballo, eucalipto galego, así como 140 variedades de madeira, algunhas importadas do estranxeiro como o ciprés de Sawara, orixinaria de Xapón, na que deixou a súa pegada creativa, un texto filosófico zen, Motto, residente en Alcabre.

Hai uns anos, un pino piñoneiro máis que centenario derrubárase sobre o tellado da ermida de San Roque de Cangas, por mor dun temporal. Desa madeira saíron varios exemplares que asinan escritores e creadores, entre eles, Vázquez Pintor, que deixou patente un fragmento da súa obra Mar de bronce, poemas de Pepe Cáccamo, Enrique Arguindey, Xavier Ríos, Lito Piscueta, Caco Castro Muñiz, Lito Portela ou Manuel Pena, entre outros moitos que figuran na Biblioteca, con sete linguas diferentes e medrando día a día, a que o activista e fundador desexa ver algún día exposta no Museo de Pontevedra, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, na Biblioteca Nacional, no Instituto Cervantes e mesmo no Espazo Nemonón, na Vila Pilar de Pontevedra, que dirixe o arquitecto Mario Lomba.

Comentarios