Opinión

A sentenza do Prestige

Difícil falar de medio ambiente cando a situación económica e social que atravesamos é terrible. Difícil pero imprescindible, como demostra a sentenza pola última, que non derradeira, de seguro e por desgraza, catástrofe ecolóxica que sufriu o noso país, que lonxe de servir como exemplo para evitar que algo semellante volva suceder parece invitar a que siga ocorrendo.

Difícil falar de medio ambiente cando a situación económica e social que atravesamos é terrible. Difícil pero imprescindible, como demostra a sentenza pola última, que non derradeira, de seguro e por desgraza, catástrofe ecolóxica que sufriu o noso país, que lonxe de servir como exemplo para evitar que algo semellante volva suceder parece invitar a que siga ocorrendo.

Unha sentenza, coma todo o proceso, que non fai senón corroborar o que a maioría nos temiamos: que o medio ambiente segue estando totalmente indefenso fronte a cobiza humana e a incompetencia dos gobernos; que a lexislación non o protexe -non nos protexe- o suficiente; que o tan cacarexado principio "quen contamina paga", que se nos vende como unha ferramenta útil para previr os danos ao medio, segue sen aplicarse, polo que é inútil; que non importa que as catástrofes se xestionen ignorando e mesmo desprezando o coñecemento científico e que como consecuencia se vexan agravadas, porque iso non ten repercusións penais, nin políticas, nin de ningún tipo; que a manipulación da información, a mentira, non se poden xulgar, pese a que poden contribuír, como así o fixeron, a agravar o problema ao ocultar información necesaria para poder atallalo; que os tribunais de xustiza parecen estar máis preocupados por protexer aos gobernos que de impartir xustiza.

"Unha sentenza que non fai senón corroborar o que a maioría nos temiamos: que o medio ambiente segue estando totalmente indefenso fronte a cobiza humana e a incompetencia dos gobernos"

A noticia da absolución dos acusados no xuízo, aínda que non me sorprendeu pois era a esperada, fíxome revivir a anguria, a carraxe, o odio, a impotencia e a desesperación que xa vivira daquela, cando se produciu o accidente do Prestige, pero sobre todo cando, despois, a incompetencia e a mentira se fixeron donas da situación e nos someteron á máis tremenda das torturas: unha xestión que todos sabiamos ía agravar o problema e a negación do que viamos cos nosos propios ollos, do que era evidente que ía suceder. Lembrar a todos aqueles personaxes tratándonos de ignorantes e dicindo barbaridades segue producíndome arrepíos. Non pensaba daquela que aínda podería ser peor. Pero éo.

A sentenza é peor, porque conclúe que non houbo delito ecolóxico pois non se pode demostrar a causa de que 63.000 toneladas de fuel, segundo as estimacións que se fixeron e que a sentenza considera un feito probado, chegaran ás nosas costas tinguíndoas de morte; nin que a xestión da administración fora incorrecta. Non houbo delito ecolóxico, a pesar de que a sentenza recoñece como feitos probados: 2.980 km do litoral costeiro afectados, 1.137 praias contaminadas, 450.000 m2 de superficie rochosa impregnada de chapapote, 526'3 toneladas de fuel acumulado nos fondos, todos os ecosistemas mariños afectados, unha mortalidade estimada de 115.000 a 230.000 aves mariñas, altos contidos de hidrocarburos aromáticos policíclicos carcinóxenos, mutáxenos e teratóxenos acumulados nos seres vivos e nos sedimentos, multitude de espazos naturais afectados tanto en Galicia como en Asturias, Cantabria, o País Vasco e Francia, nomeadamente o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Que arrasar toda unha costa cubríndoa dun fedorento e altamente tóxico chapapote que matou todo canto ser vivo había e que, por moito que xa non sexa visible, segue a afectar os ecosistemas e, probablemente, a nosa saúde non poida ser considerado delito por falta de probas é un insulto e senta un precedente terriblemente perigoso. Porque, entón, calquera pode destruír por completo a nosa costa, privarnos dunha parte fundamental do noso sustento como pobo e quedar impune. É doado, só ten que dificultar con argucias legais -que permiten os nosos gobernos, por certo- que se coñeza o verdadeiro dono do buque; atopar algunha sociedade de clasificación que certifique que o barco está en condicións de navegar, aínda que teña deficiencias graves; e dar cun goberno incompetente -isto é aínda máis doado- que xestione desastrosamente o accidente e que despois non trate de esclarecer o ocorrido, non lle vaia salpicar.

