Opinión

Non hai Galiza B

Amocidade galega sumouse decididamente este ano á loita contra o cambio climático dende as aulas reclamando a toda a sociedade tomar conciencia ambiental, ao berro de “non hai planeta B!”.

A defensa ecolóxica de Galiza debe ser un valor principal e transversal en calquera organización política galega nacional e progresista. Por esta razón, dende En Marea decidimos dedicar o día da Matria á reivindicación ambiental, convencidas de que sen futuro para o planeta non hai futuro para o país, e de que debemos implicarnos a fondo para deixar ás nosas fillas e fillos un lugar mellor onde vivir.

A ecoloxía é unha forma de facer política. O modelo político do Partido Popular carece de ética ambiental, e o vencello entre corrupción e contaminación non é casual. O seu modelo condena o rural á desaparición para procurar a ENCE base territorial para o monocultivo do eucalipto: dálles igual aniquilar o hábitat, os incendios ou a despoboación do interior. No subsolo, a minería contaminante en Touro ou San Fins ábrese paso na consellería a golpe de corrupción, igual que a urbanística, que baseada no uso especulativo do chan impide un modelo sustentable que debera servir para xerar un lugar amable e san onde vivir, traballar e relacionarse.

En Marea cremos que a ecoloxía é un deber e unha oportunidade como país: potenciando a economía verde, producindo só o que precisamos, preto da casa e en condicións laborais xustas; xestionando os recursos naturais de forma sostible e repartindo entre toda a sociedade a riqueza que xeran.

O noso orgullo nacional reside en deixar aos que veñen unha Galiza máis xusta social e ambientalmente, unha nación con futuro da que sentirnos orgullosas.

Comentarios