Opinión

Letras e cifras do 18-F

O pasado domingo celebráronse as eleccións ao Parlamento de Galiza para elixir as 75 persoas que nos van representar nesta XII lexislatura da Cámara galega. E a uns días de coñecer os resultados definitivos, escrutado o voto dos “residentes ausentes”, este proceso electoral mostra unha serie de cifras que son moi significativas e que precisan dunha análise profunda para entender tanto o resultado como, sobre todo, as tendencias de fondo.

No momento da convocatoria das eleccións as enquisas coincidían en que un 80% das galegas e dos galegos consideraban pouco probable o cambio de goberno en Galiza, malia que case 6 de cada 10 acreditaban en que era necesario, e a medida que se foi aproximando a xornada electoral a xente que cría que non era probable o cambio reduciuse a menos do 50% (son datos da demoscopia). Así pois, pode concluírse que a oposición -e moi nomeadamente o BNG- conseguiu un primeiro obxectivo de xerar pulsión de cambio na sociedade, e nese sentido a campaña electoral foi fundamental.

Ademais da necesidade de que o electorado percibise a posibilidade do cambio con certeza, había outro elemento fundamental e ineludibelmente vinculado a este, a mobilización. Canta máis participación, máis posibilidades de que esa vontade de cambio se transformase en voto de cambio. As eleccións xerais do 23 de xullo de2023 así o demostraban, en tanto que o 73,1% de participación en cifras de residentes situaba un escenario no que a suma de voto de PP e Vox quedaba por debaixo do 49%. O pasado domingo a mobilización foi inferior que nas xerais con 128 mil votantes menos, pero incrementouse significativamente con respecto ás galegas de 2020, en tanto que hai 177.468 votos a maiores, é dicir, 8 puntos máis en termos porcentuais, quedando nun 67,3%. En todo caso, a parte maioritaria dese incremento de participación foi para o BNG, e polo tanto e obviamente foi voto para o cambio. Ao tempo, certo é que a mesma activación do voto-cambio xerou a reacción do voto-continuidade. Así, o PP despregou todos os recursos dispoñibles para afianzar a posición adquirida centrando a campaña en facer de oposición do BNG no lugar de defender a súa xestión e de falar dos problemas reais da xente. E ademais, actuou o “medo” ao cambio (re)creado por esa campaña do PP, enfrontando as presuntas certezas do continuismo fronte ás incertezas do cambio, un factor que axuda a explicar alomenos tanto como as análises fundamentadas en dimensións teóricas que presupoñen un comportamento resultado dunha “ideoloxía manifesta”.

Canda a mobilización hai outro elemento clave e necesario para facer posible o cambio: a concentración do voto, porque si que é certo que a dispersión na oferta ten un efecto psicolóxico no electorado. E un dos argumentos, máis ou menos explicitado, que funcionou como “carga da proba” foi a experiencia do acontecido nas galegas de 2020, nas que o 7,9% do voto válido quedara sen representación, incidindo negativamente no potencial de cambio. Mais a concentración do voto funciona nas dúas direccións, na do cambio e na da continuidade, e deste xeito o que máis concentra voto, máis efectividade acada. Deste xeito o PP, co 47,4% dos votos, obtivo o 53,3% dos escanos (6 puntos máis), e polo tanto foi máis eficaz a vertente continuista na que só había un referente fronte a un escenario de forzas alternativas máis fragmentado, no que só o BNG tivo capacidade de mobilización e concentración.

En definitiva, os e as galegas residentes no país falaron co seu voto o 18F, e malia que o PP perdeu 2 deputados e case 1 punto en termos porcentuais, mantívose na maioiría absoluta; mais por outra banda dase un fenómeno histórico protagonizado polo ascenso do BNG con Ana Pontón á fronte, con case 8 puntos máis, grazas aos 156.798 votos que lle sumou aos 310.276 de 2020, é dicir un crecemento do 50,5%, superando o 30% dos votos válidos en 100 concellos e gañando na área máis poboada do país, a ría de Vigo. E fronte ao ascenso do BNG sitúase o PP que gaña 74.917 sufraxios, o PSOE que perde 45.077 votos e Sumar e Podemos que se deixan 17.330 dos que acadara Galicia en Común en 2020, sendo xa que logo o BNG a única forza que sube en termos absolutos e relativos, ademais de contar coa líder mellor valorada con diferenza a respecto do seu rival directo, o presidente da Xunta, en funcións desde o pasado domingo, Alfonso Rueda.

Polo tanto, no caso do BNG, como forza que as galegas e os galegos reforzaron cun apoio histórico omo a alternativa ao PP, parteu dunha diagnose acertada da situación da realidade galega a partir da que elaborou e desenvolveu unha campaña electoral excepcional protagonizada pola súa candidata, Ana Pontón, que se consolidou como a líder mellor valorada e a referente para a presidencia da Xunta para un sector moi destacado do electorado galego. E todo isto foi fundamental para afianzar os tres obxectivos definidos: extender a pulsión de cambio, mobilizar en torno a esa idea e concentrar o voto para acadalo.

En definitiva, é necesario analizar os resultados con detemento e por territorios. O PP só sube en termos relativos na circunscrición de Pontevedra, que é na que máis baixa o PSOE (perde o 27% dos votos que tiña en 2020) e na que tamén acada o seu mellor resultado o BNG (10 puntos máis), o PSOE só sube en termos absolutos en Lugo, que ademais é a circunscrición coa participación máis alta (69,8%), e en Ourense a concorrencia de Democracia Ourensana afecta tanto a PP (perde 3,2 puntos porcentuais) coma a PSOE (déixase 7,3 puntos).

Mais as cifras do 18F reflicten que, e aínda que hai que agardar polos estudos postelectorais, hai un claro cambio xeracional, como amosan os resultados nos concellos de máis de 10.000 habitantes e nomeadamente nas cidades. En definitiva, hai unha Galiza que aposta por un cambio substantivo nun país cunhas potencialidades enormes que permiten vislumbrar un futuro de prosperidade liberado das inercias do continuismo.

Ofrecer certezas é o reto.

Comentarios