"A noticia da absolución dos acusados no xuízo fíxome revivir a anguria, a carraxe, o odio, a impotencia e a desesperación que xa vivira daquela, cando se produciu o accidente do Prestige e cando a  incompetencia e a mentira se fixeron donas da situación"

Que un tribunal de xustiza chegue a esta conclusión tras un proceso de 11 anos indica que algo non funcionou: sexa a consideración legal do que é delito ecolóxico e o que non o é; sexa a dispoñibilidade de medios para unha investigación que se tiña que enfrontar ao máis poderoso e ruín dos negocios: o do petróleo; sexa unha administración pública que en lugar de velar polos intereses do pobo que administra, vela polos seus propios; sexa unha xustiza cada vez menos xusta; sexa un pobo que, aínda que daquela se uniu para evitar a catástrofe e para esixir responsabilidades, axiña esqueceu a humillación á que se viu sometido e volveu dar a súa confianza aos máximos responsables daquel desastre. Quizais non funcionou nada.

Xuventude do delito ambiental

A consideración do medio ambiente como un recurso valioso que hai que protexer é moi recente a nivel mundial e sempre estivo sometida aos vaivéns da economía e aos intereses dos imperios monetarios, como o enerxético e o químico, que ditan a axenda dos gobernos. Non é de estrañar, daquela, que en España os danos ao medio ambiente non se tipificaran de forma sistemática ata o ano 1995 coa reforma do Código Penal, pese a ser un mandato constitucional. Quizais a xuventude da lexislación sexa tamén responsable de que non haxa tribunais específicos para os delitos ambientais, de forma que un xuízo tan complicado como este tivo que ser instruído no Xulgado de Corcubión, coa limitación de recursos, tanto materiais como humanos, que iso supón.

Outra eiva da lexislación ambiental é que aínda que trata supostamente de protexer o medio ambiente, destila un certo cheiro antropocéntrico, pois considera como agravante o feito de que se poña en risco de grave prexuízo a saúde das persoas, se ben é certo que tamén o considera se o deterioro é irreversible ou catastrófico ou se afecta a algún espazo natural protexido. Non houbo culpables da catástrofe, segundo o tribunal, pero se os houbese, poderiamos imaxinar cal sería a condena se nos atemos ás argumentacións que emprega tratando de minimizar os efectos para que non se consideren catastróficos. Por poñer só un exemplo, por agora: para matizar as indemnizacións que pedían as distintas partes argumenta que "Ao parecer, os efectos dos hidrocarburos sobre os ecosistemas de costas expostas ao mar son de curta duración e a flora e a fauna volven colonizalas rapidamente". Gustaríame coñecer os informes científicos en que basea, se existen.

O papel paradoxal da Administración respecto do medio ambiente.

A Administración ten un papel paradoxal no relativo aos delitos ambientais: por unha banda debe actuar como garante do cumprimento da lexislación ambiental, é dicir, encargarse de vixiar o seu cumprimento e de sancionar a quen a incumpra; por outra, pode actuar como infractora, algo que ocorre, desgraciadamente, con moita frecuencia.

"Non houbo culpables da catástrofe, segundo o tribunal, pero se os houbese, poderiamos imaxinar cal sería a condena se nos atemos ás argumentacións que emprega tratando de minimizar os efectos para que non se consideren catastróficos".

Esta incongruencia queda tamén patente no xuízo do Prestige, no que a Avogacía do Estado participou cunha dobre calidade: como defensora e acusadora. Difícil escolla, aínda que neste caso quedou claro que elixiu a defensa da Administración ante a acusación de que a mala xestión puidese estar detrás do dano producido, cando menos en parte. A súa petición de sobresemento respecto de José Luis López-Sors, finalmente non aceptada, trataba de impedir que o único imputado como responsable da xestión do goberno, que non o principal como sabemos, fose xulgado.

A mesma elección fixo o Ministerio Fiscal, órgano supostamente encargado da defensa do interese público, ao contemplar un único acusado: o capitán do Prestige, obviando que a propia xestión da catástrofe terminara por agravala. E tamén, de xeito aínda máis incomprensible, ao presentar un recurso contra a imputación da empresa clasificadora (a encargada de determinar o estado de saúde do barco) que solicitara o avogado da Plataforma Nunca Máis e aceptara a xuíza de Corcubión que instruía o caso.

