martes 21.01.2020

Terror en San Simón

Unha empresa privada autorizada pola Xunta de Galiza, a navieira Nabia, organiza na noite do xoves 31 de outubro unha “noite de terror” na Illa de San Simón para celebrar a festa do Samaín. Presentado como unha actividade lúdica e educativa, o evento inclúe unha cea nun dos edificios da illa e a experiencia dunha “noite de terror, unha auténtica e aterradora experiencia na illa na que haberá que superar terroríficas probas”. Festa de Hallowen en San Simón deberían chamarlle, e non andar con rodeos.

O 31 de outubro de 1936 nove homes encarcerados na illa vivían unha auténtica noite de terror, logo de seren condenados a morte: os médicos Amancio Caamaño, Telmo Bernárdez e Luís Poza, os mestres Benigno Rei, Paulo Novás e Germán Adrio, o avogado José Adrio Barreiro, o impresor Ramiro Paz e o xornalista Víctor Casas. Foron fusilados na Caeira o 12 de novembro de 1936, xunto co capitán da garda de asalto Juan Rico.

No mes de novembro de 1936 repetíronse as noites de terror na illa, coas incursións que os presos chamaban as “noites da raposa”, na que grupos de gardas civís e paramilitares entraban na illa de madrugada para sacar grupos de homes que ao día seguinte aparecían asasinados nas estradas da contorna.

Verdadeiro terror sentiu na noite do 9 de novembro Manuel Lustres Rivas, xornalista do Faro de Vigo. Ao día seguinte o seu corpo e o de outros nove presos da illa apareceron no alto da Concheira, en Redondela.

Terror, medo, fame, desamparo sentiron máis de seis mil presos encarcerados nunha illa idílica convertida en campo de concentración. Os centos que morreron por enfermidade debido ás extremas condicións do presidio. As ducias que fixeron a última viaxe cara a unha gabia ou cara a un pelotón de fusilamento.

Non se pode banalizar o mal, trivializar a historia, ofender as vítimas e xogar cos sentimentos das familias. Non se pode profanar desta maneira burda e irrespetuosa un lugar da memoria colectiva e tamén un espazo de dor e de profunda emoción. Non se pode igualar a historia da illa, poñendo no mesmo nivel episodios afastados no tempo e a experiencia tráxica e traumática do campo de concentración, que pervive na lembranza amarga de centos de familias.

Non é a primeira vez que se organizan este tipo de actividades. É habitual que empresas privadas desenvolvan en San Simón todo tipo de celebracións e actos lúdicos que non son propios dun espazo con este significado e simbolismo. Acaso alguén imaxina que empresas privadas organicen ceas de Samaín e visitas con probas terroríficas en Mauthausen ou en Auschwitz?

O goberno galego debe impedir esta nova aldraxe ás vítimas do terror franquista e ás súas familias. E tendo en conta tamén a condición de BIC das illas de San Simón e San Antón, debe aprobar un Plan de usos que estableza o tipo de actividades que se poden desenvolver nelas, un plan que debe ter como prioridade a homenaxe, a lembranza e a reparación das persoas que estiveron presas e as redes de solidariedade que se teceron arredor.

E nin sequera se trata xa de recuperar San Simón como a Illa da Memoria, non lle imos pedir ao actual goberno galego que repoña todo o que destruíu. Só lle pedimos que actúe cun elemental principio de humanidade, de sensibilidade e de respecto ás miles de persoas que estiveron presas na illa e as que seguen presas da dor. Ás miles de mulleres e homes que sufriron -e seguen sufrindo- o terror de San Simón.

Terror en San Simón
comentarios