Opinión

Lectura cidadá

A lectura é unha competencia cidadá imprescindible para o exercicio da cidadanía e para a autonomía persoal no entorno dixital actual, ademais dunha destreza escolar con dimensión cultural. A lectura impregna as nosas vidas. A diario a vida está chea de transaccións escritas, polo que nunca foi tan necesaria unha boa competencia lectora para afrontar os retos do cotián.

Comprender os textos que atopamos na rúa, no transporte, nos comercios, na publicidade, nas máquinas e pantallas ou nas redes sociais esixe moito máis que identificar as súas letras e palabras; debemos coñecer as súas funcións, valores e usos sociais e aprender a apropiarnos delas para poder comprendelas de forma crítica. Somos letradas sofisticadas, que lemos tanto sobre soportes impresos e múltiples pantallas como textos multimodais (escritura, vídeo, audio...) e ao tempo plurilingües.

Cómpre xaora alfabetizar a cidadanía, por riba da súa idade, no emprego das ferramentas dixitais para evitar a exclusión dos sectores máis vulnerables. A lectura non pode ser consideraba só como o acceso aos libros duns poucos afeccionados á novela ou a poesía, é unha cuestión política, que afecta á calidade de vida da cidadanía toda e, así, debe ser considerada polas administracións públicas.

Empregar textos simplificados (lectura fácil), accesibles a todo tipo de lectorado vulnerable (persoas con discapacidade, con trastornos de aprendizaxe ou escasas habilidades lectoras...) constitúe tanto unha estratexia de acceso de xeito comprensible á información, á cultura e á literatura como un dereito cidadán irrenunciable. A aposta por esta estratexia inclusiva nos plans lectores dos concellos, xunto ás políticas de fomento da lectura para todas as idades, á calidade das bibliotecas e apoio ás librarías locais e á lectura en galego, deberían constituír nos concellos prioridades vinculadas ás políticas culturais, educativas, de igualdade e benestar.

Comentarios