Opinión

Discursos

Fora José Luis Balbín quen sinalara a riqueza do discurso de Felipe González en argumentos nos que a conxunción consecutiva "por consiguiente" daba paso a enunciados sen relación lóxica co antecedente. E fora tamén o director de La clave –espazo que tanto fan achar de menos os seus actuais sucedáneos canailles– quen con aguda perspicacia percibira que esa retórica era unha das chaves do éxito cómico de Cantinflas. Un argüír consecutivo moito máis sólido é o que o alcalde de Vigo Abel Caballero –ministro, por certo, de González naquel primeiro goberno libre do fedor franquista– enfía con eficacia nas súas cotiás falas radiofónicas. Co nexo "por tanto", segue un esquema do tipo de "no pleno de onte aprobamos o financiamento da grade de marcador. A obra da grade, por tanto, está xa dotada de financiamento e, por tanto, teremos pronto unha nova grade de marcador". Os puristas dirán acaso que son tres afirmacións en esencia equivalentes, pero iso é mesmamente o que fai monolítica a transitividade do discurso, onde unha acción de goberno leva con rexa consistencia causal, sen fendas lóxicas nin cantinflismos, a unha cadea de feitos positivos.

Estes días adquiriu xusta sona unha reflexión de Feijóo acerca da poxa eterna entre verdade e

mentira: "…as cousas que duran moito tempo son as cousas que ameritan a verdade. A verdade e a mentira é (sic) aquilo no que paga a pena dedicar unha vida. Para que? Para que a verdade venza a mentira e non a mentira venza a verdade. Iso creo, queridos amigos, que fai parte do noso compromiso cos intereses xerais". Aquí os críticos han falar de banalidade badoca, pero deberán admitir que o discurso mellora a parálise daquelas cláusulas de Rajoy como "un vaso é un vaso e un prato é un prato", "o serio é ser serio" ou "as decisións tómanse no momento de tomalas". Barthes dicía que esas oracións nas que o suxeito coincide co atributo, como "a lei é a lei" ou "un home é un home" delatan, coa súa inmobilidade inapelábel, un pensamento fondamente reaccionario; pero sería torpe non detectar o sagaz refinamento subxacente nas razóns da nosa dereita.

Rajoy fixo célebres tamén sentencias como "non é o mesmo que goberne un que goberne outro; dito doutra forma: é moi distinto", "farei todo o que poida e un pouco máis do que poida se é que iso é posíbel, e farei todo o posíbel e mesmo o imposíbel se tamén o imposíbel é posíbel", "é o veciño o que elixe o alcalde e é o alcalde o que quere que sexan os veciños o alcalde". A oposición ao citado discurso da esquerda é evidente xa a vista desarmada: aquel inspirábase no humor progresista dun Cantinflas que está sempre cos peladitos; este semella infiltrado co adoito lacaio dun Xan das Bolas ou dun Manquiña, que se ofrecen á rexouba como carnaza. Pero hai máis. A esquerda acode ás formas dun razoar que discorre lineal por fluídas cadeas causais. A dereita ve máis sinuosa a realidade, e mentres rimos coas pallasadas –cecais deliberadas– do líder, a súa mesturandaina de parvadas vai creando un galimatías que fai parecer razoábel aquela tese de Bernard de Mandeville –pai do liberalismo que Smith orlou coa man invisíbel de Deus, logo transustanciada no mercado– que na súa Fábula das abellas, ou vicios privados, proveitos públicos, teorizaba: "os excesos dos ricos libertinos dan traballo a xastres, cociñeiros, perfumistas, criados e mulleres de mala vida que, á súa vez, acoden aos servizos de carpinteiros, albaneis ou panadeiros, todo ao cabo con proveito do corpo social". Así Rajoy pode enunciar como un chiste "dixen que baixaría os impostos e estounos subindo", e como un sutil paradoxo o que cabe agardar do poder liberal: "o máis importante que se pode facer por vós é o que vós poidades facer por vós", ou "unha cousa é ser solidario e outra cousa é selo a cambio de nada". E así tamén o Feijóo que perde as caixas de aforro do país, destrúe acordos razoábeis con empresas eólicas, fracasa co aluminio ou trasacorda con Pemex pode gozar de sona ibérica como singular xestor.

Sería bon que a nosa dirixencia debese menos a Cantinflas e a Xan das Bolas.

Comentarios