Opinión

San Simón e a desmemoria programada

Un ano máis, a Iniciativa Galega pola Memoria organiza o domingo 20 de xullo a Homenaxe Nacional ás Vítimas do Fascismo na Illa de San Simón. É o única continuidade que queda daquel tempo (2005-2009) no que o goberno galego convertiu San Simón na Illa da Memoria.

Años atrás fue un hospital, un lugar para refugiados, e incluso un campo de concentración de leprosos… pero en la actualidad, la isla de San Simón, se ha convertido en la isla del pensamiento.

(Texto dunha actividade lúdica organizada en San Simón no ano 2014)

Un ano máis, a Iniciativa Galega pola Memoria organiza o domingo 20 de xullo a Homenaxe Nacional ás Vítimas do Fascismo na Illa de San Simón. É o única continuidade que queda daquel tempo (2005-2009) no que o goberno galego convertiu San Simón na Illa da Memoria. Através de encontros, exposicións, homenaxes, visitas guiadas, publicacións, creación dunha biblioteca temática... a Illa convertiuse no espazo simbólico da memoria das vítima do terror fascista.

"A chegada do PP ao goberno da Xunta en 2009 supuxo o final do traballo que se fora consolidando para artellar, entre o goberno e o tecido asociativo, un programa xeral de investigación, divulgación e homenaxe ás vítimas da Ditadura".

A chegada do PP ao goberno da Xunta en 2009 supuxo o final do traballo que se fora consolidando para artellar, entre o goberno e o tecido asociativo, un programa xeral de investigación, divulgación e homenaxe ás vítimas da Ditadura. Eliminouse o Consello da Memoria, destruíronse as exposicións temáticas, agocháronse as publicacións, elimináronse as axudas a asociacións, asfixiouse o proxecto interuniversitario Nomes e Voces...

O punto culminante do intento de aniquilamento de todo o que se fora erguendo con grande esforzo foi a ocultación de San Simón como lugar de represión e espazo de memoria, culminado co ominoso enxendro denominado “Illa do Pensamento”. Só foi unha artimaña para ceder a Illa a unha descoñecida asociación sen ningún vencello co país, proxecto aparentemente fracasado, non sei se por carencia de ideas, de vontade ou de orzamento para alimentar á unha troupe de intelectuais tan cosmopolita e viaxeira. 

" O domingo 20 de xullo voltaremos a illa para denunciar a desmemoria programada"

Fracasada a ocupación da illa polo “tanque de pensamento” dereitista, a ofensa á memoria das vítimas segue perpetuándose, eliminando na programación da Illa calquera mención ao seu pasado como espazo represivo. A única actividade relacionada coa represión e  a memoria das vítimas que se organiza é a homenaxe nacional que este ano reúne na illa aos colectivos que manteñen vivo o facho da memoria fronte ao esquecemento imposto polo PP, que segue a ocultar o seu “pasado incómodo”. O domingo 20 de xullo voltaremos a illa para denunciar a desmemoria programada e para reivindicar, na Illa da Memoria, o exemplo dos que deron a vida pola liberdade, a democracia e os dereitos nacionais de Galiza.

Comentarios