A estimación deste recurso impediu que esta empresa fose xulgada. Curiosamente, o tribunal culpa indirectamente a esta clasificadora (é a ela a quen se refire cando di que non están todos os que deberían, non aos políticos responsables da xestión da catástrofe), pero argumenta que non podía ser xulgada porque "cando ocorreron os feitos non era posible esixirlles esta clase de responsabilidade ás persoas xurídicas (empresas, entidades, a propia Administración, etc.) en España". Argumento de pouco peso porque, da mesma forma que se xulgou a López-Sors como representante da Administración, podería terse xulgado a algún representante desta empresa. Quizais había medo a que unha empresa potente e con bo asesoramento legal puidese probar que a xestión desastrosa do goberno foi tan determinante dos danos ecolóxicos como a propia avaría do buque?

Xustiza inxusta

Sendo todo o exposto grave, para min, o máis grave son as afirmación pseudocientíficas que o tribunal emprega como argumentos para eximir de responsabilidade ao Director Xeral da Mariña Mercante e por extensión, pero explicitamente, á Administración: “Daquela, é imposible cualificar esa conduta como delituosa e tamén como meramente imprudente, porque a decisión foi consciente, meditada e en gran parte eficaz dentro do desastre ocorrido, que a Administración española non provocou, senón que o xestionou con profesionalidade”.

"Quizais había medo a que unha empresa potente e con bo asesoramento legal puidese probar que a xestión desastrosa do goberno foi tan determinante dos danos ecolóxicos como a propia avaría do buque?"

O principal argumento do tribunal para absolver a López-Sors é que aínda que a posteriori hai acordo maioritario en que a decisión de afastar o buque da costa agravou o problema, non houbo daquela quen propuxera alternativas a ese afastamento e que ademais, aínda hoxe, non hai probas de que algunha desas alternativas producise menores danos que o propio afastamento. Eu non estou de acordo: si houbo quen propuxo alternativas e quen advertiu do risco de ampliar o abano de contaminación ao afastar o buque -algo que o tribunal admite agora como lóxico-, basta ler os xornais daqueles días para velas. En todo caso, o argumento sería suficiente para absolvelo. Por que cualificar a actuación do goberno como profesional? Por que buscar argumentos supostamente científicos para defendela?

Poño algúns exemplos que demostran que o tribunal persegue non só absolver ao acusado senón defender a actuación do goberno, obxectivamente desastrosa, como a mellor das solucións.

A pesar de que o tribunal recoñece que “a maior parte dos pareceres técnicos oriéntanse a establecer como máis axeitada e correcta a solución de dar refuxio ao Prestige”, atrévese a afirmar que “a extensión desmesurada do ámbito da contaminación dependeu de correntes, ventos e fortes ondadas que non eran absolutamente predicibles, así que a lóxica segundo a cal a maior afastamento máis extensión da marea negra non é incontrovertida, e, do mesmo xeito que se expandiu da forma demostrada, puido evolucionar de moitas formas distintas sen que ninguén demostrase que esas alternativas non existan”.

En primeiro lugar, considerar que as correntes, ventos e ondadas non son predicibles é negar que a Meteoroloxía é unha ciencia, na que, por certo e por sorte, confían os gobernos para establecer estados de alerta que evitan danos ás persoas e aos seus bens.

En segundo lugar, non explica cales son esas outras moitas formas distintas en que puido evolucionar a marea negra, aínda que eu supoño que se refire ao que esperaba o goberno que sucedese: que o barco se afundise e o fuel se conxelase ou que a mancha de fuel se fragmentase e reducise a súa capacidade contaminante, dando así por certo que calquera destas posibilidades sería unha mellor solución ao problema.

"Por que cualificar a actuación do goberno como profesional? Por que buscar argumentos supostamente científicos para defendela?"

Efectivamente, que o barco se afundise e o fuel se conxelase sería a mellor solución para o goberno, porque non os veriamos e pareceríanos que xa non había problema, pero desde logo non a sería para o medio ambiente, condenado a recibir aos poucos os hidrocarburos que se irían liberando. Ou alguén espera que de suceder isto se retiraría o fuel do barco? Basta lembrar os bidóns con residuos radioactivos que foron vertidos preto das nosas costas -coa esperanza de que por non velos deixaran de ser contaminantes ou tratando de enganarnos?- e que seguen alí onde os verteron sen que o goberno se preocupe de saber nin en que condicións están. O malo, eu diría que a sorte dentro da desgraza, é que o fuel non se solidificou e o barco seguiu verténdoo, iso si, transformado nuns fíos de plastilina en estiramento vertical, como “ben”, segundo se recolle na sentenza, describiu Rajoy. Isto produciu unha segunda marea negra pero permitiu que finalmente se puidese retirar parte do fuel que quedaba no buque. En todo caso, e visto o complexo do comportamento do fuel, non parece que o asesoramento técnico e científico, se o houbo, fose o máis axeitado.

