Opinión

Antúnez Pousa, tanto traballar para nada

Foi nun espazo pontevedrés, onde recibín a noticia. A través da fiestra, unha tonalidade grisácea envolvía a ponte do Burgo, sobre a que algúns peregrinos de mañanciña puñan os pés sobre a ruta portuguesa para o encontro con Apóstol, saudando mesmo a Diosiño, acordeonista inmortalizado en pedra polo inesquecible Alfonso Vilar. 

Pensei igualmente naqueloutro músico que tocaba igual instrumento inventado en 1830 por Cyrill Demian na primeira metade do século XIX. 

Celso Domínguez "Cabriñas", era camarada de Xose Antúnez e moitas noites xuntábanse no estudio tomiñés para conversar e dar conta de caldos vitivinícolas ao son das pezas interpretadas polo ex bambino que xa se fora moito antes que el.

De neno o de Estas interesouse pola escultura e con 14 anos inicia os estudos con Silverio Rivas da man de centenario creador Manuel Torras, na Escola de Belas Artes e Oficios da cidade olívica, continuando logo a formación na capital de España.

O monumento no porto guardés dedicado aos mariñeiros é un referente, mais tamén, no mesmo material ou bronce, espállanse por aquí e acolá infinidades de obras, sen esquecer a intervención escultórica, patente no Santuario de San Campio de Lonxe, en Figueiro, alí deixou escrito en pedra millares de letras, alén da monumental escultura de Santa Arquelaida ou a fonte dos peregrinos, mesmo que aqueloutra inspirada na súa nai, da que beben todos os tomiñeses, perto do trancalantrán dos Muíños da Regueira.  

Unha intervención compartida co poeta Koki: "Agua que bendices e creces no monte de Estas / que limpas, sacias e humedeces / coa túa palabra feita cantar”. E moitas máis foi dándolle forma ao longo da vida que xa é patrimonio cultural.

"O pescador do meixón", abeirando a Praza de Abastos; "O Cabaqueiro",  na honra dos telleiros, na Praza do Calvario no Rosal; mesmo a pegada no balcón atlántico en terras rosaleiras de San Xián ou "Contravento" aquela figura feminina contra o vento no Camiño Portugués antes de Baiona.

Moi perto existe unha placa na honra de Alsirio Fernández noutrora director da Banda de Música de Mougás. Non vai ser ese colectivo musical, xa desaparecido, o que acompañe a despedir o escultor de Tomiño, pero si a Banda de Música de Vincios (Gondomar).

Comentarios