Opinión

Donde vas PSOE?, Donde vas triste de ti?

A nova, mala nova, de que coa desculpa da necesidade dun pacto de estado, recentemente asinado polo PP e o PSOE, trouxo a miña mente esta frase tomada prestada das películas ¿Donde vas Alfonso XXI? do director Luís César Amadori e da súa segunda parte ¿Donde vas triste de ti? dirixida por Alfonso Balcázar. 

A nova, mala nova, de que coa desculpa da necesidade dun pacto de estado, recentemente asinado polo PP e o PSOE, trouxo a miña mente esta frase tomada prestada das películas ¿Donde vas Alfonso XXI? do director Luís César Amadori e da súa segunda parte ¿Donde vas triste de ti? dirixida por Alfonso Balcázar. Se horrorosos, no meu corto entender cinematográfico,son os dous filmes máis espantoso é a necesidade que teñen certos dirixentes do PSOE de dar a nota co fin, din os tertulianos, de gañar o voto do centro. Coma se a suposta centralidade aceptara cegamente que se aproben medidas que van contra os dereitos dos cidadáns.

"Espantoso é a necesidade que teñen certos dirixentes do PSOE de dar a nota co fin, din os tertulianos, de gañar o voto do centro"

Nas etapas máis duras dos atentados da E.T.A., e cando sectores radicais da dereita, ultra atreveríame dicir, bramaban para que dende o estado se usaran medios de dubidosa legalidade, _ e con certeza de nada dubidosa indecencia _, dende sectores dese suposto centro político no que semella que todos queren, queremos, estar argumentábase que había que respectar o estado de dereito.

E é que o estado de dereito é “a proba do algodón” dunha auténtica democracia, na que as leis están ao servizo dos cidadáns e non ao servizo dun lexislativo que cando non ten argumentos recorre aos recortes de liberdades fundamentais e esenciais dende que un tal Sieyes pronunciou iso de “que é o Terceiro Estado” e, poucos anos antes, cando a Constitución  elaborada en Filadelfia foi ratificada polo pobo nos diferentes estados coa fórmula de “Nós o Pobo”.

"E o bo do Pedro Sánchez, xa recibiu o “abrazo do oso”. Felipe González, xefe dun goberno no que o terrorismo de estado foi práctica habitual (lembremos o GAL), acaba de bendicir o pacto"

En un estado, o español, caracterizado pola sucesión de pronunciamentos e golpes de estados. Cunha Transición da última ditadura (que algúns teñen reparos en condenar), que non foi quen de reparar na súa plenitude a legalidade previa ao golpe de estado do 18 de xullo de 1936 (e non falo de revisionismo histórico), … Para que seguir. Cun estado esencialmente xacobino dende as súas orixes; tanto no da negación de todo o que non sexa UNO como no gusto pola aplicación do TERROR para impor a “razón de estado”, e con esa razón todo se xustifica. Pois, en fin … 

Horroso. Reprobábel. Deleznábel. Inxustificábel. Non hai cualificativos para se referir ao Estado Islámico. Unhas prácticas de tan profunda barbarie que nos fan lembrar episodios propios das etapas nas que a Inquisición impuña a súa lei e a súa Orde. Mais o que nos debe diferenciar deles, é precisamente asumir o “estado de dereito” como garante das liberdades individuais fronte os abusos do estado.

E o bo do Pedro Sánchez, xa recibiu o “abrazo do oso”. Felipe González, xefe dun goberno no que o terrorismo de estado foi práctica habitual (lembremos o GAL), acaba de bendicir o pacto. E o máis insultante é que cando se quere xustificar o inxustificábel, sempre se recorre a falar da defensa do “estado de dereito” e a democracia. Por favor, no meu nome: NON. 

Comentarios