Opinión

As armadillas da economía, ou o balanzo dos taberneiros

Nunha ruína da vila da miña infancia, dous venteiros de negocios entestados e pouca parroquia fóra dos xantares das feiras, saían de mañá diante de cadansúa porta e, logo de lle daren unha miga ao badal, un deles pasaba ao local de enfronte e facía a manda de dous albaroques. Un parrafeo demorado para baixar os copiños, e o da manda poñía unha peseta no mostrador, cruzaba a rúa e voltaba ao pé da súa porta. Nun bocadiño o convidado devolvía a galanura, o rito cursaba ás avesas e a peseta voltaba ao peto de partida. O notábel balanzo da mañá daba, pois, unha transferencia neta de augardente dos garrafóns ás andorgas dos garlichos, conservando o equilibrio financeiro. Os cristos periódicos que lles armaban as mulleres, nos entantos a traballaren nunha veiguiña, representaban as crises coas que o sistema regresaba por un tempo do delirio.

Acórdanme sempre esta comedia os que cren librar a economía, ciencia humana por nas súas engrenaxes intervir a vontade, en especial a política, da submisión aos balanzos termodinámicos, o que a excluiría, no fundo, das ciencias. Cando as universidades españolas facían doutor honoris causa a Mario Conde, a prensa celebraba a súa boutade de estar por un mundo no que os ricos fosen máis ricos e os pobres menos pobres. Daquela a subida lineal dos salarios semellaba unha petición progresista, e se A-B-C gañaban 1-2-3, ninguén suxería incrementos iguais para reducir a desigualdade e pasar a 2-3- 4 ou 3-4-5, contentándose con manter as relacións de desigualdade e pasar a 2-4-6 ou 3-6-9, aumentando así as distancias. Mesmo os aumentos lineais, pois, deixan ao descoberto a farsa de Conde e amosan que os ricos só poden ser máis ricos facendo pobres máis pobres. E o máis acusado incremento das rendas do capital verbo das do traballo dende meiados do século XX (Pikety) non fixo senón extremar o efeito.

Mesmo os aumentos lineais amosan que os ricos só poden ser máis ricos facendo pobres máis pobres

A deriva climática, que agora inicia a aceleración tantas veces prognosticada, propón polo tanto unha dinámica ben clara. Dun crecemento económico que dependeu do espolio de recursos non renovábeis e da emisión de residuos que excederon os ciclos naturais da materia, séguese que a todos os niveis (continentes, países, actividades, empresas, individuos) os ricos, que hipotecaron máis futuro do que os pobres, teñen que contribuír, como mínimo cun esforzo liñalmente crecente, á amortización da débeda contraída.

Os apóstolos da quimera económica do crecemento ilimitado nun planeta limitado falan agora oufanos dos xogos de suma non nula, divulgados como un fito da acción colaborativa. O exemplo canónico, o chamado "dilema do preso", propón o caso de dous delincuentes contra os que hai suspeitas para unha condena de dez anos, pero probas só para un ano, aos que se lles oferece por separado a opción de confesar. Se só confesa un, el libra e o outro purga os dez anos; se o fan os dous, cada un purga cinco anos. Outro clásico é o de dúas empresas que poden anunciarse nunha canle de TV só de tarde ou de noite, con diferentes audiencias (poñamos 0,7 e 0,5), e diferentes captacións segundo coincidan ou non no horario (poñamos 0,4 e 0,6).

Non interesan aquí as subtilezas que quen bote as contas nas catro opcións posíbeis de cada caso pode erguer lidando cos resultados do acordo ou desacordo e os efeitos da confianza mutua ou da repetición de xogadas. Coma na célebre illa dos raposos e os coellos, onde o que rexe no equilibrio é a herba, o piquer é que nos balanzos destes xogos nunca se di que o acordo perxudica a contorna social, que no primeiro caso recebe dous malfeitores ao cabo dun ano, e no segundo máis adroleiras mensaxes promotoras de consumo superfluo. Coma cáseque todo, cooperar é bon dependendo de para qué e contra qué. Sen dúbida cabe poñer exemplos máis edificantes (anque o feito de os típicos seren deste xorne acaso espella o mundo de partida), mais en calquera caso o esencial é, cando apretan as crises preditas con precisión dende hai máis de medio século, que os balanzos non se fagan ao estilo de quen esquecen a herba, de Mario Conde, ou dos abelludos taberneiros da ruíña da miña vila.

Comentarios