Opinión

Trata

A quinta onda da covid tal vez pase de nós; en Afganistán, a xente loita, sobre todo as mulleres, para non perderen máis dereitos; as eléctricas chúchannos até a última pinga de sangue; as hordas de zombis desfilan por Madrid chamando a odiar con impunidade de vergoña; agroman e agóchanlle as falcatruadas ao emérito (máis do mesmo); un volcán entra en erupción en La Palma e produce enormísimas desfeitas, irrecuperábeis perdas materiais e a evacuación de milleiros de persoas; as choivas torrenciais fan estragos en Murcia; outra muller é asasinada en Galicia por un feminicida que xa tiña antecedentes por maltratar as súas parellas. Un triste resumo destes tempos. Tempos de confusión e apatía.

No medio dunha gran desmoralización intentamos seguir facendo pequenas cousas. Agora mesmo, á saída deste xornal, estaremos na Alameda realizando unha intervención para denunciar a Trata de mulleres e nenas para a súa explotación sexual. A acción Cuestión de xénero, unha réplica do que fixéramos en 2008 na Praza de Maio de Bos Aires, co apoio da rede arxentina Semana se trata de non + trata, o Concello de Santiago e a Libraría Lilith. 

A Trata é a «actividade» máis lucrativa despois do tráfico de armas e drogas. No Estado español a Trata move 5 millóns de euros ao día. As vítimas de Trata son, a meirande parte, mulleres (49%) e nenas (21%). No mundo, máis de 21 millóns de persoas son vítimas de Trata e España, un dos principais países de destino e tránsito desas vítimas en Europa, ten milleiros de mulleres explotadas sexualmente sen ningún dereito. O 80 % da prostitución provén da Trata.

Comentarios