Opinión

O silencio coma mensaxe. Reflexión ou autoflaxelación?

Entendo, iso sí (e isto é aplicábel tanto á xente da UPG como ao resto da militancia do BNG) que é necesario afinar nas análises, nas palabras; sempre tendo en conta as repercusións ou interferencias que poidan producir nuns debates que precisamos sereos e rigorosos. E mesmo, con todos os respectos, ás veces valorar se a millor mensaxe para contribuir a isto é precisamente o silencio”

Deste xeito remataba a miña humilde reflexión no Sermos Galiza o pasado 10 de Febreiro, ao fío dos resultados electorais de Decembro do pasado ano. O meu silenzo de cinco meses foi non tanto porque non tivera algo que dicir -que tiña, e moito- senón tamén a xeito de predicar co exemplo, como se adoita dicer. E hoxe, a pesar de rachar ese silenzo, confío en facelo con respecto e lealdade ao único propósito ao que me sinto comprometido: o dun proxecto nacionalista para Galiza.

Acredito que o BNG -organización na que milito voluntaria e penso que comprometidamente- adoece de eivas e imperfeccións; dos que me sinto co-responsábel na parte que me toca, ben cando ocupei responsabilidades ou agora que son un militante de base. Caractericeime sempre por dar os debates e críticas dentro e cando tocaba, renunciando mesmo a “momentos de gloria” que algunhas ocasións me brindaran. Porque sei que, ás veces, tan importante é saber estar como non estar. E por iso, porque o BNG é un proxecto incompleto perfeccionábel (e, con seguridade, superábel ) sigo a traballar nel.

Porque o BNG é un proxecto incompleto perfeccionábel (e, con seguridade, superábel ) sigo a traballar nel

Entendo tamén que unha das claves de calquera tipo de proxecto colectivo -máis, se o que está en xogo é o futuro do País- é o respecto ás regras de xogo das que democráticamente se ten dotado. Así o pratiquei cando as miñas posicións non resultaban maioritarias, e así o requerín cando sí o eran. Coincido que o debate é moi importante, pero tamén que é preciso acotalo na metodoloxía e no tempo; rematando cos acordos adoptados democráticamente. E logo, traballar para implementalos. Mais se o debate tenta converterse na única razón de existir, e en troques de contribuir ao reforzamento interno e á expansión social do proxecto o que fai é debilitalo, pois convértese nun problema…

Por iso, quizáis inxenuamente, pensei que o feito de que o BNG celebrase a XV Asemblea Nacional -na que poido participar toda a militancia que o desexaba- era o lugar e o momento para tomar as decisións que se consideran máis acaídas con relación ao futuro do proxecto nacionalista en Galiza. E por máis que eu decidise voluntariamente non participar, sei das decisións que democráticamente se adoptaron ao respecto, e que con relación a este tema fican moi claras nos apartados 1 e 4 da Tese Política nos que se fala da refundación do proxecto nacionalista.

Desde o máximo respecto a todas, entendo que non houbo nengunha outra organización do ámbito nacionalista en Galiza que formulase con tanta claridade as reflexións e autocríticas sobre o feito; ao tempo que deseñaba métodos e prazos para levar a cabo os cambios precisos que garantan a existencia dun proxecto nacionalista socialmente operativo e verdadeiramente comprometido cunha Galiza próspera e dona do seu futuro. Por iso, resúltame incomprensíbel o reiterado recurso á autoflaxelación sobre as incapacidades propias, cando o que está por resolver neste momento son as contradiccións alleas.

Se o debate tenta converterse na única razón de existir, e en troques de contribuir ao reforzamento interno e á expansión social do proxecto o que fai é debilitalo, pois convértese nun problema…

Por suposto, eu tamén acredito que hai mulleres e homes con sentimento nacionalista, que non militan activamente e que mesmo teñen prescindido tamén do seu apoio electoral; aos que debemos de recuperar nun proceso aberto e ilusionante. A xenerosidade e a paciencia son, ao meu ver, as claves de que este proceso non remate no desacougo ou na frustración. E, sinceiramente, creo que sería de agradecer que as outras organizacións que apostan -polo menos, no plano teórico- por un proxecto nacionalista amplo, se expresasen tamén coa maior claridade e celeridade posíbel; a comezar desvinculándose de estratexias políticas do ámbito estatal. Porque, se non, haberá que acreditar no dito de que “uns fían na roca, e outros cagan na mazaroca”.

Hai unha ampla coincidencia na consideración de que as disidencias e desencontros no ámbito interno son excelente caldo de cultivo para que tanto desde o ámbito mediático como desde o españolismo se aproveite para deteriorar a ideoloxía e o proxecto nacionalista; polo que resulta inxenuo pensar que a reiteración en manifestos ou comunicados sexa o xeito acaído de resolver o problema. E igual, como dixen en Febreiro, un dos grandes contributos de algunha xente neste proceso era precisamente o silencio. Lembrando novamente o refraneiro, “calar nunca fixo mal”…..

Comentarios