Opinión

Metano vacún e ‘Flatus vocis’ humana

O ministro de consumo, que xa erguera unha vaga de ira santa por dicir que tarefas como destampar unha botella de cava e servila a seguir refinadamente non engaden valor á bebida, ao tampón nen á botella, vén agora de alporizar os empresarios da carne por lembrar que existe un importante consenso científico que advirte de que inxerila por riba dun nivel que a media ibérica excede compridamente non é o salutífero que podería parecer, senón precisamente todo o contrario. Convén lembrar que este consumo vén estimulado por unha actividade que non optimiza as prácticas gandeiras, por exemplo cunha xestión do territorio máis integrada e eficiente, senón que deriva dunha progresiva invasión de territorios rurais por instalacións que trasladan ao agro e ao monte métodos calcados da produción industrial de artefactos. Produtos deste sector como vacas tolleitas ou galiñas eivadas son máquinas dramáticas de facer ovos, leite ou carne que, incapaces de miraren por si, requiren, para viviren o seu status de monstros, enormes aportes de enerxía auxiliar: fertilizantes, praguicidas, pensos, fármacos, hábitats modificados, meios climatizados e outros suportes vitais insustentábeis, por sustentárense en última instancia no petróleo. A vantaxe da escala e a volta ao estilo de traballo colonial é o que atrae ao rural capital especulativo que, con meios avanzados e modos paleotécnicos, destrúe a produción do agro clásico e expulsa as poboacións (eis a España baleirada) ás periferias infraurbanas. De camiño, ás veces sérvenos prións que nos esponxan o cerebro por mor dos pensos de engorde. Como sarcástico colofón, os flatos vacúns desta brutal gandaría intensiva contribúen poderosos co seu metano ao efeito invernadoiro.

Naturalmente, dereita montesía e marañas sociais embestiron no comunismo (de praxe, por certo, pouco concesiva coas cautelas ecolóxicas: Marx non gostou de Malthus). O ministro, dixeron, quérelle rabenar ao pobo as liberdades alimentares e prohibirlle comer carne. Houbo rexoubas doadas coa Coresma, e baduantes cotiáns da dieta mediterránea argüiron que o pobo non se pode consentir carne ecolóxica e caviar, desbarrando agora en prol da democracia da burger. Preocupan, porén, os ámbitos onde cabería agardar coherencia. O dengue do ministro de agricultura e o chiste chulapo do chuletón do presidente (acaso agardando o aplauso de quen votan o programa madridense das cañas) decepcionan nun governo que creou –demos albízaras– un ministerio de transición ecolóxica e ten producido documentos que defenden xustamente o que agora o escandaliza. Ecoan aquí as sombras fratricidas que toldan ás veces a mirada á esquerda do socialismo liberal.

E aquel adiar de temas feministas ou homosexuais –novas albízaras– en función da meirande urxencia dos de clase. E o vello desprezo polo movemento ecolóxico, suspeitoso de defender só o confort burgués: nengunha paisaxe vale un posto de traballo, dicíase. E a axitación mendaz da inxustiza que para os mineiros do carbón supón a descarbonización, ou para a automoción a peonalización urbana, sen se reparar no que para todos supoñen as situacións actuais, por non falar do que para os africanos representa a deriva climática causada polo mesmo sistema que os colonizou. Mais sabemos que pior do que o vacún é o flato mental que pretende iniciar a transición só cando estea garantido que todo vai ser igual, pero cuns ciclos taumatúrxicos de materia e enerxía, libres das leis da termodinámica que hoxe nos afogan con plásticos, gases e resultados dos fluxos económicos. Convén, presidente que hoxe nos alivias o arrepío da alternancia, que mires pola túa saúde e non te rendas á gula.

Tamén teremos que buscar substitutos para usos actuais que nos parecerán de tan mal gosto como as corridas de touros; digamos o paseo urbano en coche, as carreiras de fórmula 1, as fallas ou as matanzas do San Martiño. Mais polos substitutos non hai caso: xa André Gorz advertía na década de 1980 que os leceres (tamén) termodinamicamente máis sustentábeis son a cultura e o sexo. Só compre que nos eduquemos neses eidos.

Comentarios