Opinión

Quen nos entende?

Por favor, a ver se nos aclaramos para entendernos. A nós e aos demais.


Por favor, a ver se nos aclaramos para entendernos. A nós e aos demais. Aos de dentro e aos de fóra. Por que se nós propios non nos entendemos, de nada vale iso de Pondal de “non nos entenden, non.” Pois a cuestión xa non é de imbéciles e escuros, xa que por moi bo e xeneroso que un sexa, non sei onde imos con este panorama que semella un querer e non querer mais propio dun vodevil que da política. 

Queremos traballar polo país? Ou sexa, polo territorio e as súas xentes. Ou queremos xogar ás agochadas?Importan as xentes e o territorio? Ou sexa, o país. Ou simplemente é cuestión de egos e vendetas; desas que se serven frías e que fique eu torto se o outro fica cego... Por favor.

Sempre apelando á xenerosidade. Mais a dos outros. Eu quero a todos, mais ese case mellor que non. Que falen as bases, e acordamos polo cumio

Sempre apelando a xenerosidade. Mais a dos outros. Eu quero a todos, mais ese case mellor que non. Que falen as bases, e acordamos polo cumio. E as bases, que fagan de palmeiro, ou senón que lles dean. Xa dixo alguén en Cataluña que “cando eu sexa presidente”... Menos mal que estamos nun sistema parlamentario e non nun presidencialista. 

Dende os partidos, criticando a política de partidos. Xente que leva na política dende que eu puiden asistir ao meu primeiro mitín, alá en Riazor polo 1977, falando de renovación. Politólogos que confunden a praxe política, coas análises conforme á súa ideoloxía. Verborrea de trileros para negar o evidente: molesta o nacionalismo.

Verborrea de trileros para negar o evidente: molesta o nacionalismo

Transcribo o que escribiu un amigo mentres tiña lugar o debate das mareas “O nacionalismo é un estorbo, mais hai que aparentar que son os partidos nacionalistas os que non queren concorrer. O peor desa estratexia é que os partidos nacionalistas acaban perdendo o tempo esperando ao rei do mambo sen artellar a súa propia candidatura”. Literal. A frase non é miña. Mais concordo e subscribo.

Ríos e ríos de tinta cheos de semántica vacua. Semella o celebre debate entre os xudeos opostos á dominación de Roma na Vida de Brian, mais en cutre. E por riba, con certa dose de esquizofrenia. Estamos coa CUP, mais na Galiza queremos a Pablo Iglesias. Por certo, e xa o teño comentado, para min o discurso de Podemos é tan de esquerdas como o era o de Falange. E o seu concepto territorial do Estado, ... Onte mesmo no debate da TV1, Carolina Bescansa reiterou iso de que a ”unidad de España” para eles non se cuestiona.

Para rematar, unha dúbida. Entre os candidatos de Catalunya si que es Pot, hai algún partidario da independencia? Se é así, algún votante de Catalunya si que es Pot optou por esta opción pensando que accederían á independencia?.Pregunto, non por nada, simplemente para saber se están ben calculados esas porcentaxes de independentistas si ou independentistas non, pois con tanta ambigüidade un xa non sabe.

Comentarios