Opinión

Dous comentarios sobre o CIS

Opinión

Dous comentarios sobre o CIS

Como vén sendo habitual, o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS)

Como vén sendo habitual, o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) -o día antes de comezar oficialmente a campaña electoral, parece mentira pero comezou o día 4 de decembro, aínda que teñamos a sensación de que vivimos en campaña permanente- fixo públicos os informes da enquisa preelectoral para as eleccións ás Cortes Xerais do 20 de decembro. Un estudo que se fundamenta nun traballo de campo realizado entre o 27 de outubro e o 16 de novembro e isto debería quedar moi claro, o cuestionario foi deseñado antes do 27 de outubro, sen contemplar nada do que pasou a partir desta data até a actualidade. Digo isto, porque había procesos en marcha antes do 27 de outubro como por exemplo a constitución do que se deu en chamar “marea galega” no que participaban moitas forzas políticas, e que finalmente desembocou en dúas candidaturas, unha con forzas estatais, En Marea, e outra con forzas exclusivamente galegas, Nós-Candidatura Galega. En todo caso, ambas deron a coñecer a súa denominación a principios de novembro, nos últimos días nos que se realizou o traballo de campo. Isto lévanos a pensar tanto no cuestionario como nas respostas das persoas enquisadas. Mais o que nos indica é que debemos contextualizar o estudo e ter moi en conta que non contempla todo o que pasou nese escenario que se prognostica tan volátil e definido polo cambio de lugar do voto.

Máis de catro de cada dez persoas entrevistadas din que aínda non saben a quen van apoiar. Esta porcentaxe é elevadísima cando faltan tan poucos días para as eleccións

Co estudo preelectoral das eleccións xerais de 2015 do CIS, diante o “interesante” comeza a partir da pregunta 10. O 75,3% dos entrevistados di que vai votar con toda seguridade ao que se engade o 11,6% que afirma que probabelmente votará. É dicir hai un 86,9% das persoas que responden á enquisa que o 20 de decembro van votar. A pregunta a ese 87% é se ten decidido o seu sentido de voto, ao que responde afirmativamente o 57,7% mentres que o 41,6% di que non o decidiu aínda. Este é o primeiro dato que nos pon en alerta, ou debería, a respecto do resto do estudo. Se collemos o preelectoral das xerais de 2011 a porcentaxe de indecisos era do 31,5%, dez puntos menos. Xa sei que se me argumentará que daquela as cousas estaban supostamente “máis claras”, seica xa non lembramos o fenómeno UPyD?, que abreu o camiño aos “emerxentes”, e que agora hai un escenario moi diferente,… en fin, pode ser, e sobre todo porque levamos asistindo a unha campaña omnipresente das grandes corporacións mediáticas na que se induce un “xogo a catro”; pero o certo, e isto é o importante, insisto, é que máis de catro de cada dez persoas entrevistadas din que aínda non saben a quen van apoiar. Esta porcentaxe é elevadísima cando faltan tan poucos días para as eleccións.

A onde nos leva isto? A que a campaña electoral vai ser decisiva. E isto non é novidoso pois así foi nas municipais e autonómicas de maio, e nomeadamente nas primeiras en moitas localidades, nas europeas de 2014 e nas galegas de 2012. A incerteza reside a estas alturas en se ese nivel de indecisión ven determinado polo “atractivo” diso que chaman “forzas emerxentes” (ou tamén “forzas inducidas”) ou porque esas persoas están reconsiderando volver apoiar a aqueles chamados pola mediática “partidos tradicionais”. En definitiva, quen mellor mobilice os seus recursos máis apoios atraerá e en consecuencia mellor sairá das urnas o 20D. 

comentarios