Opinión

Centros concertados

Un dos logros máis importantes da democracia, o gran nivelador social, o que pode garantir o progreso, é o ensino público obrigatorio, é pór o coñecemento, a ciencia, a literatura, a arte ao servizo da cidadanía. 

Non foron as familias, en xeral, as que se preocuparon de elevar o nivel de coñecemento da súa descendencia, maiormente se eran nenas, cun destino privado e ancestral que xa empezaban a aprender na propia casa. Foi grazas á lei democrática que hoxe as mulleres son maioría nas universidades. 

Pero, ai!, esta masiva incorporación puxo en evidencia que, daquela, non había centros públicos abondo para acoller o alumnado. Foi o motivo de que se utilizasen centros privados, maiormente relixiosos, para completar o aforo. Son os Centros Concertados que reciben axuda económica do estado. 

A situación de carencia puido e debeu ser resolta en poucos anos coa edificación de novos e modernos centros de ensino público para prescindir dunha concertación que desnivela a sociedade e permite que as familias relixiosas sigan levando a súa prole para ser instruída neses criterios. Porque unha cousa é que a democracia permita a liberdade de pensamento, e outra que se manipule á infancia con determinadas crenzas. En todo caso, e xa sería malo, de haber familias que non se consideran aptas para a transmisión dos credos, e precisan que outras persoas autorizadas o fagan, deben pagalo do seu peto e non pedirlle ao estado que o faga e sufrague unha diferenza social.

Consultados os partidos galegos en litixio para as vindeiras eleccións, só Ana Pontón di que retiraría as axudas públicas aos colexios concertados

Isto sucede nun estado como o español que aínda segue mantendo un Convenio co Vaticano, unha dependencia que sitúa os gobernos de dereita na coherencia da orde, e deixa os gobernos de esquerda desacreditados. 

Non se pode agardar que a susodita “esquerda” actual, afectada no máis profundo polo culturalismo da posmodernidade, cunha idea da liberdade subxectiva, que considera que cada quen ten dereito á súa crenza, o seu costume, esta “esquerda” que confunde democracia con tolerancia, non vai variar a situación. Á vista está: consultados os partidos galegos en litixio para as vindeiras eleccións, só Ana Pontón di que retiraría as axudas públicas aos colexios concertados. Só ela é coherente e pode dicir que é de esquerdas. Aínda que chega con ser demócrata e facer cumprir o que está escrito na Constitución.      

E xa que a cito, direi que é un exemplo do que pode facer unha muller nos cumes políticos. No debate celebrado na TV galega, ensinou como se poden dicir as cousas claras e con rotundidade, sen alzar a voz ou insultar. Firme e sisuda. 

Comentarios