Opinión

Soas

80 din que son, as oficiais contan menos por non ter que dar máis contas. E aínda faltan incertos 30 días nalgunha parte desta terra castigada. E ti castigada o dobre, desmembrada, ti botada nunha bolsa de lixo, lixándote tamén nos titulares dos xornais. Porque aínda non aprenden. E ti, espida e desgarrada, asistindo á túa segura morte. Asfixiada, para que cales: e cales para sempre. Ti arrastrando polas institucións o teu fastío. Denuncia, din, e ti sabes que nada vai parar o asasino. Porque os seus cómplices poñen cara de aburridos cando lles contas as veces que te ameaza o home co que casaches coa ilusión branca e a alegría tenra, o home do que te afastaches e te acosa malia todas as ordes xudiciais. O teu pai, o teu fillo, o teu tío, o teu irmán, o teu xenro...

Ou calquera home que pense que vale máis ca ti, vaite matar a tiros; coas súas propias mans; vai queimar a casa contigo dentro; vai matar os teus fillos e fillas a marteladas, a pedradas; vaiche pasar cun coche por encima. O home que é xa un descoñecido agochado no teu teito, o ditador que baixa o polgar e te descualifica, mentres ti insistes en petar nas portas de quen ten que coidarte e protexerte, e garantirche a vida que mereces.

Fálaslles da túa nena, tan linda, de dez anos, do teu neno de oito, que van quedar soíños. E cargas no teu lombo a pouca forza que che queda. E choras, e érgueste, e caes, e camiñas sabendo que estás soa. Por moito que che conten, estás soa. Fixeches o correcto e estás soa; venciches a vergonza e o medo e estás soa, camiñas pola rúa e estás soa, e vas ser só un número entre as soas.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios