Opinión

A Galega

Hai una semana falabamos da violencia xudicial contra unha rapaza que denunciou unha violación múltiple, e hoxe toca falar doutro caso de violencia institucional porque, á fin de contas, a televisión que pagamos todxs xs galegxs é unha institución. Vénse falando dende hai varios días, mais coido que temos que seguir afondando en por que, nun organismo público, se denigra ás mulleres. Porque cando a ofensa se fai con impunidade dende un organismo público, o que se consegue é lexitimar e normalizar a barbarie.

Certo que a machirulada ancestral da TVG é notábel. Non hai máis que botar un ollo ao protagonismo masculino na programación, co acompañamento floreiro ou testemuñal de mulleres presentadas de xeito banal. Hai excepcións, como nos programas culturais. Madía leva!

Da desculpa do presentador non paga a pena falar. É obvio que é forzada e falsa. O programa non fora en directo, había tempo e motivos dabondo para eliminar esas tomas nas que se puxo a unha muller que foi maltratada contra as cordas. Para maltratala de novo, esta vez en público e con cartos públicos.

Ademais, o señor que di que é mellor ver o programa que pegarlle a unha vella non merece nin comentarios.

En calquera caso, máis aló de que é preciso cuestionar moitos dos contidos da TVG, temos que ter moi claro que non podemos permitir que se dean pasos atrás. Os pasos atrás son pasos ao baleiro. Levamos moitos anos de loita, de perdas, de cifras, de estatísticas sempre en contra de nós para que, nada menos que dende a televisión pública, se humille ás mulleres. Defender A Galega é, tamén, rexeitar o machismo.

Comentarios