Opinión

Será lei

Na Arxentina, onde, como sabedes, houbo campañas multitudinarias a favor da despenalización do aborto (Lei de interrupción voluntaria do embarazo) levadas adiante polas organizacións feministas e os movementos sociais, volve a estar o tema vixente pola preocupación que xera e a intención do goberno de cumprir unha das súas promesas electorais.

Aquelas loitas, cun momento culminante en 2018 cando se debateu a lei en ambas cámaras do Poder Lexislativo (aprobada no Congreso de deputadxs e rexeitada no de Senadores) puxeron na axenda política, non só arxentina senón latinoamericana, a importancia de discutir un tema que é, antes que nada, un problema de saúde pública (segundo o presidente Fernández).

Na rexión en xeral, e na Arxentina en particular, lévanse a cabo milleiros de abortos ao ano, moitos

deles con resultado de morte para a nai e o feto. As cifras destes decesos (mulleres moi novas ou mesmo nenas violadas por familiares próximos, en situación de pobreza e vulnerabilidade extrema) deixan mínimas ás producidas por calquera enfermidade vírica de moda con difusión mediática planetaria; din que, por máis que furiosos grupos antidereitos o proclamen a berros, os abortos clandestinos estragan as dúas vidas.

O actual goberno asumiu o compromiso de lexislar a favor da vida, de que ninguén máis morra por prácticas non científicas. Non o terá doado: moitxs dxs mesmxs momixs que rexeitaron o proxecto de lei na lexislatura anterior seguen a ocupar cadeiras de decisión, mais este goberno proporá en marzo un novo borrador que, asegura, será lei, porque así ten que ser.

Comentarios