Opinión

Cerebros

Unha das sinais máis ruíns destes tempos é a indiferenza xeneralizada, a falta de empatía, o desprezo polos valores básicos que distinguen as boas persoas daquelas que viven porque o aire aínda é de balde.  

Hai días, moitos, nos que custa atopar motivos para acreditar nos seres humanos. Non hai máis que ver as noticias na tele, nos xornais... Noticias que os principais medios contan como convén aos intereses que os financian, deturpando ou escachizando a realidade. 

Eu vou vella; non me afago a esta deriva do sistema que esmaga a tanta xente, ao séquito de alcaiotes que xuran sobre a biblia, o talmud e o corán que os disparates máis grandes son reais ou irreais, segundo o caso.

Dan mágoa e un noxo insoportábel. A pobreza e a miseria non son só pobreza e miseria material. É un baleirarse daquelas cosas que nos distinguen como persoas, como seres sociais, educadxs, respectuosxs.

Infelizmente podería poñer centos de exemplos, mais vou centrarme nas declaracións dun rapaz, por chamarlle algo, que ten millóns de seguidores nas redes. Un rabeno mental que fai gala de follar sen condóns e dicirlles ás súas parellas que é estéril. Estéril si que é, non cabe dúbida ningunha. Non imaxino unha soa das súas conexións cerebrais tendo vida intelixente.

Ademais, o moi parvo, apoderado na súa estulticia mental e os millóns de taradxs que o seguen, chama asasinas ás mulleres que abortan, mesmo se fosen violadas. Non é o único, hai centos e centos de proxectos errados de deus, do demo, ou da xenética. Horríbeis seres que reúnen neles as taras todas. E o que é aínda peor: que a sociedade premia.

Comentarios