Opinión

Anestesia

O mundo non acepta a morte, a dor. Non acepta que os crimes horríbeis sexan cometidos por persoas coma nós. Chámaos monstros. Precisa agochar a carga de culpa dunha sociedade que fallou. E romantiza. Por iso, unhas nenas asasinadas polo seu proxenitor ―non pai― nun acto extremo de violencia vicaria, convértense en imaxes de sereniñas que van xuntas ao fondo do mar, onde a dor non existe: e o crime tampouco.

É imposíbel para quen non o viviu imaxinar a dor desa nai. Nada pode ser peor que a morte dun/ha fillx; e, se ocorre porque un fillo san do patriarcado decidiu quitarlles a vida para matar a nai até o seu derradeiro día, o medre desa tristeza é infinito.

A violencia vicaria é contrastábel. O contrario do falso SAP, co que pretenden seguir tendo dominio sobre nosxs fillxs. A violencia vicaria substitúe á muller maltratada para esnaquizar xs fillxs, e matala infindas veces.

Dicimos que un maltratador non pode ser un bo pai. Xa é momento de dicir que un maltratador non pode exercer de pai: nin bo nin malo. Que debe perder todos os seus dereitos de paternidade, as visitas, e o uso do apelido por parte dxs fillxs. Xs xuíces só impiden as visitas nun 3% dos casos. Os resultados están á vista.

O que sería efectivo é a condena social, mais non chega. Oímos cada día que a violencia machista non existe. Braman nas institucións que nós costeamos disparates semellantes. E o calado destas afirmacións, no seo dunha sociedade misóxina, é abafante.

Acálanse os berros, a rabia, os reclamos. Déixase de loitar, moita xente acepta a derrota. Con imaxes edulcoradas anestesia a súa conciencia.

Comentarios