Opinión

Escrache

Crecín oíndo a palabra escrache. Normal, no Río da Prata existe dende o Virreinato. E, antes de que H.I.J.O.S (Fillxs pola Identidade e a Xustiza contra o Olvido e o Silencio), organización con filiais en todo o país e o estranxeiro que agrupa fillxs de desaparecidxs, a encaixase na historia fixemos miles de escraches. En 1995, cando Menem non tivo mellor idea que indultar os xenocidas, H.I.J.O.S interveu de xeito directo para denunciar os feitos: Se non hai xustiza, hai escrache, era a consigna. As accións consistían en manifestarse nas inmediacións das casas dos xenocidas, con cánticos, música, pintadas, teatro. Alertar os veciños de que vivían onda un criminal.

Saltou do Río da Prata e instalouse na España dos desafiuzamentos. Non había xustiza: houbo escrache. Xa que logo, o escrache é unha ferramenta da cultura popular para denunciar a carencia de xustiza. Ese é o seu obxectivo.

A xustiza, a ambas as beiras do mar, decidiu que é liberdade de expresión e non constitúe delito mentres non lesione nin coaccione ao escrachado. E aínda que hai xente de diferentes ideoloxías ás que non lle gustan estas accións, cousa respectábel, son actos de cultura, non de vandalismo.

A orixe da palabra no lunfardo, que é, como dixen, moi vella, está en diferentes dialectos italianos. Significa fender, rabuñar, cuspir. Non hai consenso. Haino, e moi claro, no sentido. Neste marco, os retratos que Goya fixo dos Borbóns son un escrache. Marabilloso, por certo.

O que non significa, NUNCA, é acosar a unha familia que non cometeu ningún delito contra o pobo. O dxs fachas chámase ACOSO.

Comentarios