Respecto da posibilidade de que a mancha se fragmentase e de que esta fragmentación reducise a súa capacidade contaminante, volve ser, cando menos discutible, aínda que o tribunal a dea por certa: “Non falta quen afirme que a vertedura en contacto co mar se degrada, se fragmenta e perde, por así dicilo, capacidade contaminante, o cal permitía afrontar con máis tempo, medios e eficacia a solución da chamada marea negra, cuestión discutible, pero que, desde a mera lóxica, non parece un desatino”. A mera lóxica non parece un argumento científico, de feito moitos procesos naturais parecen afastarse da nosa lóxica, que normalmente tende a simplificalos demasiado. En todo caso, o volume de fuel era tal que mesmo repartíndoo, como se fixo co paseo que se lle deu ao barco, e sometido a fortes ondas, as manchas mantiveron unha enorme superficie, como se pode ver nas imaxes de satélite e nas das costas ás que chegaron. Pero aínda que se fragmentase, que se emulsionase coa auga formando as famosas galletas, que se dispersase en toda a columna de auga ou mesmo que se disolvese, non se eliminaría a contaminación, en contra do que tamén parece dar por certo o tribunal. En realidade, se ben é certo que a chegada ás costas sería en forma máis dispersa e non as cubriría por completo como sucedeu, a recuperación do fuel sería imposible, polo que todo o fuel vertido permanecería un certo tempo na auga ata rematar depositándose no fondo. Novamente non veriamos o fuel e o goberno estaría máis contento.

Mais, tanto se o fuel se conxelase como se se depositase no fondo tras fragmentarse, iríase liberando e incorporando por inxestión na cadea trófica, afectando así a todos os organismos, sufrindo bioacumulación -proceso que leva a que os contaminantes que os organismos non poden excretar, como os hidrocarburos, vaian aumentando de concentración a medida que ascendemos na cadea trófica- e chegando a nós, a través dos alimentos, en concentracións perigosas. É dicir, producindo danos que non por tardar máis en manifestarse serían menores que coa chegada da marea negra. De feito, de ser certo que o mar diminúe a capacidade contaminante do petróleo, non se actuaría fronte as mareas negras, pero non é así. É máis, na loita contra elas, prefírese extraer a maior parte dos hidrocarburos para evitar a súa permanencia no medio que a utilización de axentes dispersantes (deterxentes), que aceleran a fragmentación da mancha por medios químicos, porque aínda que estes reducen os efectos a curto prazo, agravan os que se producen a medio e longo prazo e, por iso, en xeral, só se empregan para manchas pequenas.

"A sentenza entra, ademais, en numerosas contradicións que curiosamente sempre acaban por avalar a actuación do goberno".

A sentenza entra, ademais, en numerosas contradicións que curiosamente sempre acaban por avalar a actuación do goberno. Mentres, por unha banda, sostén que as autoridades non esperaban que o afastamento producise un aumento da superficie de costa afectada, de aí que a decisión fose a correcta, por outra, di que valoraron que isto podía pasar e que mantiveron a decisión do afastamento ao considerar “máis favorable para todos a posibilidade de contaminación extensa pero non moi intensa, que facilitase a recuperación rápida do ecosistema,...”.  E, novamente, vai máis alá de argumentar que a actuación non foi imprudente -o que, insisto, sería abondo para absolver o acusado e a administración-, xa que prosegue: “como parece que efectivamente aconteceu, sen prexuízo dos informes técnicos que aseguran que os efectos contaminantes aínda persisten [...], dito sexa sen prexuízo de salientar que ninguén concretou os aspectos, alcance e demostración desa persistencia dos efectos contaminantes nun país como o noso, que sufriu polo menos tres catástrofes desa índole e onde todo indica que, á parte da posible contaminación global dos mares do planeta, se conseguiu recuperar a inmensa maioría dos usos e actividades, económicas ou non, de toda índole, como á vista está”. É dicir, atrévese a afirmar que espallar a merda permitiu a recuperación rápida do ecosistema, dándolle, sen o menor rubor, maior valor ao que ven os seus ollos que aos informes científicos, porque estes non concretan que danos persisten.

