Opinión

Sinais do retroceso

Hai doce anos, o 8 de marzo de 2006, Micaela Fernández e mais eu deseñamos uns sinais igualitarios, coas que intervimos 76 semáforos de Lugo. O que non se nomea non existe, base da Revista Foeminas, pioneira nas redes en xénero, que por entón facíamos con dificultades e agarimo. A intervención, Peona, vostede tamén pode cruzar, evidenciaba que os sinais de tráfico non escapan ao androcentrismo das sociedades humanas. Con menos de trescentos euros en impresións do erario público, deu a volta ao mundo sendo recollido polos principais medios informativos. Foi inmediatamente replicada (tal como aconsellou a FEMP nunha publicación) en cidades como A Coruña, Fuenlabrada, Jaén, e moitas outras. Xa non era un adhesivo de denuncia senón unha alteración permanente do semáforo. Volvemos facelas con 200 semáforos do centro de Bos Aires en 2009, comezaban a medrar por todas partes. Esta información atópase nas redes, non vos aburrirei con miudezas. Quero contar un feito recente e lamentábel. Co gallo das celebracións do Día do Orgullo LGTBQI, a xerente da Rede Museística, Encarna Lago, enredadeira de serie, pediume outro deseño aplicado á temática e coma sempre, efémero. Tratábase duns actos organizados polo Concello, a Deputación e asociacións. Fixémolo fieis ao espírito primixenio, unha figuriña coas cores do arco da vella. Non había acordo coa Policía Local, que empeñada en contradicir a aquela que hai doce anos levou un semáforo á miña casa para que lle tomase as medidas, e acompañou todo o proceso, negábase a aceptar que se interviñeran os sinais mesmo asegurándolles que non se tocarían en ningún punto.

Debido que a data se viña enriba e a resposta continuaba a brillar pola súa ausencia, o Concello decidiu que se facía igual e me achegaron un papel asinado pola concelleira onde o explicaba ben para cando viñeran pedir o permiso. Non vou entrar aquí en quen se equivocou, quen o fixo mal, ou se subestimou o que para o caso veu sendo o inimigo, mais o que ocorreu excede o esperpento.

Ao pouco fíxose presente outra parella da Nacional, un que quería seguir de largo e o outro moitísimo máis papista que Francisco

 

Comezamos a poñer as figuras mantendo o compromiso de non tocar as luces, a xente íase achegando e ao coñecer o motivo, maiormente, manifestábase  a favor, e así transcorreu a primeira xornada. Ao seguinte día -son moitos os semáforos das portas da Muralla- achegouse unha parella da Policía Local, muller e home, leron o que nós considerabamos unha autorización e dixeron que adiante. Adiante seguimos até que nos parou unha parella da Nacional, repetimos cerimonia e deixáronnos continuar. Ao pouco fíxose presente outra parella da Nacional, un que quería seguir de largo e o outro moitísimo máis papista que Francisco, que comezou a facer chamadas, a pedir os nosos documentos, a burlarse abertamente do texto dando a entender que aquelas siglas lle facían moita graza, e todo isto mentres un sol máis inxusto ca o contrario nos daba de cheo na cabeza ao bordo da insolación. Pasaron ben a gusto -de gusto nada- unhas dúas horas nas que non podiamos nin nos mover nin seguir e inda por riba fun ameazada cunha multa de tres mil euros por alterar a orde pública (eu). Nese intre volveron a se achegar os primeiros mozo e moza e pelexaron cos nacionais botándolles en cara que o tema non era da súa incumbencia e que para eles non había inconveniente en que remataramos o traballo, até que, finalmente, un coche atravesado sobre a rúa, esta vez de novo da Local nos inmobilizou de facto. Máis de media hora aturando a mala educación dun destes individuos que chegou a dicir que o papel do Concello lle daba xusto en partes digamos “indiferentes”. Tamén lle petaban nese sitio os antecedentes da obra, os meus, meu traballo de toda unha vida e a nosa para el minúscula existencia. Vostede será artista pero eu son policía, dixo o cidadán, e quedou tan ancho como lembrando a familia da alcadesa. Finalmente deixáronnos marchar e inmediatamente, eles mesmos, arrancaron cada un dos sinais. Non cabe aquí o que quero dicir, desexo que igual se comprenda. Unha soa palabra atragoada: retroceso.

Comentarios