Opinión

Violadores

"Non sabía se me ían matar", dixo a vítima. “Temía pola miña vida", "arrimada á parede, acurralada, chorando moito e tremendo moito", aterrada até o extremo de ouriñarse por riba. "Non podía fuxir”, soa contra seis homes que a arrastraron para violala.

A vítima tiña entón 18 anos. Saía dun local de ocio cando as bestas lle interceptaron a vida. Ocorreu en Sabadell. Agora é o xuízo.

O fiscal preguntoulle a unha vítima que choraba e tremía porque semellaba que a estaban a xulgar a ela: Está vostede segura? E logo pediulle que aclarase que quería dicir con que a forzaran a manter relacións sexuais "con violencia". A unha vítima que relatou como a abordaron e como a forzaron para cometer contra ela todo tipo de atrocidades.

Como termina este suceso?, preguntou o fiscal, mentres a vítima asolagada polas bágoas relataba os horrores á que a someteron.

Non vos inquietedes por este maltrato institucional obvio, o avogado defensor dun dos acusados insistiu en “se non serían consentidas” aquelas “relacións”.

Até se atreveu a preguntarlle por que non pediu axuda ou non chamou a un timbre (seis homes corpulentos empurrábana a un sitio onde podía perder até a vida) mentres era conducida á nave.

Un relato aterrecedor, propio dunha snuff movie, unha vítima que o conta de milagre porque consegue fuxir do sitio case espida, para se decatar que esta sociedade misóxina, violadora, ía sometela aínda a máis tormentos, disfrazados de legalidade.

Os agresores eran árabes, mais o procedemento foi exactamente o mesmo que o das mandas autóctonas, e o que é aínda peor: o sistema xudicial volveuna violar.

Comentarios