Quizais o feito de que as liñas de investigación que se abriron hai once anos se pechasen tres anos e medio despois por falta de financiamento teña algo que ver na falta de datos obxectivos sobre os danos reais no medio, pero isto non parece importar ao tribunal, que se fía da súa agudeza visual. Quizais o tribunal tampouco lembra o traballo desinteresado de milleiros de persoas procedentes de todo o mundo que acudiron a limpar as nosas costas, mesmo coas mans espidas, ante a gravidade da catástrofe e a pasividade dunha administración que non podía asumir ese labor porque negaba a existencia do problema.

Eu, coma todo o pobo galego, lembro a toda esa xente, sei que contribuíu á recuperación das nosas costas e agradézollo infinitamente. Quizais o tribunal considere oportuno, co obxectivo interesado de minimizar os efectos das mareas negras, frivolizar sobre as numerosas catástrofes ecolóxicas que afectaron o noso país, por desgraza e por culpa de quen non lexisla da maneira axeitada, quen non vixía que se cumpra a lexislación e quen por incompetencia, medo ou o que sexa non actúa ante elas do xeito correcto. Eu síntome insultada, pola propia frivolización e polo obxectivo que persegue.

 "Atrévese a afirmar que espallar a merda permitiu a recuperación rápida do ecosistema, dándolle, sen o menor rubor, maior valor ao que ven os seus ollos que aos informes científicos, porque estes non concretan que danos persisten"

Pero aínda hai máis, o tribunal insiste en que a decisión do afastamento se tomou “tras o asesoramento técnico máis rigoroso e capaz,...”  e que “as alegacións de que o Prestige tivo un rumbo errático e que non se sabía exactamente o que facer co barco parecen pouco fiables,...”  Tamén nisto a sentenza é contraditoria e claramente tendenciosa, pois a pesar de dar por feito que houbo moitas irregularidades na xestión da crise: aplicouse o plan de emerxencia cun número de participantes superior ao previsto, non se constituíu formalmente o comité técnico asesor e o núcleo duro das decisións estivo concentrado en moi poucas persoas -irregularidades que describe como “marco difuso de xestión administrativa polo menos heterodoxa”-, asegura que nada diso influíu negativamente nas decisións tomadas pois non hai a seguridade de “que un organismo xestor e asesor constituído de acordo con todos os requisitos ad hoc tería adoptado outras decisións con mellor criterio,...”. Tampouco a hai de que tomase as mesmas, digo eu! En todo caso, cuestiona o valor dos protocolos de emerxencia na xestión das catástrofes ao defender que os resultados non dependen de que se sigan ou non, algo, ademais de moi discutible, totalmente irresponsable.
En resumo, a conclusión que podemos tirar da lectura da sentenza é que a xestión non foi a única posible nunha situación de emerxencia que desbordou as autoridades, como parecería suficiente para o cometido de non atopar culpables, senón a mellor, a que contou co mellor asesoramento, a máis eficaz para evitar os danos do medio; e que, ademais, temos un mar moi colaborador, que pode con todo o que lle botemos. Non esaxeremos, pois, non pasou nada, non hai que temer aos petroleiros que a diario pasan preto das nosas costas, xa temos experiencia e sabemos o que temos que facer se outro barco sofre unha avaría: afastalo o máis posible, esperar a que afunda e deixar traballar ao mar. Doado!

Algúns analistas atopan a sentenza impecable desde o punto de vista xurídico e mesmo se alegran da absolución de López-Sors porque así o Estado -isto é, nós- non terá que facerse cargo de pagar as indemnizacións. Eu non podo xulgala desde o punto de vista xurídico, carezo dos coñecementos necesarios, pero creo poder afirmar que é contraria á ciencia e á mera lóxica que tanto lle gusta ao tribunal. E non me alegro desta absolución, ao revés, a miña carraxe é aínda maior, porque con ela os responsables da catástrofe vense avalados pola Xustiza como antes se viron avalados por unha poboación que ten pouca memoria. Preferiría ter que pagar que ter medo, o medo, fundado, a que un novo Prestige volva ocorrer.

Nota: os textos en cursiva e entre comiñas son copias literais de fragmentos da sentenza.

Comentarios