Opinión

Política para “dummies” e outras historias

O pasado día 19 de decembro celebrouse unha sesión solemne do parlamento galego para conmmemorar os 40 anos da institución. O aniversario foi utilizado polos presidentes da Xunta e do Parlamento e polo voceiro do grupo parlamentar do PP para facer unha lectura interesada da historia: basicamente, na interpretación “popular”, todo o pasado foi un preámbulo necesario para chegar ao actual esplendor autonómico, unha etapa de estabilidade e prosperidade que se presenta como verdadeiro obxectivo das loitas e dos sacrificios do galeguismo histórico, Castelao e Bóveda incluidos.

Fronte a esta versión manipulada da historia, ergueuse o discurso lúcido de Ana Pontón, na reivindicación do legado de diferentes xeracións de nacionalistas, coas súas arelas ainda non cumpridas; na crítica dun autonomismo autolimitante e dun parlamento que se pretende reducir a unha casca baleira; na apelación a un porvir que pasa por crer no país, desenvolver todo o seu potencial, e exercer con plenitude os dereitos políticos da nación galega.

Poucos días despois da xornada de botafumeiro institucional, o pasado 23 de decembro asistimos no Pazo do Hórreo a un deses debates que adquiren valor simbólico e político profundo. A intervención de Olalla Rodil en resposta a unha proposición do PP na que se esixía obediencia á Constitución e ao Estatuto pasará á historia do parlamento.

O discurso é unha peza oratoria excepcional no fondo e na forma: polo contido, o dominio da retórica, a prosodia, a posta en escena, a xesticulación. É unha demostración sublime do valor do posicionamento no debate parlamentar: o dominio escénico e o empoderamento como actitude retadora e gañadora. Nesta actitude xoga un papel esencial o humor, como estratexia de captación de atención e de intercambio de posicións: o xogo paródico, utilizado con moita habilidade para espir de argumentos e ridiculizar o adversario, que se converte nunha especie de “cazador cazado”.

Mais o discurso non se pode reducir a un portentoso exercicio de retórica parlamentaria. Nel hai dúas partes ben diferenciadas, ademais da introdución (desmontaxe hiperbólica do efecto buscado polo PP) e do peche (chiscadela ás Tanxugueiras). Unha primeira, na que se expón de maneira brillante o “nacionalismo galego para dummies”, serve para desmontar mediante a parodia a intención do grupo maioritario (poñer en dificultade ao BNG), para explicar de xeito directo, claro e, sobre todo, práctico o ideario do nacionalismo galego, e para establecer unha relación de complicidade co público, que celebra esa comunicación “extraparlamentaria”, a linguaxe da rúa e das redes con toda a súa forza, frescura e actualidade.

A partir da metade da intervención xorde un discurso máis argumentativo, que ten un efecto demoledor nun adversario que xa a esa altura estaba na lona. O primeiro argumento consiste en agradecer (de novo o humor) ao PP que propoña este debate, xa que ese é precisamente o terreo no que se sente forte unha organización nacionalista. O segundo razoamento apela á verdadeira motivación inconfesábel da proposta do grupo maioritario: o medo ao ascenso imparábel do BNG, un medre que o PP percibe na demoscopia e na súa propia base social. Deste xeito, confírmase que a proposición sometida a debate é unha nova manifestación do medo e do nerviosismo da dereita, verdadeira razón dos ataques ao BNG e á súa voceira nacional Ana Pontón.

Máis alá da análise concreta do debate, no que o voceiro “popular” saiu derrotado e humillado, o acontecido ten unha transcendencia moito maior. Na vida parlamentar sinala un punto de inflexión, unha divisoria nunha correlación de forzas que vai moito máis alá da aritmética. No contexto político marca o avance de posicións dun BNG que xoga claramente á ofensiva e que está en disposición de disputarlle a hexemonía ao PP, tal como acertadamente enunciou Pontón logo da asemblea nacional de novembro. Desde o punto de vista social, ten tamén un dobre efecto catártico: por unha parte actúa como resorte de motivación, de mobilización e cohesión da base nacionalista; por outra, reafirma a capacidade para sintonizar con amplos sectores sociais e nomeadamente coa xente nova, o grande motor do cambio político galego.

Como a bolboreta de Lorenz, o aleteo do discurso de Olalla Rodil produciu efectos en cadea no parlamento e no universo político galego. E fica para a historia, abofé.

Comentarios