xoves 16.07.2020

A pobreza

A pandemia non só trouxo a morte para milleiros de persoas no Estado español, senón que puxo en evidencia o que xa sabiamos, e non fixemos ren coma sociedade por emendar: a pobreza extrema para millóns de seres humanos, dxs que a gran maioría son mulleres.

A COVID-19 (quere a RAE, preocupadiña pola inclusión, que sexa feminina), e o futuro incerto que está a deixar, non fixo máis que afondar no que xa estaba. O resultado do saqueo de 2008 polo que ninguén pagou, e, a xulgar polos berros que dan, quedou coma o conto da manta, que dicía miña nai que protestaba máis quen a cagara que quen tiña que lavala (perdoade a escatoloxía).

O resultado amosa un panorama de poñerse a tremer e non parar: máis do 26% da poboación baixo os lindes da pobreza. Ou sexa, para falarmos claro: xente que non come todos os días, e, cando o fai, non cubre nin de lonxe a cota alimentaria mínima. Nin carne, nin peixe, nin polo, nin froita nin alimento ningún. O 90% desa franxa non pode afrontar o pago de imprevistos: a rotura da neveira, das lentes, o dentista. E o 30% sufre pobreza enerxética.

E dentro deses colectivos, agochados polos medios hexemónicos, están as familias monomarentais (no Estado, 1,5 millóns de familias encabezadas por nais solteiras, segundo o INE), que son a amplísima maioría entre as que teñen ao fronte un só membro. Mulleres soas, con fillos e fillas menores que dependen absolutamente delas. Delas que teñen traballos precarios e sofren alugueres abusivos; e despois da pandemia aínda máis. A vulnerabilidade severa ten rostro, coma sempre, feminino.

comentarios