Opinión

O esteiro miñoto e o espírito esportivo

O esteiro do Miño entrou neste século ameazado pola sombra do turismo pouco sensíbel –digamos por sermos corteses– que hoxe paira sobre todo espazo natural, pero mantendo o atractivo dunha vida silvestre que, nuns poucos kilómetros, combina ecosistemas de ariño –termo proprio desas terras para o pasteiro de maresma–, xunqueira, intermareal areoso de esteiro e rumoroso bosquecho dunar de piñeiro cun pouco de carballo, bídalo, algo de sanguiño, sobreiras soltas e, por unha vez feliz, eucalipto e alcacia negra recuando.

Suspeitamos que na modesta sensibilidade conservacionista do concello da Guarda –que nesta angueira debería sentir o enérxico apoio autonómico– hai moito da heroica dedicación de Anabam (Asociación Naturalista Baixo Miño), ao activismo ecolóxico e o labor educativo. Que ten incluído, a máis dunha estimábel serie de publicacións, censos florísticos e faunísticos, defensa da flora dunar contra malentendidas tarefas de limpeza de praias, reintrodución de endemismos dende a máis civil beira portuguesa, e o tenro milagre de lograr que o turismo de sol e praia respeitase varios anos a cría das píllaras que ousaron chocar a súa posta nos areais de Camposancos. 

O inicio do século consentía aínda a delicia inofensiva de percorrer un litoral tapizado por unha ricaz vexetación de maresma con mestas xunqueiras de Scirpus e Typha. Ou definido por areais dunares nos que medran ventureiras carrasca de San Xoán e camariña, cebola das gaivotas e salgadeira, rabo de lebre, unlla de gato, aberiota e tantas outras delicadezas botánicas resistentes ao salitre bravío do virazón. Ou abrigado polo bosquecho antes aludido. Ou cedendo un amplo intermareal no que agroman co debalo as moriquiñas dos Nereis e voexan tres especies de gaivotas, o mazarico da nosa toponimia e folclore (¿quén che deu tan longo o pico?, pregunta o berce, deumo Deus e os meus pecados / pra picar o pan nos agros, retruca a ave), varias especies de patos e parrulos, que o galego distera segundo deixen ou non o cú fora ao mergullaren, garzas e garzotas que parecen pousar nos cons para as fotos, pilros bulebule que peteiran na area seguindo coma en rodiñas o vai-evén das ondas… Un raro gozo, asomade, a un tempo franciscano e refinado. 

Logo dunha década de non ir por aquelas terras, algúns albisques recentes déronme tristeira reseña do avanzo na degradación dunha contorna para a que igual chega tarde o recoñecemento do seu singular valor patrimonial. Escoitei turistas que, sen leren os carteis indicadores de que as pasarelas de madeira sobre as dunas buscan protexer a súa vexetación, xúlganas «una idiotez», por aquí o sol non permitir que a area abrase os pés. Vin ciclistas (con máis glamur mountainbikers) con cascos híbridos de Mad Max, o señor dos aneis e a guerra das galaxias, pero en todo caso a xogo coa ira desas rodas que sachan cal cabalo de Atila nos cambeiros da floresta dunar. E coloridos runners de zapatillas perfiladas que fozan vesánicas na herba dos camiños de base areosa. E troteiros (joggers), e máis calmos amadores da camiñadela (hoxe hiking) por quedos carreiros, locindo os últimos complementos do trekking e armados con pares de aguzados bastóns a furaren nos carrouchos. E engalotados amos de cans de presa encirrándoos contra as aves que aproveitan o intermareal; xa poucas porque lles acaban coa comida os pescadores domingueiros que van ao becho disfarzados de coronel Tapioca.

Compre se cadra dicir que o espírito esportivo hoxe ensalzado nos media non é o máis compatíbel coa ética ecolóxica na que nos vai a vida. O culto á competencia, musa do liberalismo, desata, cando non o furor hooligan, esa violencia dos heroes de estadios e canchas que dan berros brutais e puñadas ao ar cando lle inflixen un tanto ao adversario. Non, home –díseme–, iso é liberación benigna de raiba; e penso eu na que daquela garda o opoñente. Ao cabo compriría sobre todo unha Anabam multiplicada, para reeducar esa caste de esportistas que, mesmo se gozan co recato da vela, ceibos logo no Serengeti non dan con cousa mellor da que se enlearen a tiros cos elefantes.

Comentarios