martes 26/10/21

Custos

Outro 8-M a piques de chegar e a un ano do que causara tanta polémica tamén nace envolto en polémica. Que se si, que se non, que se marchas si, que se marchas non. A pandemia non rematou; moito menos rematou a estupidez que semella medrar día a día.

Este ano a consigna do noso día refírese aos coidados. Os coidados que as mulleres desenvolvemos de xeito altruísta, invisíbel e, por suposto, sen recoñecemento simbólico nin material. 

Esta circunstancia púxose aínda máis en relevo coa Covid 19 e o confinamento, polo que penso que a reflexión debería levarse ao plano de canto nos vai custar a nós a pandemia. Ás que perderon o traballo, ás que quedaron confinadas cos seus verdugos, ás que estiveron en primeira liña, moitas veces en situacións de vulnerabilidade extrema e salarios precarios, ás traballadoras do fogar, as da cultura, ás mulleres prostituídas (ninguén mirou por elas), ás maiores nas residencias, ás nais de familias monomarentais (o 82% dos fogares cun só membro está formado por mulleres) ás que fartas de estar no paro agardaron inutilmente pola famosa renda mínima vital (un espellismo), ás nais teletraballando, criando, e sostendo a brecha dixital e enerxética, en fin, todas.

Non dubidemos de que o custo vai recaer sobre o noso lombo, coma sempre; mentres que, ademais, se ignoran os dereitos conseguidos porque a causa suprema vén sendo a pandemia. Como xa nos advertira hai moitos anos Simone de Beauvoir, para nós non hai dereitos conseguidos sobre os que poidamos descansar. Todo o noso é movíbel e cambiábel, nada relativo ás mulleres ten a máis mínima prioridade.

comentarios