Opinión

Sector estratéxico

Neste mes celébrase o corenta aniversario da Asociación Galega de Editoras (AGE), primeira asociación profesional do sector do libro. Foron cinco as asinantes da acta fundacional, Galaxia, Xerais, Alvarellos, Xistral e Sotelo Blanco, ás que se sumaron outras catro entidades, Escola Aberta, Fundación Barrié, Imprenta Neira e Libro de Oro (Librouro). Presidida primeiro por Bieito Ledo, xerente de Galaxia, e despois por Luís Mariño, director de Xerais, ao fío das posibilidades que abría o desenvolvemento autonómico e o ensino da lingua galega, a AGE traballou coa dupla intención de crear unha industria editorial e ampliar o público para o libro editado en galego, o que supoñía abandonar o resistencialismo que, coa excepción das edicións Castrelos, caracterizaba daquela o sector.

Obxectivos aos que nunca renunciaron as nosas editoras, capaces de ofrecer hoxe un catálogo de máis de 10.000 títulos dos diversos xéneros e tipoloxías e vender dende entón máis de vinte millóns de exemplares, un esforzo compartido na actualidade por case medio cento de editoras. Cifras que non poden agochar o reducido mercado interior do libro galego, apenas o 11,2% (incluído o de texto), porcentaxe cativa para un sector declarado "estratéxico para Galicia" na Lei do libro e a lectura (2006), a que quedou en papel mollado co primeiro dos Gobernos de Feijóo. Incumprimento que abriu unha fenda entre as teimudas reclamacións da AGE e as políticas cativas dos Gobernos de Feijóo e Rueda, as únicas presidencias da Xunta de Galicia que nunca recibiron ás directivas da asociación de editoras, rompendo así os tradicionais encontros anuais con Fraga e Touriño.

"Que queren os editores?", preguntoulle Feijóo ao conselleiro Roberto Varela, cando en 2010 a AGE solicitou ser recibida en San Caetano. Dende entón as directivas das editoras agardaron ser convocadas para reiterar a atención que merece un sector estratéxico tanto para a lingua e cultura nosas como para a conformación da propia identidade do país.  

Comentarios