Opinión

Cánovas, Sagasta e os “Cuneros”. Tamén Pablo

En época de Cánovas e Sagasta, na España da primeira restauración borbónica, aqueles deputados que o executivo “encasillaba” nos distritos rurais para lles dar acomodo recibían o nome de “cuneros”. Agora, na segunda restauració borbónica,

En época de Cánovas e Sagasta, na España da primeira restauración borbónica, aqueles deputados que o executivo “encasillaba” nos distritos rurais para lles dar acomodo recibían o nome de “cuneros”. Agora, na segunda restauració borbónica, Pablo Iglesias sorprende cunha proposta que, sen ser exactamente igual, fai lembrar en certos aspectos a eses “cuneros” da España decimonónica. Distrito único nas primarias e, polo que entendo, segundo o apoio recibido optas a unha ou outra provincia. Vamos, sistema MIR aplicado á política. 

"Pablo Iglesias sorprende cunha proposta que, sen ser exactamente igual, fai lembrar en certos aspectos a eses “cuneros” da España decimonónica"

O político ao servizo do cidadán como valor universal. E é certo, e o nacionalismo, o galego cando menos, recoñece que hai unha serie de valores que nos son propios polo simple feito de ser cidadán: liberdade, igualdade, fraternidade, ... Mais a execución no día a día deses valores universais hainos que plasmar nun determinado territorio. E, certamente, nos son as mesmas penurias as que un pasa en Murcia que en Albacete. E se eu fose cidadán de Albacete, gustaría que non fose un señor de Murcia, por moi bo político que este fose, quen tratase daqueles asuntos que me son peculiares e que deberán ser tratados de maneira diferencial para eu ter, na práctica, os mesmos dereitos que o cidadán, tan cidadán coma min, de Murcia.

Esta obsesión centralista, non sei se simplemente xacobina ou tamén españolista, que amosa con descaro Pablo Iglesias é algo que me irrita. Incluso penso se non será unha pose defensiva, ao estilo bandeira española de Pedro Sánchez, para frear os ataques á suposta radicalidade procedente de sectores da dereita. Xa se sabe, se un é moi moi español, entendendo por español o ser español rancio e centralista, moi radical non debe ser por moi mediatica que sexa a coleta. Xa o dixera José Calvo Sotelo: “más vale una España roja que una España rota”. E Pablo, e o PP, o saben e así o viven.

 "Se un é moi moi español, entendendo por español o ser español rancio e centralista, moi radical non debe ser por moi mediatica que sexa a coleta"

Alégrame que sectores do seu partido discrepen con ese talante, en nada progresista  e si propio dun déspota ilustrado, que amosa o sector oficialista de Podemos. E supoño que para moitos deles o ser nacionalista, e máxime nacionalista galego, nada significa. Mais cando menos son conscientes de que un cidadán de Ourense precisa que cando se debatan  os orzamentos, o seu representante coñeza as problemáticas dos habitantes desta provincia. Para votar o que mandan os de Madrid, xa temos experiencia dabondo.

Comentarios